Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Najla Shami | Cantante

“É asombrosa a semellanza entre a música galega e a árabe”

Najla Shami, nun concerto Pablo Vázquez

–De onde provén a súa vocación musical? Trátase, acaso, dun influxo paterno, materno, de ambos ou de ningún dos dous?

–Vén do meu pai, pero indirectamente, aínda que iso o souben tempo despois. Quero dicir que, en realidade, procede da miña bisavoa, que tocaba o laúde e a guitarra, entre outros instrumentos de corda. E, por outra banda, a miña avoa tamén tocaba instrumentos de cordas e adoitaba cantar nas festas da casa, tanto en Palestina coma no Líbano, porque o meu pai ten familia palestina e libanesa. Eu empecei a cantar dende moi cativa e foi o meu pai quen me dixo que era a herdeira musical da miña bisavoa paterna, da que dixo asemade que, coma min, era moi guerreira; que tiña moito carácter, vaia!.

–No seu primeiro disco, xa interpreta cancións baseadas en poemas musicalizados de Rosalía de Castro. Supoño que o descubrimento da poesía de Rosalía foi moi importante para Vde. Que sensación lembra que lle produxo a descuberta desta gran poeta galega?

–O primeiro que pensei e que me preguntei cando lin a Rosalía, foi por que unha persoa podía ter tantas ganas de morrer. Iso é algo que aínda me descoloca porque eu son das que quero moito a vida, de feito son moi vital: oxalá puidera vivir douscentos anos…ou máis! Rosalía amosa unha fonda tristura pero, paradoxalmente, foi unha muller moi valente, tiña afoutexa e fortaleza á hora de enfrontarse á vida e de rebelarse contra a sociedade do seu tempo. E todo iso provocou unha fonda reflexión en min mesma.

–O significado de “Negra sombra”, un dos poemas que Vde. canta, é interpretado de varias maneiras. Quero dicir que cada quen ten unha “negra sombra”. Cal é para Vde. esa “negra sombra” á que se refería Rosalía e coa que se identica?

–A negra sombra é, indubidabelmente, a morte pero, como ti ben dis, tamén poder haber unha negra sombra positiva. No meu caso coido que é a rebeldía. Ás veces penso que, se en vez de nacer en Galicia, nacera en Oriente Medio, de certo que sería unha desas mulleres activistas de primeira fila. A min o que máis me amola son as inxustizas: cabréanme, préndeme por dentro, e niso coido que tamén conecto con Rosalía.

–No seu último disco, Ela sabe a sol, desenvolve un verdadeiro encontro de culturas e de músicas. Vai ser esta a liña a seguir en futuros traballos?

–Estou neste plantexamento exactamente agora, porque eu son unha persoa á que lle encanta absorber moitísimos estilos de música, e nese senso gústanme os artistas que fan distintos xéneros musicais ao mesmo tempo, que non teñen a necesidade de seguir unha liña musical determinada, como se facía antes. A min interésanme tanto os sons de Oriente Medio como os de Brasil, os de África ou os de Asia…Non quero perder esa mestura que está en Ela sabe a sol pero, quén sabe, seguramente o meu seguinte disco non sexa tan oriental, porque en Ela sabe a sol non só procurei un encontro cultural, senón tamén o meu propio reecontro coas miñas raíces xa que, ao tempo, se trata tamén dunha homenaxe ao meu pai. Eu vou tentar proseguir por ese camiño, mais o que logo saia…nin eu mesma o sei agora!

–Cando canta, a que lle concede máis importancia: á técnica vocal ou ao sentimento?

–Abofé que é unha pregunta con resposta complicada. En primeiro termo, e falando co corazón, eu diríache que ao sentimento pero, claro, cando xa levas uns anos de carreira musical daste conta de que o sentimento, por si só, non abonda. Claro que che podería decir tamén o contrario: que a técnica, sen sentimento, tampoco é suficient;de feito cáseque é nada. Son das que penso que ten que haber un equilibrio.

–O seu pai é palestino, e supoño que cada vez que sae unha noticia de Palestina sente Vde. algo moi especial. Que pensa da situación que, dende hai xa moitos anos, vén padecer ese pobo?

–Sinto moita impotencia, moita raiba e moita tristura, todo á vez. A tristura vénme, ultimamente, pola sensación de un descoñecemento cada vez máis extendido respecto do que en verdade vén acontecendo en Palestina dende hai xa máis de seteta anos; semella que hoxe hai unha falta de memoria historia para co que alí acontece, como pasa con outras moitas cousas. Noto que, de pequena, cando dicía que eu era palestina, sabíase moito máis ca hoxe do conflicto que padecemos, e agora ocorre que a maioría da xente non ten nin idea.

–Semellámonos en algo os galegos e os palestinos na nosa maneira de ser?

–Semellámonos moitísimo (risos). Aos palestinos, os pobos veciños chámannos cantaríns polo acento que temos, o mesmo que nos pasa aos galegos. A verdade é que palestinos e galegos somos moi especiais: ambos somos resilentes, hospitalarios, festeiros, amigos e amigas do bo xantar e de bailar e cantar nas xuntanzas entre familiares. O meu pai, por exemplo, está encantado de vivir en Galicia; de feito séntese un galego máis.

– E teñen algunha semellanza as músicas tradicionais árabes coas galegas?

–Hai moitísimas, tantas que ata resulta algo asombroso. E ata hai coincidencias particularmente únicas, coma a das mulleres cantando en adufes. Iso só ocorre en Oriente Medio e en Galicia. En todos os cantos, en xeral -agás o idioma, claro é-,hai moitas máis semellanzas que diferencias. Entón, é por iso mesmo que resulta tan doado mesturar a música tradicional galega coa arábiga.

Compartir el artículo

stats