Corría 1978 cando a musicóloga suíza Dorothé Schubarth chegou a Galicia de vacacións co obxectivo de coñecer a nosa música popular. Recoñecida investigadora, autora de O canto popular en Europa, catedrática de Harmonía e Contrapunto da Academia de Música de Lucerna, estudara profundamente as zonas dos Balcáns, o Cáucaso, Alemaña e Francia, e quedou impactada ao ver a riqueza musical que estabamos a piques de perder. Sen dubidalo, emprendeu un intenso traballo de campo que se prolongou durante cinco anos. Dorothé, que descoñecía a nosa lingua e a nosa cultura musical, entrou en contacto con Antón Santamarina, catedrático de Filoloxía Galega da USC, quen lle foi axudar nos asuntos lingüísticos, dando inicio a un inmenso traballo de rexistro, recompilación, análise e clasificación de cancións, coplas e melodías que a levou a percorrer trinta e oito zonas da nosa xeografía. Froito do intenso traballo, e grazas á intermediación de Filgueira Valverde, a Fundación Barrié publicou en 1984 o Cancioneiro Popular Galego, unha obra en setes volumes que recolle máis de 5000 pezas, clasificadas por temáticas segundo parámetros científicos europeos, cos seus correspondentes rexistros de audio e onde as persoas informantes adquirían tamén a súa importancia. O Cancioneiro, considerado como a Biblia da lírica popular galega, foi cedido polos autores ao Museo do Pobo Galego para a súa incorporación ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade onde se conserva para a súa consulta pública e difusión. Trátase dun verdadeiro tesouro que debería aparecer nos libros de texto das nosas escolas co fin de que todas e todos os galegos puideramos coñecer e recoñecerlle o inmenso valor que a súa obra ten.
