Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Nos esplendores composteláns

Interior da catedral de Santiago de Compostela tras os recentes traballlos de restauración levados a termo.

Interior da catedral  de Santiago de Compostela tras os recentes traballlos  de restauración levados a termo.

Interior da catedral de Santiago de Compostela tras os recentes traballlos de restauración levados a termo.

Interior da catedral  de Santiago de Compostela tras os recentes traballlos  de restauración levados a termo.

Interior da catedral de Santiago de Compostela tras os recentes traballlos de restauración levados a termo.

Desde hai poucos días, a catedral de Santiago loce co seu interior limpo e restaurado, ofrecendo unha imaxe descoñecida mesmo para os familiarizados cos seus tesouros artísticos. As naves románicas permiten percibir a brillante austeridade desta obra prima da arte medieval que contrasta co altar maior e o seu baldaquino barroco que culmina coas pinturas murais do século XVIII até agora case invisíbeis ao estaren secularmente escurecidas. O resultado achégase, sen dúbida, ao efecto procurado nas reformas iniciadas no século XVII, que crean un diálogo contrastivo coa estrutura medieval.

Como sinalou Xosé Filgueira Valverde, este é un aspecto que se pode ver en moitas outras obras do barroco compostelán que non rexeita de vez o antigo senón que o actualiza, como se fai cos elementos decorativos florais que teñen como orixe o Pórtico da Gloria.Porén, o que maís destaca é o baldaquino, que podemos contemplar en toda a súa riqueza orixinal e que nos aparece como unha estrutura fortemente escenográfica, dunha calidade ben relevante no contexto da arte do seu tempo. A obra foi coordinada por José de Vega y Verdugo (1623-1696), figura chave das reformas da catedral no século XVII.

En efecto, o inicio da transformación da sé compostelá está vinculado á presenza en Santiago de Compostela do madrileño José de Vega y Verdugo, que toma posesión do posto de “fabriqueiro” -cóengo encargado da custodia e investimento dos fondos dedicados ao edificio e aos obxectos de culto- da catedral en 1658 e que elabora un proxecto de transformación radical da vella estrutura catedralicia.Vega y Verdugo, que coñecía de primeira man as novas tendencias barrocas romanas por unha estadía en Italia, é un teórico ilustrado que será capaz de dirixir e aglutinar baixo a súa dirección un notábel grupo de artistas. Elabora un proxecto unitario, que afecta ao interior e ao exterior da catedral. Iníciase pola Capela Maior, próxima ao sepulcro do apóstolo e, polo tanto, espazo que o Cabido tiña especial interese en prestixiar como lugar sagrado e razón de existencia do templo. É unha iniciativa enormemente intelixente nun momento en que era posto en cuestión o padroado do Apóstolo Santiago, con consecuencias políticas e económicas negativas para a sé compostela e para toda Galiza.

Ao redor do sepulcro xirará a renovación arquitectónica e decorativa do espazo interior da igrexa, da xirola, coro, antecoro, sancristía, etc. A transformación será realmente espectacular nos exteriores catedralicios: Quintana, Acibecharía, engadidos en Pratarías, Obradoiro. Nestas obras procurarase a homoxeneidade do conxunto externo e predominará a visión unitaria, unha idea global de coherencia construtiva, que manterán diferentes arquitectos, e que dará lugar a algunhas obras cimeiras da nosa arte como a Torre do Reloxo de Domingo de Andrade ou a Fachada do Obradoiro de Fernando de Casas Novoa.

A remodelación inicial será a da Quintana (1658-1664), que Vega y Verdugo encomenda a José Peña de Toro (?-1676), que fora nomeado “mestre de cantaría” da catedral en 1658. Este arquitecto reforma a Porta Santa, constrúe o Pórtico Real –máis tarde transformado por Domingo de Andrade- e termina o seu traballo co ciborio, que aproveita o anterior gótico. No conxunto imponse un unitario sentido horizontal, en xogo harmónico coas torres catedralicias, que dá como resultado un elegante equilibrio. Nesta porta hai unha utilización sabia de elementos anteriores, os santos do destruído cadeirado de Mateo, inseridos na nova porta barroca, imbricados en forma de citas.

Baldaquino e pinturas barrocas

A obra principal de Vega y Verdugo é o grande baldaquino sobre o túmulo do Apóstolo, para o que achega solucións, deseños e suxestións ao traballo. En primeiro termo, a encomenda construtiva recae sobre Peña de Toro, aínda que na realización van traballar varios mestres ao longo de vinte anos, con Domingo de Andrade como persoa que asume a culminación a partir de 1665. A traza mestra da obra foi realizada polo arquitecto real Pedro de la Torre (1658), que introduce modelos decorativos naturalistas importados de obradoiros madrileños, como cartelas vexetais ou sartas de froitas e cunha enorme riqueza de ouro que dota o conxunto dun cintilar que enxalza a figura de Santiago e que contrasta fortemente coa austeridade románica. A obra está inspirada no baldaquino de Bernini do Vaticano e nela son traducidas á perfección as ideas orientadoras de Vega y Verdugo, coa exaltación dunha decoración naturalista e unha disposición espacial con remate en pirámide oca, espazo dinámico, aberto, que xoga coa luz mais onde o ouro crea autenticamente unha nova realidade visual que se completa coas pinturas murais da mesma dominante cromática. Este mural foi realizado por Gabriel Fernández, que pinta a bóveda da capela maior entre 1764 e 1766, con motivos que enxalzan a historia do culto xacobeo e que complementa, mesmo nas súas tonalidades, o baldaquino do século XVII.

O efecto da ligazón entre estas pinturas e o baldaquino é unha das grandes sorpresas que nos permite contemplar a “nova” catedral de Santiago, onde o único negativo é o cerrramento do Pórtico da Gloria, que impide percibir a ligazón visual e conceptual que o Mestre Mateo elaborou, que vai desde o pórtico até o altar, pasando polas naves.

Compartir el artículo

stats