Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De Galicia á Bretaña

Mimetismos na identidade nacional

Vista parcial dos alineamentos de Carnac.

Calvario bretón de Plougastel

Calvario bretón de Plougastel

Cruceiro galego de Santo Antón de Corveiro (Cedeira).

Cruceiro galego de Santo Antón de Corveiro (Cedeira).

Cando estamos a construír unha identidade propia (individual ou colectiva) afrontamos dúas fases: a diferenciación verbo dos pais ou do Estado-nación, e a procura dun referente alleo que nos reafirme nela. E iso foi o que fixeron algúns galeguistas hai un século cando devecían por definir a identidade nacional de Galicia, e para iso e por diferentes motivos optaron por definila como país celta e así poder homologalo cos outros países desta área cultural.

Un deles foi a Bretaña, que comparte con Galicia diversos elementos que a primeira vista podían aparecer como semellantes. Para profundar en se tal circunstancia ten base, o Consello da Cultura Galega e a Université Rennes-2 organizaron sendas xuntanzas en Compostela e Mondoñedo (2019) e Rennes (2019). Resultado delas é a publicación de Galicia-Bretaña. Olladas comparadas, con aportacións sobre a historia, a xeografía, a economía, os estudos académicos e a literatura que relacionou eventualmente ambos territorios ao longo do tempo.

Malia a vontade de procurar referentes, non podemos esquecer a advertencia que Ramón Villares fai sobre as “falsas similitudes” para non caer no espellismo de pensar que dous fenómenos semellantes teñen as mesmas causas, os mesmos obxectivos e que –aparentemente inexistentes noutros lugares– son privativos. Poñamos o caso das cruces de pedra galegas e bretoas, que Castelao estudou e debuxou, e que conceptualmente son diferentes (as segundas son calvarios monumentais), sen esquecer que tamén outras terras erixían cruces semellantes (velaí as creus de terme ou peirons cataláns e valencianos, peirones en Aragón). Unha e outras similitudes entre ambos países que non son máis ca aparentes porque responden a unha fenomenoloxía histórica distinta. Malia a común condición de países atlánticos e dobremente periféricos (verbo de cadanseu estado e de Europa), Galicia –a través do reino de León– axudou a construír España, cousa que Bretaña nunca fixo verbo de Francia. Sen esquecer que Galicia –queiramos ou non– é un país latino, por moito substrato celta que procuremos, e que a súa organización demográfica foi deseñada en boa parte polos suevos.

Aínda máis, así como podemos detectar un asentamento secular da poboación galega, non podemos esquecer que os bretóns establecidos na Armórica viñan fuxidos de Gran Bretaña e dalgún xeito desaloxaron a poboación gala romanizada, perdendo calquera vínculo coas restantes terras celtas. Un dos estudos agora publicados confirma, nese senso, que as relacións marítimas entre Bretaña e Galicia en tempos pasados foron practicamente inexistentes.

O galeguismo das Irmandades e de Nós padeceu a trampa do espello verbo de Irlanda e, en menor medida, da Bretaña. Incluso a común condición de países atlánticos (máis ca celtas) e subordinados ao poder central, e o importante compoñente católico e conservador que ambos tiveron, non xustificaría unha equiparación que os homologase.

E se nos centramos naquelas manifestacións que mellor chegan á poboación, este estudo atende a suposta influencia bretoa nas letras galegas. Comezando pola prosa medieval, os restos que conservamos –especialmente dun Livro de Tristán e algúns outros de temática artúrica– non nós deben trabucar: chegarían por vía culta –xacobea– e como toda a “materia de (non ‘da’) Bretaña”, nunha lingua d’oïl, como a que empregou Chrétien de Troyes.

Xa en época contemporánea, poderiamos dicir o mesmo das recreacións artúricas e bretoas que fixo Álvaro Cunqueiro. En realidade, recreacións galegas con verniz armoricano. Máis aínda: o coñecido “Epílogo para bretones” que cerra a versión castelá de Las crónicas del sochantre estaría destinado aos lectores en castelán. Pero a crítica galega segue a ser conformista: Cunqueiro fabulaba cando citaba o faro de Eckmühl, construído en 1897, polo que dificilmente podería aparecer na traxectoria do sochantre nos tempos da Revolución (xa o escribín en 1993 no Anuario de estudos literarios galegos pero polo visto ninguén o tivo en conta).

Panceltismo e outras gaitas

Cada quen é libre, naturalmente, de sentirse o que queira pero á hora da verdade, ten que demostrar rigor. E iso vale para o tema que nos ocupa, para a música tradicional das terras que se consideran celtas e para o seu instrumento por antonomasia, a gaita.

Paréceme ben que grupos musicais e gaiteiros (e gaiteiras) de Galicia participen, por exemplo, no Festival de Lorient, do mesmo xeito que non poño obxección a que bandas bretoas ou escocesas actúen en Ortigueira nos veráns. Pero as gaitas, malia ser un sinal da identidade musical das terras que se reclaman no panceltismo, non son celtas de maneira privativa xa que o seu uso –máis estendido ou menos– vai desde o centro de Asia ata o Atlántico e o norte de África. Aínda máis: se reparamos no Pórtico da Gloria da catedral compostelá non aparece a gaita nin ningún outro instrumento de vento, sinal probable que no século XII aínda non chegara a terras galegas, sendo a representación máis antiga que temos a que aparece nas Cantigas de Santa María. Ou se atendemos as explicacións do xornalista bretón Jacques Erwan nun CD que recolle as variedades escocesas (Cornemuses d’Écosse / Scottish Bagpipes, Auvidis Ehtnic), a gaita non se estableceu en Escocia ata o século XIII, cando comezou a substituír a arpa.

Compartir el artículo

stats