Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Arte de séculos

No Mosteiro de Cête (Paredes, Portugal)

Claustro

Vista xeral do mosteiro.

Perspectiva da nave e da capela maior.

Túmulo de Estevão Anes

O concello de Paredes, integrado na área Metropolitana do Porto, garda un dos máis antigos testemuños románicos de Portugal: o mosteiro de San Pedro de Cête, declarado Monumento Nacional en 1910. Con séculos de historia, hoxe é un harmónico conxunto no que brillan a arte e mais a arquitectura en pedra. Desde 1998 igrexa e mosteiro forman parte da Rota do Românico do Vale do Sousa, erixíndose como un dos exemplos máis relevantes para a comprensión da transición entre os estilos románico e gótico no noroeste peninsular.

Son case sesenta monumentos, doce concellos e centos de quilómetros por múltiples camiños. Os números da Rota do Românico aconsellan varios días para descubrir tan amplo patrimonio. São Pedro de Cête pode ser o comezo desta inmersión nun pasado milenario, tallado en granito. O cruzamento de estilos foi marcando a vida do templo e o seu cenobio, visible en elementos como a porta lateral norte, declaradamente gótica, coa entrada principal, románica. Románico nos seus inicios e romántico na súa localización, porque Cête asoma nunha chaira empedrada, rodeada de árbores e verde. Arredor, campos agrícolas e vellas casas de pedra. Túmulos, capiteis decorados ou pinturas murais esperan no interior, cun claustro tan apracible no que aínda parecen ecoar os pasos dos monxes. São Pedro de Cête é unha das xoias do roteiro, pródiga en monumentos que no Vale do Sousa teñen características propias como a talla en bisel, que reforza os xogos de luces e sombras. As igrexas retoman tamén modelos anteriores prerrománicos e inspíranse na decoración das catedrais de Coimbra, Porto e Braga, creando unha corrente artística propia.

Aínda que hai algunha teoría que remonta a fundación do mosteiro ao século IX, o máis probable é que o edificio comezase a levantarse a finais do X por iniciativa dos monxes benedictinos, tendo ao nobre Gonçalo Oveques como promotor e protector, tal como reza a tradición. A solidez volumétrica da construción mostra as súas características defensivas, patentes na torre almenada e escasas xanelas, memoria dos ataques e devastacións que o cenobio experimentou ao longo do tempo. O conxunto foi restaurado entre finais do século XIII e principios do XIV debido á iniciativa do abade Estevão Anes, como se pode comprobar na inscrición en calcaria que se atopa xunto á súa tumba. Desas obras soamente aproveitáronse, do antigo edificio, as primeiras fiadas dos muros da nave e a portada sur, orientada cara ao claustro. Canto á igrexa, esta está constituída por nave única lonxitudinal e capela maior de dous tramos de remate semicircular. Ao norte elévase a torre almenada, cuxo interior alberga a capela funeraria de Gonçalo Oveques, ricamente decorada por paneis de azulexos policromados. Foi reformada, do mesmo xeito que a sala capitular e o claustro, no período manuelino (séculos XV- XVI).Xa en 1551, o mosteiro deixou de pertencer á orde benedictina, sendo anexado ao Colexio da Graça dos Eremitas Descalços de Santo Agostinho de Coimbra. Destacan, no interior, as imaxes de San Pedro, de Santa Lucía e da nosa Señora de Gracia, en pedra calcárea, e a pintura mural de San Sebastián, datada no século XVI.

Aínda que en Cête o románico serodio -tras as reformas que experimentou- é a linguaxe artística dominante, as propostas alusivas ao gótico combínanse en perfecta harmonía, como reflicten os arcos lixeiramente apuntados ou na decoración con motivos vexetais e antropomorfos da capela maior.

A vila de Cête, cuxa historia está intimamente vinculada ao mosteiro, conta con outro monumento nacional. A capela da Senhora do Vale, cuxa construción se sitúa en torno ao século XIV -aínda que inicialmente foi un refuxio anterior de vida eremítica-, debe a súa declaración á súa antigüidade e ao seu valor histórico e arqueolóxico.

Románico de ouro

Torres, pontes e mosteiros despréganse entre bosques e campos nunha intensa concentración de natureza e cultura. O románico enche o Vale do Sousa con historias de cabaleiros, santos mártires e milagres que foron aumentando a devoción popular. E se a pedra brilla no exterior, tamén o fai no interior porque o concello de Paredes garda un dos máis importantes patrimonios xeolóxicos do Norte de Portugal nas minas de ouro de Castromil e Banjas.

Para a súa preservación e coñecemento inaugurouse en 2013 un centro de interpretación instalado na antiga escola primaria. Trátase dun espazo dinámico e innovador no que se coñece de forma amena todo o proceso de extracción do ouro, así como as pezas e obxectos utilizados para este traballo. É o paso previo á visita guiada á mina, onde se vive como era a fatigosa tarefa dentro da terra. O río Sousa marca outro dos espazos máis emblemáticos do territorio, Aguiar de Sousa, onde se atopa o parque da Senhora do Salto, perfilado por un profundo canón polo que discorren as augas. É unha zona poboada de lendas, como a do cabaleiro que, tras caer ao fondo co seu equino perseguindo unha lebre, invocou a axuda da nosa Señora. Agradecido, o home mandaría construír a capela de Nossa Senhora do Salto.

Compartir el artículo

stats