Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un século de Amália

Fados para unha extraña forma de vida

Amália Rodrigues (1920-1999)

Un risco que padecen os países pequenos é propoñer como bandeiras nacionais e representativas aqueles artistas que acadaron sona mundial. Tal risco pode conducir a que estas poucas árbores tapen o bosque que queda por detrás. Máis aínda se se trata dun país cun certo complexo de inferioridade, como é o caso de Portugal (a sombra de Castela-España sempre presente) que o levou a promover a Luis de Camões, Fernando Pessoa e Amália Rodrigues como glorias nacionais, como se non existisen outros grandes artistas naquel país. Mais cómpre dicir que tal feito non anula os grandes valores dos promocionados, ben ao contrario. E no caso de Amália Rodrigues, moitos tivemos a oportunidade de coñecer a súa altísima competencia á hora de cantar e de expresar a maneira de ser dos portugueses. Patrimonio da humanidade na lista da UNESCO desde 2011, o fado débelle boa parte de este éxito. Posiblemente, sen Amália Rodrigues e a súa excepcional condición de artista, este xénero popular lisboeta non pasase de manifestación típica ou tradicional.

Rúa do Barrio Alto (Lisboa)

Hai un século naceu Amália na freguesía de Pena, en Lisboa, nunha familia humilde orixinaria da Beira Baixa. A familia regresou á súa vila natal e a futura artista quedou ao coidado dos avós maternos, que non souberon darlle unha infancia feliz. Os seus pais volveron de novo a Lisboa e pasou a vivir con eles pero a mocidade tampouco foi un tempo de harmonía. Despois de diversas tentativas de cantar en público, en 1943 actuou en Madrid. Ben axiña triunfou en Portugal e tivo a protección aparente do réxime de Salazar (as famosas tres F: fútbol, Fátima e fado) que, non obstante, lle prohibiu cantar “Abandono”, tamén chamado “Fado de Peniche” (letra de David Mourão-Ferreira), porque semellaba facer referencia á cadea onde estaban encerrados os presos políticos, cousa que negou en público se ben despois o aceptou en privado: “Por teu livre pensamento / foram-te longe encerrar / tão longe que o meu lamento / não te consegue alcançar / e apenas ouves o vento”.

Connotada como símbolo do salazarismo, tivo que observar un retiro despois da Revolución de abril de 1974 malia que lle dedicou o sinxelo “Meu amor é marinheiro.” Apareceu de novo nunha gala da Unicef en París en 1975 e xa foi rehabilitada pola opinión pública. De feito, apareceu claramente comprometida nunha manifestación convocada polo Partido Comunista Portugués en 1975 (hai unha espléndida foto de Luis Vasconcelos, na que aparece con vaqueiros e camisa branca atada pola cintura) cando o sector conservador das forzas armadas freou o proceso revolucionario. Xa tempo despois, coñeceuse que era unha discreta pero activa opositora ao réxime de Salazar en forma de aportacións económicas á oposición comunista clandestina e en ocasións ofreceu o seu domicilio para xuntanzas clandestinas: unha circunstancia definitivamente aclarada pola biografía escrita polo xornalista Miguel Carvalho Amália. Ditadura e revolução. Non esquezamos que Amália Rodrigues era conservadora e católica pero poñer sendas velas a Deus e ao Diaño era unha forma, segundo Carvalho, de defender a dignidade humana. Posiblemente porque nunca esqueceu que medrara en Alcântara, un barrio obreiro.

Amália nunha manifestación do PC (1975, foto de Luis Vasconcelos)

A renovación do xénero feita por Amália estivo baseada na incorporación de letras dos mellores poetas portugueses, incluído Camões. Pero tamén na música, xa que as estruturas do fado tradicional limitaban as súas posibilidades vocais, polo que tamén incorporou a importantes compositores. Amaália fixo, entón,do fado unha obra excepcional que abriu paso ás novas xeracións. Deste xeito, o fado pasou das tabernas da Alfama aos escenarios de todo o mundo. E fíxoo cunha posta en escena que incorporaba un grupo musical, con ela vestida de negro. Tamén compuxo algúns dos seus fados e en 1980 atreveuse a publicar con algúns deles o álbum Estranha forma de vida.

Na súa xira de despedida, a mediados dos 90, actuou no Palau de la Música Catalana de Barcelona. A posta en escena foi solemne, con presenza do daquela presidente da Generalitat, Jordi Pujol, que a saudou desde o palco. Estar alí foi un privilexio para o autor destas liñas.

Compartir el artículo

stats