Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Lectura para sementar futuro

Político, sociolóxico e sentimental

Lectura para sementar futuro

Zona a defender, a nova entrega de Manuel Rivas, vén ser un manifesto político, sociolóxico e por veces sentimental para mellor entendemento das situacións que nos rodean; un enfrontamento fronte á estupidización imperante.

Sexa reflexionando sobre as consecuencias do neoliberalismo inhumano, sexa dando alternativas para un futuro sostible, razoable e inmensamente mellor para todas e todos, o libro estrutúrase de tal maneira que a primeira das seccións –unha sorte de manifesto no que se expoñen xa as cuestións clave que van ser tratadas– complementadas cun monllo de artigos que van debullando moitos dos problemas cos que nos atopamos nestes tempos de atrevemento dos sectores máis necios da sociedade.

Rivas xa nos ten afeitos co seu labor como xornalista a moitas das mellores páxinas que se deron neste País e a fórmula ou ecuación que nos presenta non difire demasiado daquel outro monllo de artigos, poño por caso, recompilados naquel xa afastado no tempo Galicia, Galicia tamén editados en Xerais. O humor entrañable e ao tempo esgazado, a análise intelixente e reveladora, a sensibilidade do xornalista tamén poeta, son algunhas das características destes textos necesarios para un mellor entendemento da realidade que nos rodea. Se cadra, e dun xeito fondamente dramático, a realidade analizada no pasado por Rivas co Galicia, Galicia, e a realidade exposta no seu Zona a defender diferéncianse porque as reivindicacións do pasado semellan un chiste ao carón de todo o que está acontecendo hoxe en día. Aí está un dos valores engadidos á súa obra, sexa nos tempos dos primeiros pasos da Xunta fraguiana, sexa nos tempos do movemento cívico e dignísimo do Nunca Máis, ou a achega coa que nos acaba de agasallar co libro reseñado, sempre é cronista crítico e audaz cun complemento que o diferencia sobre moitos: o autor e xornalista comprometido. Coida coma ninguén o estilo, verque sobre as súas páxinas un talento innato, mais non se agocha neles. Emprégaos para compartir unha mensaxe lapidaria para quen queira entender. O primeiro lugar no que recomendo a lectura destes textos é nos colexios e institutos de Galicia. Esta lectura faraos pensar. Lectura para sementar futuro.

RIVAS, Manuel, Zona a defender, Xerais, Vigo, 2020, PVP. 14, 15 €

Compartir el artículo

stats