Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Documentos para o futuro

A Lei de Artes Escénicas de Estremadura

Vista do Teatro Romano  de Mérida.

Vista do Teatro Romano de Mérida.

Gravado en madeira con motivo de carácter escénico.

O pasado 19 de novembro de 2020 a Asemblea de Estremadura aprobaba en sesión plenaria a Lei das Artes Escénicas, un documento ata o momento único na península Ibérica, e cómpre dicilo igualmente, en moitos territorios do planeta enteiro. Unha Lei que, segundo establece o seu artigo primeiro ten como obxecto establecer o marco xurídico do sistema das artes escénicas e da súa actividade nesa Comunidade Autónoma, prestando especial atención a procesos como produción, fomento, distribución ou exhibición escénica, e sempre no contexto de políticas de defensa e promoción da identidade e da diversidade cultural da Estremadura. Con independencia do maior ou menor desenvolvemento normativo que poida ter no futuro inmediato, estamos ante unha declaración de principios incontestable, asentada nun preámbulo especialmente relevante por todo canto nel se afirma en relación á relevancia da cultura ou ao dereito á cultura.

Un logro tan importante no campo da norma cultural, polo que cómpre trasladar os parabéns aos grupos políticos presentes na Asemblea estremeña, foi posible grazas ao traballo desenvolvido polo Foro das Artes Escénicas de Estremadura, que desde hai máis dunha década vén traballando para trasladar a idea da súa importancia á sociedade civil, realizando encontros, debates e mesas de traballo, e propoñendo lemas tan fermosos como aquel que dicía: “Nin un teatro sen compañía nin unha compañía sen teatro”. Un traballo permanente e persistente, que contou coa colaboración necesaria das Asociacións de Teatro Amador da Comunidade, ou de institucións como a Federación de Municipios e Provincias de Estremadura ou das Deputacións Provinciais de Cáceres e Badaxoz. Igualmente importante foi a participación activa da Asociación de Xestores Culturais de Estremadura que seguramente entendeu a realidade como algo que vai máis aló da circunstancia persoal de cada quen. Nesa dirección, estamos ante un exemplo de deliberación e concertación que implicou institucións e axentes diversos na procura de algo tan sensato como necesario: o ben común.

Un dos acertos evidentes da norma reside na vontade de integración, tamén cando toma en consideración propostas e traballos anteriores cunha orientación similar. En primeiro lugar, como texto fundamental, as Bases para un Proyecto del Ley del Teatro, publicada en 2006 pola Asociación de Directores de Escena de España en colaboración con AISGE (Artistas e Intérpretes, Sociedad de Gestión), e despois o documento Una Ley de Artes Escénicas para España elaborado pola Asociación Cultural Amigos de la Danza Terpsícore, e editado por Círculo Rojo en 2012. Nesa dirección en Estremadura decidiron non xogar a descubrir Mediterráneos senón partir dun corpus xa existente no que os dous textos sinalados non son máis que un exemplo. E ese labor de colleita déixase sentir na concepción e articulación dunha norma á que resulta ben difícil atoparlle fraquezas.

No texto da Lei destaca, moi singularmente, a precisión conceptual para definir termos que por veces provocan confusións que acaban sendo a causa de que as cousas non signifiquen aquilo que deberían significar. Particularmente relevante é a diferencia que establece entre compañía residente e residencia teatral, en tanto o primeiro sintagma define un axente e o segundo un estado. A compañía residente, “resident theatre” en toda Europa ou en América do Norte, é aquel colectivo que usufrutúa un teatro no que desenvolve procesos de creación e difusión para toda a poboación, xerando espectáculos para todos os públicos e operando con estéticas diversas (mesmo proxectos de investigación escénica), sendo o teatro un espazo de traballo. A residencia teatral implica que unha compañía poida estar convidada nun teatro para realizar un proxecto concreto. Cantas máis compañías residentes maiores posibilidades para promover residencias teatrais de colectivos independentes ou emerxentes. E así os teatros serán casas de teatro, cheas de vida, de voces e de historias. Velaí un principio central nun documento que instrúe a quen quere aprender, e un exemplo a seguir tamén onda nós.

En Galicia

En 2013 o Consello da Cultura Galega publicaba un informe titulado As Artes Escénicas en Galicia: Situación e Perspectivas, elaborado coa participación de axentes do sector, que no capítulo de conclusións contiña algunhas medidas especialmente relevantes para a promoción das ditas artes en liñas moi diversas de actuación, desde a creación de compañías residentes ata a promoción dunha investigación aplicada, asentada nas boas prácticas e na innovación, que se puidese transferir á creación.

Tres anos despois un foro, aberto e igualmente amplo, de axentes teatrais do país, desde Escena Galega ata a Asociación de Festivais de Teatro, presentaba un documento que contiña unha proposta para a elaboración dunha Lei Galega das Artes Escénicas, que viña incidir en todas esas cuestións pendentes que recollían moitos documentos xa publicados, en Galicia e no resto do Estado. O documento chegou ao Parlamento de Galicia, e alá sigue esperando saír dalgunha gabeta.

Todos eses documentos parten dun mesmo principio, que non é outro que o artigo 44 da Constitución de 1978. Bo sería que os representantes da cidadanía en todas as administracións públicas e que xestionan o común, lembrasen máis a miúdo aquilo que xuraron ou prometeron: cumprir e facer cumprir a Constitución. Tamén en todo o que atinxe á cultura, que nin é adorno nin lambetada, senón esencia da civilidade

Para continuar leyendo, suscríbete al acceso de contenidos web

¿Ya eres suscriptor? Inicia sesión aquí

Y para los que quieren más, nuestras otras opciones de suscripción

Compartir el artículo

stats