Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O dereito á diferenza

Homenaxe aos mártires silenciosos

O dereito á diferenza

Podemos salientar de Xavier Queipo a súa condición de creador global que ocupa un lugar destacado na nosa literatura contemporánea, ademais de pola súa abondosa produción, tamén pola súa visión ampla e experimental da creación literaria. Os numerosos premios recibidos non fan máis que destacar o bo labor realizado. E con ese sentimento de incógnita recibimos este Corazón de manteiga, unha novela de personaxe e de introspección que chega a nós a través dun relato autobiográfico en primeira persoa por parte de Mauro, o seu protagonista.

Non paseamos por un mundo no que acontezan sucesos, toda a nosa visión vai ser a de Mauro, e así, a realidade exterior é como unha voz distorsionada do outro lado dunha campá de cristal na que habitamos. Todo o que acontece vai chegar a nós con esa vivencia do afastamento, cunha percepción moi clara da fronteira entre o mundo interior e o que acontece fóra. E aí o progonista vai ir medrando, alimentando e enriquecendo o seu mundo interior onde aparece tamén a culpa como un sentimento que lle impide avanzar e que xera nel un arrepentimento que lle fai negarse a si mesmo. E no camiño vai chegar un momento en que xa situado nas lindes da excentricidade, bate coas normas, coa orde, co que se supón que un debe ser máis aló do que un verdadeiramente desexe ser e xusto aí é cando o cristal vai romper.

Dende o punto de vista da lectura íntima Mauro vainos fascinar en si mesmo, polos seus ricos mundos interiores, pola súa traxectoria individual. E unha vez rematada a lectura, Mauro vainos interesar como modelo do tratamento que a sociedade lles dá a aqueles que non encaixan, como exemplo para a crítica dun mundo cada vez máis alienante onde a “diversidade” é admitida só ata ese punto impreciso en que pasa a se denominar “diferenza”. Chegados a esa fronteira, a tolerancia convértese en tiranía e a diferenza a calquera nivel só pode ser aniquilada mediante a uniformización de todos os elementos do conxunto. Dende esta perspectiva, Corazón de manteiga é un canto ao respecto á diferenza. Intención que xa nos deixa clara o autor dende a páxina de dedicatorias que precede a novela: “Aos que se sintan diferentes, independentemente da súa característica diferencial”.

Ao lermos o texto de Queipo, xa dende o propio título lembramos inevitablemente aquel de Castelao publicado en Cousas que comeza “ERA UN MENIÑO DE MANTEIGA, bonito como un caravel...” e non deixa de sorprendernos a coincidencia porque Mauro, ao final, igual que aquel meniño cheo de inocencia, era distinto, e tanto un coma outro, por riba dos sentimentos de impotencia e inxustiza, acaban por inspirar en nós a mesma tenrura. Corazón de manteiga vén conformar, xa que logo, un canto ao respecto, á diferenza, e unha homenaxe aos mártires silenciosos que en todas as épocas apagamos coma luces de candeas na noite escura.

QUEIPO, Xavier, Corazón de manteiga, Galaxia, Vigo, 2020, PVP. 17, 40 €

Compartir el artículo

stats