Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha fértil traxectoria

Opera et Dies

Unha fértil traxectoria

Fun alumno de Darío Villanueva na remota Facultade de Filoloxía da rúa Mazarelos, en Santiago de Compostela, nas tamén remotas calendas do século XX. Asistir ás súas aulas supuña toda unha emoción. Impartía unhas clases certamente inesquecíbeis. Conservo na memoria daquel tempo o esplendor das súas explicacións, o seu saber torrencial, a súa clara exposición das teorías máis obtusas ou máis alambicadas. Alí coñecín a Kristeva, Todorov, Jakobson, Hjelmslev, Jauss, Barthes (O grao cero da escrita, que maravilla), Bousoño… Da súa man transitei da fenomenoloxía (Ingarden) á hermenéutica (Gadamer), do formalismo ruso ao posestruturalismo, da Semiótica (Eco) á Rezeptionsästhetik, da Polysystem Theory ao comparatismo… Palabras e conceptos destas escolas (o narratario ou o horizonte de expectativas e o horizonte de experiencias) formaron parte da nosa educación sentimental e fecundaron a nosa bagaxe intelectual grazas á eficaz docencia de Darío Villanueva.

O libro Los trabajos y los días (publicado a raíz da súa xubilación) dá noticia, da man do proprio autor, do seu camiño biográfico e académico, do seu percurso teórico e pragmático. Dun xeito cronolóxico e minucioso, combinando o dato persoal co histórico e sazonando o seu discurso coa impronta dunha sutil distancia irónica e de numerosos toques sarcásticos (un exemplo da retranca tan galaica que atesoura), enuméranse as dilatadas vicisitudes e as copiosas tarefas por el realizadas. Trazan, así mesmo, o retrato dunha personalidade excepcional. Unha figura que desempeñou altas responsabilidades institucionais (catedrático universitario, reitor da USC, director da RAE) onde deixou unha fonda e perenne pegada.

O volume complétase con tres entrevistas (en castelán, inglés e galego) e un curriculum vitae exhaustivo que confirman a perseveranza e a profundidade do seu pensamento humanístico. Parabenizamos o noso profesor emérito e desexámoslle que os Opera et Dies vindeiros sexan tan felices e fértiles como os que os precederon.

VILLANUEVA, Darío, De los trabajos y los días, Udade. Santiago, Santiago, 2020, PVP. 20, 90 €

Compartir el artículo

stats