Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Estéticas transversais

Enredadas de noso para a moda

Unha das pezas deseñadas polo proxecto Enredadas, que está vinculado á Fundación Artesanía de Galicia. FDV

O conxunto de actividades desenroladas por mulleres redeiras para deseñar novos contextos onde traballar leva por nome Enredadas. En concreto, un grupo nutrido de profesionais artesás redeiras está a dedicar o seu labor na creación de accesorios de moda, empregando os clásicos sistemas de nodos. No Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia aparecen cento noventa e nove mulleres e dous homes inscritos como redeiras e redeiros artesáns, fito que vén subliñar a faciana eminentemente feminina do oficio. Nas industrias do mar, tradicionalmente a participación da muller é de vital importancia en múltiples labores. E, sen dúbida, as mulleres, apurran no sostén económico de todos os grupos familiares de xeito fundamental tanto nas vilas costeiras de Galicia como nesoutras do interior.

Trátase dun proxecto que diversifica o oficio tradicional das redeiras

decoration

Enredadas é, daquela, un proxecto da Xunta de Galicia enfocado a diversificar o oficio tradicional das redeiras artesás galegas que está abrindo novas oportunidades de negocio a través doutros ámbitos como a moda, os complementos e a decoración. Deseñado e coordinado pola Fundación Artesanía de Galicia dende o ano 2012, mantén o obxectivo de ofrecer formación especializada e continuada ao colectivo de redeiras artesás de diferentes localidades. Cursos, talleres e seminarios serviron para reflexionar e producir todos eses obxectos de moda, mobiliario, xoias... mesmo fotografías que ofrece ao mercado este colectivo. As pezas así creadas poden mercarse nas tendas on line vinculadas á Artesanía de Galicia. E tamén en Brecashop.com e na tenda física Breca no mercado de Abastos en Santiago de Compostela.

A intención é, ademais, organizar unha exposición que viaxe por distintas localidades con fotografías das creacións feitas a base de nodos. Alí veranse bolsos, cestos... E tamén xerros, macetas e obxectos para decoración, todos eles creacións das redeiras.Non é superfluo un tratamento semellante nun sector de artesáns, pois dun think tank de natureza semellante, xurdiron non poucos fitos do deseño, con grande suceso artístico e de vendas.

Unha das pezas deseñadas polo proxecto Enredadas

Por referir un caso moi preto das redeiras, citamos o das cesteiras, as cales contan, entre outras, coas creacións de Idoia Cuesta e Álvaro M. Leiro. Ambos artesáns participan en feiras internacionais como a de Milán e contan con clientes que pertencen ao sector do luxo e a excelencia. Traballar para un gran cliente como Loewe non é soamente vender moitas unidades dun determinado tipo de obxecto feito con técnicas da cestería, senón que implica un enriquecemento mutuo, pois aparecen novas necesidades e mesmo novas estruturas nas que a función é secundaria pero a forma é total, impoñendo a súa natureza de arte pola arte. E a análise da evolución de Loewe é doada para ilustrar o potencial da cultura, da arte e o deseño nos mercados. Esta firma fundada, en Madrid en 1846, está dedicada aos curtidos e talabartería. Dende 1996 pertence ó grupo LVMH. Malia o talento dos sucesivos directores artísticos da firma, Narciso Rodríguez, José Enrique Oña Selfa, Stuart Vevers, non foi até a chegada de Jonathan Anderson en 2013 cando a firma acadou un recoñecemento internacional acorde á soleira do seu nome.

Outórgase primacía á natureza e estudio dos obxectos

decoration

As claves desde éxito non son un catálogo exhaustivo, pero si se poden resumir en que outorgan primacía á natureza dos obxectos ou ao estudo material deles. Logo afondan no busca da manufactura, da artesanía e das posibilidades. Outro factor está na perspectiva “arte” nas modas e nos accesorios, pois dende o deseño e a arquitectura propostas polo grupo Memphis no ano 1981, a forma pode preceder á función. Logo hai total liberdade para os deseñadores de roupas ou de deseño industrial para concibir as formas máis inauditas desafiando mesmo a funcionalidade. E quizais outro factor de éxito sexa aínda a disruption nos mercados e no espazo artístico. O mesmo Jonathan Anderson chegou a levar un piorno galego á tenda de Loewe Miami provocando a curiosidade e atención da audiencia.

Certo é que o emprego das capacidades dos talleres, a liberdade no estudo de formas na mesa de deseño e os plans de marketing atacando os mercados teñen de ser feitos en tempo e forma, seguindo o zeitgeist ou espírito da época. Este caso de estudo pode inspirar a nosa artesanía.

Unha das pezas deseñadas polo proxecto Enredadas

Mitoloxía do produto

No espazo cultural e artístico da contemporaneidade, as audiencias teñen grande coñecemento dos produtos, dos creadores e da estética. É un mercado global ansioso por lecer sen arreo con obxectos marabillosos. O que é veciño ou local compite en igualdade de capacidades con aquilo que é foráneo ou de lonxe.

Este capitalismo estético ou transmodernidade trocou os valores tradicionais de útil e práctico por outros máis sofisticado. Porque non se merca xa unha bolsa de nailon con asas feitas con cadeas douradas senón que se devece por unha bolsa de Prada. Non se fixa a mirada nun par de zapatos bicolor senón que se pensa nuns zapatos de Chanel. Unha letra H nun cinto non é superflua. Tales obxectos acadan a mitoloxía da orixe, todos eles teñen unha parte física excelente que acompañan dunha historia sobre eles mesmos. Así, as audiencias gustan das notas do programa escoitando unha sinfonía de Beethoven e agradecen as explicacións para interpretar As señoritas de Avignon de Pablo Picasso.

A estética transversal impón tamén nos obxectos de deseño cotiás e nas modas o respaldo da súa natureza con argumentos biográficos e antecedentes, con historias e narracións. Porque no século XXI a frase de René Magritte “ceci n´est pas un pipe” cobra total vixencia. Esa pipa en concreto é todo o que a historia da arte dixo dela.

Compartir el artículo

stats