Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Literatura e espionaxe

No ronsel dos axentes secretos

Matt Damon  e Alicia Vikander en Jason Bourne (2016).

Matt Damon e Alicia Vikander en Jason Bourne (2016).

Hai apenas uns días finou en Cornualles o escritor británico John Le Carré, mestre entre os mestres da novela de espionaxe. El foi, a non dubidalo, o máximo expoñente desta narrativa no último medio século, mais as orixes do xénero remóntanse á centuria anterior, cando Fenimore Cooper publicou en 1821 O espía, un texto ambientado durante a Guerra da Independencia estadounidense onde os roles vitais duplos xa eran protagónicos. Agora ben, a novela de espionaxe ao modo de thriller político configurouse como tal pouco antes da Primeira Guerra Mundial, coincidindo co nacemento dos servizos de intelixencia, e foi moi popular ata a fin da guerra fría e a caída do Muro de Berlín en novembro de 1989. Nese momento, o cambio do escenario político mundial dos dous vellos bloques desfavoreceu o seu cultivo, que volveu coller pulo a raíz da treboada de atentados terroristas internacionais e, sobre todo, logo da traxedia do 11 de setembro do 2001.

Antes da I Guerra Mundial cobraron xusta fama o Kim (1901) de Rudyard Kipling; A pimpinela escarlata (1905) da Baronesa Orczy; textos da novelística de Arthur Conan Doyle protagonizados polo celebérrimo Sherlock Holmes como Aventura do tratado naval (1893) ou Aventura dos planos de Bruce-Partington (1908); O axente secreto (1907) de Joseph Conrad; ou a serie do xenuíno detective Joseph Rouletabille creada polo francés Gaston Leroux, que se iniciou con Rouletabille na casa Krupp (1917).

Foi xa no período de entreguerras e durante a II Guerra Mundial cando comezaron a aparecer novelas escritas polos propios axentes de intelixencia retirados, como Somerset Maugham, quen en Ashenden describiu con acuidade toda a rede de espionaxe da primeira gran guerra; ou como a escocesa Helen MacInnes, quen en 1939 deu a coñecer Baixo sospeita, outro clásico do xénero.

Coa chegada da Guerra Fría a novela de espionaxe alcanzou o seu esplendor e foi entón cando comezaron a popularizarse os relatos de Graham Greene, que ficcionalizou as súas propias experiencias cos servizos de intelixencia británicos en novelas como O americano impasible (1952) ou a moi aplaudida O noso home na Habana (1959). Tamén é neste momento cando nace o fenómeno literario (e pronto tamén cinematográfico) do famosísimo James Bond, o axente 007 que xurdiu do maxín de Iam Fleming, aparecido por primeira vez en Casino Royale (1953). A estes habería aínda que sumar obras referenciais de Frederick Forsyth como O día do Chacal (1971), Odessa (1972) ou Os cans da guerra (1974); de Ken Follett con O ollo da agulla (1981); de Robert Ludlum, considerado o creador do thriller de espías moderno en obras como A herdanza escarlata (1971); ou, en fin, Tom Clancy coa non menos coñecida, e tamén fílmica, A caza do outubro vermello (1984).

O xénero recobrou nesta última década o favor do lectorado por mor do terrible suceso das Torres Xemelgas e da vaga de atentados que en moitas cidades desatou o terrorismo islámico nos últimos anos. Isto explica o crecente número de obras que produciron estes anos Forsyth, Charles Cumming, Anthony Horowitz e outros, así como a aparición da International Thriller Writers (2004) ou proliferación de series como Alias, Nikita ou Homeland e sagas de películas como Misión Imposible ou as protagonizadas por Jason Bourne.

Non cabe dúbida, pois, de que a narrativa de espionaxe, nese seu desdebuxar as fronteiras entre feitos reais e ficción, sempre entre o verídico e o imaxinado, entre a aventura pura e o soporte para a mensaxe crítica en clave moral, política ou sociolóxica, segue a gozar de incomparable éxito.

Le Carré, o espía perfecto

John Le Carré, nacido David John Moore Cornwell en 1931 en Poole, no Condado de Dorset, e falecido o pasado doce decembro no Royal Cornwall Hospital ás portas de ser nonaxenario, publicou en 1986 unha narración de fondo autobiográfico que titulou O espía perfecto. Nela reflexionaba sobre as razóns persoais e sociopolíticas que rodean a condición do espía. Sabía do que falaba, pois non en van traballara durante anos para o MI5 e o MI6 en Berlín, Bonn e Hamburgo, ao tempo que lucía como flamante secretario de embaixada de primeiras e logo mesmo de cónsul.

Ese coñecemento dende dentro do que foi o mundo da guerra fría primeiro e logo da desactivación desta e a chegada do terrorismo internacional islámico levouno a crear durante medio século novelas que son hoxe o canon do xénero, como O espía que xurdiu do frío, A toupa, A moza do tambor, A Casa Rusia, O xastre de Panamá, O xardineiro fiel ou O infiltrado, por citar só algunhas das máis célebres.

Seu é tamén o icónico axente George Smiley, protagonista de aventuras mil que foron unha e outra vez levadas ao cinema e traducidas a innumerables linguas. Nunca esqueceremos este cínico aballoado, aburado sempre polos problemas de parella e devoto da literatura alemá, un perfil xenuíno que creou escola.

Co seu pasamento clausúrase unha época dourada da novela de espionaxe, un xeito de escribir e de ollar a sociedade que o converteron nun oráculo das complexas, inextricables e infindas redes de tensión internacional, nas que individuos heroicos xogan a vida por ideais por veces nobres e noutras ocasións ben discutibles. O espía perfecto regresou ao frío, indetectable infiltrado xa no olimpo dos deuses literarios.

John  Le Carré (1931-2020)

John Le Carré (1931-2020)

 Graham Greene  (1904-1991)

Graham Greene (1904-1991)

Ken Follett (1949)

Ken Follett (1949)

Para continuar leyendo, suscríbete al acceso de contenidos web

¿Ya eres suscriptor? Inicia sesión aquí

Y para los que quieren más, nuestras otras opciones de suscripción

Compartir el artículo

stats