Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ESCRITOR

Xavier Seoane: "O humor galego é un método de supervivencia e superación"

Xavier Seoane nunha imaxe de arquivo.

Xavier Seoane nunha imaxe de arquivo.

–Por que cualifica a Galicia de “país imposible”?

–O título é irónico, humorístico, como gran parte do libro. Eu creo que Galicia é un país, tal como está manexándose na historia, que vai devir imposible, se entendemos país como unha comunidade que quere significarse no contexto dos pobos e pervivir coa súa identidade (sexa a que sexa). Non atopo no país enerxías suficientes para ese reto histórico e si encontro o devalo dun núcleo que poderíamos chamar identitario no que a propia lingua, que está en moi franco devalo, xogou un rol fundamental pero que, ao meu ver, está a esvaer.

–Cal foi o seu método para que o humor non xogue en contra do rigor, e incluso a seriedade, do que está a contar?

–O humor nunca xoga en contra do rigor. O humor é unha facultade tan importante como sentir ou respirar. E é tamén unha maneira de levar os feitos negativos e tráxicos da vida dunha maneira deportiva e positiva. Se os galegos amosaron tanta capacidade de humor e retranca durante a historia, foi precisamente como método de supervivencia, de defensa, de superación. Isto é unha conclusión común en todos o analistas que o abordaron. Cando o labrego recibía as noticias da cidade e as visitas non desexadas, neceitaba unha capa de autodefensa e protección e ilusión. Con todo isto teñen que ver os variados rexistros do humor que sempre tivo Galicia a nivel popular e a nivel culto. Incluso cando os galegos escribiron en castelán, despregaron moitísimo humor, e velaí están moitos exemplos.

–Cando alguén de fóra lle pregunta a un galego que é a retranca, o galego adoita responderl que a retranca vén ser ser a ironía…e algo máis. Como explicaría Vde.a retranca? Que devén ese “algo máis”?

–Non é doado, pero en Galicia contamos cun libro canónico sobre o humor, que é o de Celestino Fernández De la Vega, e a el remito. Porque esa cuestión, que me propón Vde.: a pregunta dun de fóra a un galego, remíteme a moitas visións tópicas e punzantes coas que se vía a Galicia e aos galegos como un elemento exótico ou estraño porque, no fondo, si que o era. E érao porque a nosa non só é outra cultura, outro modo de manexarse na vida, e tamén porque os galegos eran o que hoxe son os da patera, os pobres. Daquela, a súa estigmatización por parte dos foráneos producíuse ao longo de moitos momentos históricos. Neste Dicionario recóllese bastante desta tradición negra, negativa e estigmatizadora.

–Nos últimos anos estanse a celebrar, incluso nas escolas, as festas do Halloween. Certo é que os galegos temos unha especial relación coa morte, pero case sempre con respecto e, se hai cachondeo, que sexa discreto e o xusto. O Halloween anglosaxón ten que ver algo coa cultura da morte en Galicia?

–En Galicia sempre houbo unha profunda relación coa cultura da morte. A morte é o grande enigma e o gran drama da existencia. O que pasa é que todos os ritos e tradicións populares van mudando ao longo do tempo. Nesta altura, prodúcese unha aculturación das tradicións deste país con outras tradicións que teñen máis poder mediático e cultural. E isto non só se produce con este ciclo que se “jauloueiniza” senón co Antroido, que se fai brasileiro e tinerfeño. Trátase do resultado dos contactos con outras tradicións, que non son sempre negativos, pero nos que si hai un proceso de alienación. Eu mesmo creo que esta “jaulenización” vai borrar o que era a tradición galega da morte, pero isto aconteceu sempre: son transformacións e absorcións realizadas por culturas que xogan nunha posición superior á que ficamos nós.

–No seu libro inventa Vde. un novo significado da palabra blues (“tendencia musical do século XIX creada polos segadores nos campos de trigo de Castela”). Daquela, Rosalía de Castro sería a gran poeta do blues de noso?

–É que os negros de Estados Unidos xeraron, por necesidade social, espiritual e de supervivencia, a creación de pezas que os expresasen. De aí foi de onde xurdiu o que hoxe coñecemos como blues, un xénero musical que naceu en precario pero que acabou por impregnar a música dende o século XX deica a actualidade. Eu fixen a comparación deses negros escravos cos galegos de Castela, que tamén moito tiveron que sufrir. Tratáse dunha comparación, un símil, tratados con humorismo, pero que fala da dor, da tristura, da anguria e do inmenso sentimento de inxustiza que saía do blues americano e que, por suposto, tamén atopamos na poesía da blueswoman de Padrón: Rosalía de Castro, porque ten a mesma profundidade humana, psicolóxica e rebelde en ambos casos.

–Hai escasos galegos mariñeiros e labregos, poñamos por exemplo, que se identifiquen co galego normativo. Que facemos co castrapo: ilegalizalo ou declaralo patrimonio cultural a protexer?–

Eu non mo plantexo así. Todas as linguas teñen rexistros moi variados. Se escribísemos o castelán tal e como o pronuncian os andaluces dificilmente o recoñeceríamos. Pero a cuestión non é esa: eu penso que os temas da normativa están ben para os filólogos e que son eles os que deben tratalos en profundidade. Máis logo, a nivel creativo, oral ou coloquial, a lingua dá moito xogo e permite moitos rexistros. A lingua non é un ente ríxido e solidificado nun dicionario senón que é algo vivo, algo que está na realidade.

–Supoño que lle quedarían moitas cousas por incluír neste libro. Haberá un segundo volume?

–Pois non o descarto. porque, unha vez que te metes nesta dinámica, van xurdindo moitas cousas que quedan toda vez que a verdade resulta que o tema non é que sexa infinito, pero si bastante ilimitado. Daquela, si, xa teño recollidas novas entradas e tamén novas reflexións, pero de momento vounas deixando no cartafol de detrás da silveira, a ver que pasa.

–A que tipo de lector vai dirixido este libro?

–Eu nunca penso no lector. Escribo aquilo que me demanda a miña necesidade de dicir o que creo que debo dicir.

Compartir el artículo

stats