Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Teatro Monicreques

Premio Artes Plásticas da Crítica 2020

Cartel de espectáculo do grupo Monicreques.

Isabel Rey e Marcelino de Santiago “Kukas”, os dous creadores da compañía.

Teatro Monicreques

Na historia do teatro de obxectos en Galicia en toda a súa diversidade de manifestacións, ocupa un lugar central Xosé Silvent Martínez, como tamén o ocupa o seu personaxe máis importante, Barriga Verde, a quen Manuel María lle dedicaría unha divertida comedia a partir das lembranzas da súa infancia, por ter visto en ocasións diferentes a barraca de tan singular artista polas terras de Lugo. Non hai moito Comba Campoi defendía na Universidade de Santiago de Compostela unha memoria de doutoramento onde recupera a súa figura e traxectoria, mentres a compañía Viravolta de Lalín desenvolvía varias iniciativas para recuperar as súas achegas, nomeadamente aquela barraca para o teatro que constituía un espazo de subversión e divertimento. Velaí a razón de que un creador tan substantivo e anovador coma Vsévolod Meyerhold sentise tanta fascinación por esta caste de teatro popular.

En efecto, pois dese teatro, rudimentario e máxico, tal como era realizado por Xosé Silvent, deu conta Ramón del Valle-Inclán na súa peza Esperpento de los cuernos de Don Friolera, poñendo en boca de Don Estrafalario e Don Manolito algunhas observacións sobre o espectáculo de rúa que presenta o Compadre Fidel co seu “estaribel”, e que eles contemplan, divertidos, nas feiras de Santiago el Verde, na raia portuguesa, país polo que andou aquel artista notable ao que os cativos acabaron dando o mesmo nome que el deu á súa criatura máis querida: Barriga Verde. De igual maneira, na historia do teatro de obxectos de Galicia máis recente temos que situar e salientar a traxectoria do grupo Monicreques, que nace en Santiago de Compostela en 1979 das mans de Marcelino de Santiago “Kukas” e Isabel Rey, e desde aquela mantén unha actividade permanente, que culmina co espectáculo Arlequina, que vai ser unha sorte de actualización de tantas experiencias e saberes acumulados. Despois de Silvent, e despois de Avantar, grupo creado no Carballiño en 1975 por Ana Isabel Rodríguez, a compañía de Marcelino e Isabel ocupa un lugar de privilexio por motivos diversos, pero moi especialmente pola teimosía en manter aberto un espazo de creación e difusión do teatro de obxectos por máis de corenta anos. Logo virán Trécola, Spaguetti, Viravolta, Tanxarina, Cachirulo ou Danthea, conformando así una primeira xeira de compañías que son as responsables do desenvolvemento do xénero neste país, un proceso que aínda espera un traballo de inventario e catalogación que permita e alente novas investigacións, tan urxentes como necesarias.

Nestes anos Monicreques desenvolve traballos escénicos moi diversos, desde espectáculos de animación de rúa coa Compañía Titirití, promovida polo escultor e artesán César Lombera ou encargas do Centro Dramático Galego (O Mariscal, de Ramón Cabanillas), ata as colaboracións coa Real Filharmonía de Galicia, en traballos como O Carnaval dos animais ou Cantata de San Nicolás, con dirección orquestral de Maximino Zumalave. Entremedias unha manchea de espectáculos concibidos coas máis diversas técnicas de manipulación de obxectos, asentados na colaboración permanente dunha parella artística que asume os roles que cada proposta precisa, desde a ideación dos personaxes á súa construción e caracterización, cun magnífico oficio artesanal.

Non hai moito José Breijo Vidal escribía, na revista Titeresante, co gallo do seu corenta aniversario, que esta compañía era un exemplo de acción artística e cultural, destacando na investigación e desenvolvemento de novas técnicas de construción e manipulación, na procura doutras formas de exhibición polas terras do país, ou na acollida, nestes tantos anos de existencia, dun elevado número de profesionais que participan na creación e exhibición dos seus traballos. Mesmo se podería dicir, aventura o director de escena de Lalín, que Monicreques de Kukas (e Isabel Rey, diremos nós) vén sendo unha academia no teatro do obxectos, pois moitos dos profesionais do campo comezaron a súa andaina aprendendo con eles dous. Chega agora un premio que supón un merecido recoñecemento dese labor inxente en beneficio da nosa escena. Parabéns.

O Museo en Liñares

Polas terras do Deza, en San Martiño do Prado, construíu Álvaro Núñez de Taboada un fermoso pazo, o de Liñares, sobre as ruínas do Castelo de Vilaboa, un dos solares dos Taboada, derruído polos Irmandiños. Unha casa grande que adoitaba visitar Dona Emilia Pardo Bazán, pois José Quiroga Pérez de Deza matiña lazos familiares cos seus propietarios. Declarado Ben de Interese Cultural, na actualidade é propiedade do Concello de Lalín, que no seu día acordou con Títeres Viravolta o traslado ás súas dependencias do Museo Galego da Marioneta, iniciativa destacada desa compañía para recuperar e poñer en valor o patrimonio escénico galego propio do teatro de obxectos.

O Museo acollía, entre outras cousas, un importante fondo documental achegado por diferentes compañías, unha nutrida biblioteca especializada, e un depósito substantivo dos Silvent. Mais por razóns diversas, o acordo de colaboración con Viravolta non se prorrogou, e o Museo pechou as portas en 2019. É mágoa porque aquel espazo podía converterse nun marco permanente de divulgación e investigación do teatro de obxectos. Non se entende que as administracións autonómica, provincial e local non foran quen de alentar, coa súa colaboración e concertación, un proxecto que, por riba de ideoloxías, non perseguía outra cousa que loitar pola preservación e posta en valor do patrimonio de todas e todos nós. Neste caso, unha arte escénica que Heródoto documentou nas páxinas da súa Historia, hai máis de dous mil cincocentos anos.

Compartir el artículo

stats