Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Anselmo López Carreira historiador

“A Idade Media en Galicia comeza coa chegada dos suevos”

O historiador vigués Anselmo López Carreira.

–Cal é o obxectivo deste libro e a que público lector vai dirixido?

–O obxectivo é reivindicar a existencia dunha Galicia medieval, que tiña título de Reino, e que funcionou como tal durante a Idade Media, realidade que estivo moi esquecida e agachada. O que nos interesou, sen abandonar o rigor metodolóxico, foi facer unha obra de divulgación dirixida ao público que hoxe é maioritario en Galicia; é dicir, a xente que ten unha formación cultural suficiente.

–Como se repartiron o traballo entre Vde. e Xosé Miguel Andrade?

–Foi un labor feito a catro mans. Entre os dous elaboramos un esquema no que nos puxemos de acordo, e axiña cada un de nós aportamos os datos que tiñamos. Tamén pensamos o tipo de discurso que había que ir elaborando para reivindicar eses requisitos dos que falaba antes: rigor científico e facilidade comunicativa para os lectores. Por último, cada quen de nós foi escribindo aqueles apartados dos que tiña maior coñecemento.

–A partir de que feitos históricos propios se inicia a Idade Media galega e con que feitos históricos (propios) se pode falar do seu remate?

–A Idade Media é un período convencional, porque son mil anos nos que que se denvolven acontecementos históricos, sociopolíticos, económicos e culturais, que son distintos segundo dende que perspectiva se fale. Pero nós, aténdonos ao período que abarca dende o século V ao XV, consideramos que a Idade Media en Galicia comeza co asentamento dos suevos, en torno ao ano 410, e remata coa chegada en peregrinación dos Reis Católicos a Compostela, datada en 1486.

–Por que a capital do reino estivo en Oviedo e León e non en Compostela?

–Que fose en Compostela era inicialmente difícil, porque Compostela era unha cidade relativamente nova que non se constitúe como tal ata os séculos XI/XII. Iso si, as otras cidades (Braga, Lugo, Astorga) existían dende a época da Gallaecia romana. Daquela a pregunta sería: por que no se escolleu ningunha delas? Cando o Reino empezou a funcionar, escolleuse como capital Oviedo pero despois, a partir do século X, fíxase a capitalidade en León. Eu penso que a explicación a todo isto se debe a que todas as cidades galegas tiñan propietario; isto é, señores feudais, que no caso de Galicia viñan ser os bispos ou arcebispos, e iso podería derivar nun choque de poderes entre un presunto rei e unha autoridade relixiosa. En cambio, nin Oviedo nin León tiñan bispo e, nese sentido, eran cidades libres de señoríos nunha altura histórica na que hai que comprender que os reis era uns señores feudais máis.

–Tivo algunha vez o arcebispo Xelmirez conciencia dunha identidade galega de seu?

– Non podemos trasladar os criterios que temos hoxe do concepto de identidade galega ao que se tiña hai centos de anos, e menos a un personaxe tan complexo como Xelmírez, ao que habería que estudar moi a fondo. O que si é certo é que a historia de Compostela, que foi escrita tal e como o propio Xelmírez quixo, contén pasaxes dun verdadeiro patriotismo galego. Non teño claro se a iso podemos chamarlle identidade de seu, pero si creo que o concepto de Galicia como tal xa existe na época de Xelmírez.

–Cales foron as verdadeiras causas da caída en desgraza de Don García?

–Hai un momento no que hoxe chamamos reino de Galicia, pero que en realidade era a Gallaecia romana (e abarcaba o norte de Portugal, Asturias, León, parte de Castela….), á altura do século X/XI, no que se están a desenvolver uns conflictos entre diferentes grupos de poder. Eses grupos tiñan diferentes asentamentos territoriais e así ollamos a existencia dunha nobreza de Castela (dependente do rei de León) que quere establecer o seu propio marco territorial con bastante independencia de León, e iso mesmo está a ocorrer en Portugal. García foi chocar, precisamente, cos señores portucalenses e, de feito, suponse que foi despois dunha estancia en Portugal cando retorna a León e morre envelenado por encargo desa nobreza portuguesa que foi a que verdadeiramente provocou a súa caída en desgraza.

–Soa a tópico, pero hai quen aínda o pon en cuestión: a derrota dos Irmandiños foi a causa principal do declive de Galicia?

–Habería que afinar moito no estudo dese período, pero eu penso que, cando se produce a revolta irmandiña, en certos aspectos, como os económicos e de comercio exterior, Galicia xa estaba nun periodo de recesión. bastante patente.Isto resulta moi importante porque os sectores que dirixían a revolución irmandiña eran os sectores burgueses ou preburgueses, que eran precisamente os máis afectados pola recesión. A isto, claro, hai que engadir a conxuntura política de acaparamento e expandemento do poder da coroa do, xa daquela, reino de Castela e León.

–O reino de Galicia abarcaba máis territorios dos que hoxe é Galicia. Cando nace a Galicia xeográfica tal e como a coñecemos na actualidade?

–O primeiros sinais que amosan distinción dunha Galicia dentro da antiga Gallaecia datan do século X, e curiosamente quen os mostra son cronistas musulmáns, que citan un territorio máis occidental da Gallaecia, distinto do resto. A partir desa altura histórica, vanse marcando cada vez máis as diferenzas, sobre todo por parte de Castela e Portugal. Xa posteriormente, atopamos outro momento importante no século XII, cando nacen, de feito xa, os reinos de Castela e Portugal, mentres Galicia queda en principio con León. Pero León vai ir decantándose cada vez máis cara a Castela e, xa cáseque cando chegamos ao século XIV, a Galicia actual fica bastante definida., Iso si; sempre incluíndo O Bierzo, que non se separaría do reino galego ata xa entrado o século XV,. Trátase dunha situación que vai durar deica o ano 1833, cando foron creadas as provincias actuais.

Compartir el artículo

stats