Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sortellas de bispo

Os aneis milagreiros de Santo Estevo de Ribas de Sil

Vista xeral de Santo Estevo de Ribas de Sil.

Escudo heráldico do mosteiro.

Os catro aneis e a bulsa de seda con bordados de ouro que os contiña

Desde a Idade Media, o anel episcopal foi símbolo de autoridade, dignidade e preeminencia, unha mostra da alianza espiritual que o prelado –que o porta no dedo anular da man dereita– ten coa Igrexa e con Deus. Pois ben; recentemente tivemos coñecemento da redescuberta de catro dos nove aneis de prata que pertenceron a outros tantos bispos que viviron durante os séculos X e XI e que abandonaron as súas dioceses para se retiraren como humildes monxes no mosteiro bieito de San Estevo de Ribas de Sil. Referímonos ás sortellas que pertenceron a Ansurio (bispo de Ourense); Gonzalo Osorio e Froalengo (de Coímbra); Viliulfo e Vimarasio (de Tui) e Pelayo (de Iria); Alfonso (de Astorga e Ourense) e, por último, Pedro e Servando, bispos sen título coñecido. Estamos pois ante nove casos exemplares de acceso a un plano superior da dignidade por medio da “humilitas”, unha virtude accesible só para aqueles que son conscientes das súas propias debilidades e limitacións, unha calidade moral superior dos que saben restar importancia aos seus logros e virtudes.

A sona dos nove bispos de Santo Estevo deu lugar a unha serie de peregrinacións de certa importancia, tal e como proba unha doazón de 1220 asinada polo rei Afonso IX: “Dou e concedo ao mosteiro de Santo Estevo, e dos nove corpos dos santos bispos que alí están enterrados, por quen Deus fai infinitos milagres, todo o que pertence e debe pertencer ao dereito real en todo o couto do mosteiro citado”. Proba destas viaxes piadosas podería ser tamén A Albergaría, nome dunha aldea da parroquia de Cerreda, adscrita tamén a Nogueira de Ramuín. Grazas a Castiñeiras González (2006) sabemos que orixinalmente estes nove prelados foron soterrados no que hoxe se coñece como Claustro dos Bispos, aínda que máis tarde, en 1463, os seus restos foron trasladados dentro de relicarios ao altar maior do templo por orde de Alonso Pernas, bispo de Marrocos e administrador perpetuo do mosteiro.

Para o caso bispal, as mitras, os báculos e mais os aneis son os símbolos definitorios da súa dignidade eclesiástica. Mentres que os dous primeiros foron utilizados de forma simbólica nas laudas e brasóns, como emblema recoñecible pola súa forma e tamaño, os aneis tiñan para os crentes que se achegaban a Santo Estevo un papel milagreiro; isto é, vinculado ao acceso ao sobrenatural. Así, as sortellas dos bispos “se daban a los enfermos que venían a casa a pedirlos (...) y en sanando los volvía; o se los llevaban, cuando no podían venir a recogerlos, y al ponerlos con devoción, tocarlos, aplicar el agua pasada por ellos a la parte enferma o beberla, sanaban rápidamente” (Duro Peña, 1977).

Xa que logo tocar o anel dos bispos para intentar acceder a favores sobrenaturais que a ciencia lles nega, caso da curación de enfermidades ou a consecución doutro tipo de privilexios inalcanzables, era práctica habitual do común. Así se deduce doutro texto asinado polo notario apostólico Antonio Serrano en 1663, referido ao noso mosteiro e que proba que as peregrinacións na procura de milagres continuaba no século XVII: “el Sr. Rey don Alonso en la era de mil ducientos y cinquenta y ocho, dió y concedió a dho monasterio, haciéndole donación de la Jurisdición, tierra, y otras preeminencias en él contenidas, siendo la caussa final que movió su Real animo a esta concessión y santo celo, el estar sepultados en dicho monasterio los nuebe cuerpos de los santos obbispos referidos, por quien Dios obraba infinitos milagros, y oy se continúan en los enfermos que tocan sus anillos”. Nesta idea abunda un texto atopado na mesma bulsa que contiña os aneis: “Por ellos se pasa agua para los enfermos y sanan mu[chos].”

É opor iso que os aneis dos nove prelados de San Estevo foron vistos durante séculos como auténticas reliquias, xoias de santos conservados coa intención de seren usadas como talismán que intermediaba entre os fieis e a divindade para conseguir o seu favor.

O nove, número máxico

O número nove ten unha presenza constante nos relatos relixiosos, antropolóxicos e literarios de boa parte de Europa. Boa proba diso é o “Poema do Anel” que J.R.R. Tolkien (1954) fixo escribir aos Pobos Libres: “Tres Aneis para os Reis Elfos baixo o ceo / Sete para os Señores Ananos en palacios de pedra / Nove para os Homes Mortais condenados a morrer / Un para o Señor Escuro, sobre o trono escuro / na Terra de Mordor onde se estenden as Sombras”.

No campo da antropoloxía europea o número nove (como o un, o tres ou o sete) pauta ritmicamente o exercicio de determinadas accións dos seres humanos. Así, a nona é a última das horas menores no rezo eclesiástico que levan a cabo os monxes; nove son as ondas que as mulleres desexosas de concibir tomaban, entre outros, no areal da Lanzada (Sanxenxo); nove os meses que dura unha xestación e nove son as fillas conversas ao cristianismo que tivo o gobernador de Baiona Lucio Catelo, perseguidor dos crentes (Vítor Vaqueiro, 2003); nove os días que dura unha novena ou novenario, un exercicio de devoción que persegue a obtención dalgunha graza; nove son as follas de oliveira que se debían xuntar para arredar da casa o raio, as desgrazas, os malos espíritos e as enfermidades (Manuel Murguía, 1982) e nove os días que os fieis agardaban pola chuvia despois de sacar en procesión rogativa a San Xulián da igrexa de Cornanda (Brión).

Compartir el artículo

stats