Cada época ten as súas propias obscenidades. O historiador Alessandro Barbero fálanos do mundo medieval e reflexiona sobre como se pensaban o corpo e a súa expresión sexual dunha forma que hoxe nos sorprende. A sociedade necesitaba divertirse e a sexualidade era observada como parte da vida, o control non estaba destinado ao corpo senón ao espírito. Nesta época a apertura para falar da sexualidade incluía homes e mulleres que se divertían escribindo, lendo e contando contos, poemas... sen tabús. No final da Idade Media chegaron as represións do clero pero especialmente dos gobernantes. Sucede que falar de sexo é unha forza liberadora, distáncianos do carácter biolóxico do sexual. A construcción cultural da idea do erótico e da morte iguálanos no humano; son pensamentos que imprimen carácter sagrado á vida e cos seus ritos e representacións domestícanse para introducilos na sociedade como parte da nosa natureza simbólica.
Pero este falar da sexualidade devén obsceno e no Renacemento os contos de Boccaccio, son censurados. Dende o século XVI, Occidente, empeñouse en transformar a sexualidade nun territorio de represións: así Daniele de Volterra, Il Braghettone, ocultou os xenitais detrás de flores e roupas decentando os corpos nus das figuras do xuízo de Miguel Anxo. Goya sufriu as consecuencias de pasar da representación mitolóxica da nudez á carnalidade real e voluptuosa dunha muller suxestiva. Desde entón, moitos foron acusados de pervertidos e viciosos: Chistian Schad, Egon Schiele, Modigliani, Gustave Klimt, Baselitz e Mapplethorpe, entre outros. Paralelamente, os orientais converteron a cópula nun xénero apreciado.
Muller sentada coa perna dobrada Egon Schiele, 1917
Que ofende ao pudor hoxe? É hoxe a impudicia a norma? Parafraseando a Hannah Arendt, a banalización do obsceno converteuse na norma, todo é visible ante os medios de comunicación. Pero non hai consciencia do espazo social sen distinguir a singularidade. Nesta necesaria distancia entre o que despregamos para nós e para o público, xóganse os sensos da identidade e a posibilidade de ampliar a nosa consciencia social. Di Agamben que a moralidade se constitúe neste xogo de adhesión no social, conservando a distancia no plano persoal.
Os gregos mantiñan no teatro escenas fóra da observación. Pensaban que algúns fenómenos, especialmente significativos, necesitaban da participación da imaxinación para potenciar o seu poder semántico e conceptual. Pero tamén como protección da sensibilidade individual. A omnipresenza, no caso da erótica, anula o desexo, non hai sedución cando todo é visibel pero esta sobreexposición é extensiva a todos ámbitos da vida. Na arte non hai reflexión, nin resignificación cando todo xa está dotado de senso. A sensibilidade aféctase cando as traxedias se converten en cotiás. Fala Boudrillard da pornografía da información e da comunicación no escenario da postmodernidade. A obscenidade é a norma na política coa corrupción e nos medios de comunicación dirixidos polas grandes corporacións económicas. A nosa cultura quebrou a distancia ética entre o privado e o público por iso a realidade reborda obscenidade aínda que mantemos o simulacro do púdico para calmar consciencias alienadas na moral paparona. Así permitimos que os bancos publiquen orgullosos os beneficios como consecuencia da especulación cos cartos dos propios clientes que empobrecen, pero clausuramos exposicións de debuxos eróticos ou limitamos a liberdade de expresión satírica porque atenta contra a moral.