Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Relato e Retrato

Os Papeis de Berta Cáccamo

Un auténtico alfabeto plástico, correspondencias entre formas e cores... que se fan visíbeis nas diferentes imaxes da mostra presente nos espazos da Galería Trinta.

Relato e Retrato

Relato e Retrato

A revisión da obra de Berta Cáccamo (Vigo, 1963-2018) que nos ofrece a Galería Trinta de Santiago de Compostela até o 30 de xaneiro ten orixe nun meditado traballo do curador Juan de Nieves sobre a conxunto do labor da pintora. O resultado é un proxecto enormemente atractivo e rigoroso, con obras sobre papel que son todo menos obras menores xa que esencializan aspectos centrais da proposta artística de Berta Cáccamo e permiten observar as elocuentes variacións entre o seu mundo formal desde finais dos anos oitenta.

A mostra -consonte coa propia configuración espacial da galería- confórmase nos dous pisos desde dúas perspectivas desemellantes e ao tempo complementarias. O andar superior é organizado en base a asociacións de carácter poético entre as diferentes obras, á busca dun relato visual de resonancias inesperadas e alleo ao narrativo. Porén, o espazo inferior da galería é estruturado en forma de narración cronolóxica por medio dunha serie de papeis escolmados e acompáñase dun único relato documental elaborado a partir de materiais do arquivo da artista e da galería Trinta: apuntamentos e reflexións de carácter estético e procesual, cartas, fotografías, rexistros das exposicións en que participou a artista ou textos escollidos da prensa e outras publicacións especializadas. Esta sala conta tamén cunha vitrina dedicada a unha selección de libros de artista, unha actividade á que Berta Cáccamo se dedicou intensamnte ao longo de toda a súa vida. Na planta superior sitúase, alén diso, unha grande mesa para os visitantes consultaren algunhas das publicacións máis destacadas da pintora.

Globalmente, o que exposición consegue ofrecer ao espectador é sobre todo suxestións; o conxunto de papeis de variados formatos poden e deben ser captados e postos en común desde a emoción, desde unha forma de esencialidade que ten orixe na simplicidade xestual, feito que permite que comece a aparecer a súa potencial poeticidade, baseada no ritmo da mancha e nas texturas.

A obra da nosa pintora, xa desde finais dos oitenta, chega ao punto de establecer un auténtico alfabeto plástico, baseado en correspondencias e contrastes entre formas e cores, mais sen ningunha rixidez, con tendencia cara a unha expansión modulada. Neste sentido podemos falar de formas conmovedoras e expresivas, que deixan o trazo do visíbel no pincel e que segundo a maneira como aplica a cor poden acelerar ou amolentar unha forma.

Diante do seu traballo sempre temos a sensación de que a pesar, ou mellor dito, por seren abstractas, estamos perante “entidades significantes” –en palabras de Juan de Nieves-. Certo que en boa parte da arte moderna este feito é evidente, co peso conceptual, mais na obra da pintora este aspecto maniféstase con maior énfase xa que as súas son fundamentalmente obras froito dunha previa reflexión que transportan toda a construción mental cara a pintura. Xa nos oitenta, sen sentirse allea ao ambiente e influxo expresionista do momento, optara por unha actitude e por uns procesos máis reflexivos, por se situar nese referente significante ao que fixemos referencia. Mais esta actitude vai dar un froito creativo desde finais da década co debuxo como alicerce e apoiada nun esencialismo que se percibe na simplificación dos cadros reducidos a formas elementais, como se chegase ao convencemento de que a pintura debe utilizar a súa linguaxe soamente na cantidade precisa para provocar emoción e eliminar o innecesario. Estamos ante unha concreción plástica que, de aplicarmos unha analoxía lingüística, sería como unha frase o máis obxectiva e breve posíbel. O pequeño formato, dominante na mostra da galería Trinta, non fai máis que reforzar estas características e sensacións e permite que abroche o esencial.

Títulos: Papeis 1988-2018.

Artista: Berta Cáccamo.

Comisario: Juan de Nieves.

Local: Galería Trinta, Santiago de Compostela. Até o 30 de xaneiro de 2021.

Entre 1988-2018

Mais non debemos esquecer que todo este mundo e esta tensión interior que conforma a súa composición non é máis que o tempo feito espazo na superficie destes papeis. O problema da pintura de Berta Cáccamo consiste, daquela, en procurar un acordo entre variadas tensións, que parten, como a artista afirmaba, da independencia dos diferentes elementos: apuntamentos, debuxos, bosquexos e cadros, que son modulados polo pensamento creativo.

Nos papeis dos últimos anos domina a mancha, mantense, non obstante, unha actitude común coa obra anterior, que se concreta na vontade de evitar o espectacular, o excesivo, con preferencia sempre polo rigor, que acaba por configurar unha especie de elementalidade austera. Son espazos abstractos, soamente alterados por breves trazos, variacións a partir de formas simples e puras que suxiren a expresión de emocións humanas básicas, algo ben evidente nos cadernos e libros de artista. Son en definitiva, as súas, obras que suxiren un sentido dramático e que nos debruzan en profundidades psicolóxicas, un auténtico retrato -e relato- sobre papel.

Compartir el artículo

stats