Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ciencia para profanos

Interesante achega

Ciencia para profanos

Sempre é gratificante escoitar, e neste caso ler, a un científico explicando calquera aspecto relacionado co desenvolvemento da vida. Se une o coñecemento e o rigor que a ciencia esixe á sinxeleza na exposición e ao desenfado na transmisión, o resultado é un atractivo libro que baixo o título Unha mente que voa vén de publicar “Xerais Básicos Ciencia” e que supón unha interesante maneira de achegar o feito científico aos profanos na materia e conseguir deles a reflexión precisa sobre o que nos rodea.

A mirada á evolución da linguaxe que o neurocientífico Xurxo Mariño deita sobre esta capacidade que posuímos os humanos modernos revela como se levou a cabo este proceso e por que é tan importante, ata o punto de que poderiamos asegurar que somos o que somos grazas ao uso/desenvolvemento desta ferramenta porque con ela elaboramos o pensamento que é o que nos diferencia dos demais seres vivos coñecidos. Logo dunha introdución na que presenta a singularidade humana a través dos tres aspectos que nos caracterizan -autoconsciencia, pensamento simbólico e linguaxe-, un percorrido polas diferentes especies coas particularidades propias de cada grupo de individuos perlado de exemplos e alusións a comportamentos, formas de actuar e reaccións ante determinados estímulos, abondan para situármonos nun contexto referencial moi rico que invita a seguir lendo para descubrir como e cando xurdiu a linguaxe de forma paralela á necesidade de comunicación.

Para rematar, algúns experimentos realizados en diferentes partes do mundo que relacionan palabras, con obxectos e/ou ideas son empregados por diferentes disciplinas para explicar conceptos moi diversos e que afectan non só á ciencia senón tamén á cultura, á arte, ás relacións sociais…Interesante texto, tamén, para os que manteñen que ser bilingües non é unha vantaxe.

MARIÑO, Xurxo, Unha mente que voa. Unha mirada á evolución da linguaxe, Xerais, Vigo, 2020, PVP. 17, 86 €

Compartir el artículo

stats