Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Costumismo anticuado

Desacertada escolla

Costumismo anticuado

No 1987, logo de que a seu pai lle dea un ictus, Camila ha volver á vila natal, Briana, para buscar o diñeiro preciso para pagarlle un asilo para casos de “elevada dependencia”. Nesa viaxe descubrirá terribles segredos do seu pasado que cambiarán a súa vida para sempre.

Flores de ferro gañou o Premio García Barros 2020, que convoca o Concello da Estrada e edita Galaxia.

Esta novela, debú da súa autora, María Rei Vilas (A Laracha, 1964), pódese encadrar no xénero costumista, tan querido polas letras contemporáneas galegas, no subxénero de misterio familiar arraigado na Guerra do 36. De tan clásica, a obra narrativa resulta anticuada, demasiado familiar a outros tantos exercicios literarios que exploran o mesmo camiño. Todo resulta xa visto, desde o título (que recorda a Magnolias de aceiro) até os tópicos nos que se asenta: o segredo familiar inasumible, a distancia entre a vila e a cidade, a interacción desequilibrada entre clases sociais…Mais o maior problema do texto que nos ocupa non é o tema senón o formato. Hai un contrapunto irritante entre o estilo telegráfico da narración da protagonista, Camila; os diálogos infinitos, imprecisos e discursivos e o relato testemuñal do cerne do conflito da obra: 1936. Así, ss diálogos nin son naturais nin teñen altura literaria. Parecen máis ben bordóns cos que a novela pode gañar páxinas a base de linguaxe fáctica (saúdos, despedidas, agradecementos…). O relato dos sucesos do 1936 é ampuloso, cheo de tópicos, didáctico: “E o lume que había de arrasalo todo prendeu aquel verán do trinta e seis no que se abriron as portas do inferno e agromaron os demos que moitos levaban dentro”. É necesario repetir no 2020 estas metáforas? Nesta parte é na que autora se deixa levar polas frases feitas, polo estilo de mal folletín: “A Casa Grande era un barco á deriva no medio da tempestade” (p. 246); “Camila foi a súa luz no medio das tebras” (p. 337). En fin, outro dos problemas da novela é caer na burda estratexia de ter que descubrir o “segredo” no último terzo da obra. Vanse engadindo escenas e personaxes só co fin de arroupar esa “descuberta” que impacte no lector. Unha morea de páxinas (a novela ten 430) para contar unha historia que se apreciaría mellor con moitas menos.

A decisión de levar o “presente” da novela ao 1987 ten lagoas. A visión da realidade da protagonista resúltanos anacrónica. Non ten os ollos de hai máis de trinta anos senón os de hoxe en día. Por exemplo, o pai da protagonista sofre un accidente cerebro-vascular nas primeiras páxinas da novela. Recordamos que é no 1987. Tal ataque é cualificado como ictus. O problema é que esta palabra non se xeneralizou na definición destes sucesos até a década do 2000.

REI VILAS, M., Flores de ferro, Galaxia, Vigo, 2020, PVP. 21, 85 €

Compartir el artículo

stats