Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Con vontade e con esforzo

Recuperando o mellor pasado

Con vontade e con esforzo

Ás veces os soños fanse realidade e os contos que nacen cun espíritu imaxinario teñen a súa correspondencia no mundo real ou o desexo é tan forte que acaba por cumprirse o que nun primeiro momento foi ensoñación. Podería dicirse tamén que o mundo se move grazas a que o desexo de acadar melloras é grande e se se poñen os medios ou a vontade precisa as posibilidades de mudanza son altas.

Algo así deberon pensar os protagonistas de A ponte que non tiña río, texto que Paco Martín publica na colección “Árbore” da editorial Galaxia no que presenta unha trama, uns personaxes e un espazo do máis convencional e que dende a cotidianeidade dos feitos procura acubillo na conciencia e na empatía como lugares nos que levedan as boas intencións e se fan grandes as expectativas que se teñen de acadar un mundo mellor que comeza pola contorna máis inmediata e se expande por círculos cada vez máis amplos.

Dous irmáns, Marta e Álvaro, vacacións de verán que invitan á aventura, dous veciños expertos en natureza que foran caseiros da propiedade onde agora viven cos seus pais e moitas ganas de explorar os arredores constitúen os ingredientes básicos para elaborar unha boa historia que comeza a principios do mes de xullo cando os rapaces acompañan ao señor Antón e descobren unha ponte comesta pola maleza porque o progreso, en forma de casas e de chalés, fixo desviar o curso do río agora canalizado sumindo no abandono tal construción que agora se encargan de recuperar para que as xeracións futuras poidan gozar dela como no seu tempo fixeron outros nenos e maiores.

Meu dito, meu feito. A vontade e o esforzo conseguen que o rego recupere o seu estado natural e discorra cantareiro por onde antano o facía. Non se trata de voltar ao pasado pero si de coidar certos vínculos con el.

MARTÍN, Paco, A ponte que non tiña río (Ils. Xosé Cobas), Galaxia, Vigo, 2020, PVP. 8, 31 €

Compartir el artículo

stats