Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

María Oruña | -Escritora

“Ilusionoume moito publicar en galego a miña nova novela”

A escritora viguesa María Oruña.

–Esta é a cuarta (ou mellor dito a sétima, se contamos a triloxía de Puerto escondido) das súas novelas. Pero vén ser a primeira que decide publicar, ademais de en castelán, en galego. Por que esta decisión?

–Máis que dunha decisión premeditada, trátase do interese que tiveron as editoriais galegas, e particularmente Aira, na que, dende que me propuxeron a idea, me atraeu moito, porque o proxecto de publicación que me presentaron dábame a posibilidade de incluír imaxes, ilustracións e unha serie de detalles que non adoitan ser propios dunha edición normal.

–Antes que dunha tradución, estamos, neste caso, diante dunha versión. Que novos elementos atopamos en O souto dos catro ventos que non estivesen xa en El bosque de los cuatro vientos?

–Hai varios aspectos novidosos. Por exemplo, que ao traducilo eu mesma, atopei varios parágrafos nos que cambiei a musicalidade e o ritmo do texto porque me decatei de que estes dous elementos son distintos, segundo se escriba en galego ou en castelán. Tamén escribín un comezo novo e cambiei de orde varios capítulos. Por outra banda, incluín un apéndice a xeito de “making of” onde descubro como se fixo novela, que atingue aos procesos de documentación e artellamento da trama e dos personaxes. E, como dixen antes, están as ilustracións que antes che citaba.

–Terá continuidade esta fórmula? As súas próximas novelas tamén se publicarán en versión castelá e galega?–

Podería ser, e eu, dende logo, estou disposta. Como galega, faríame moita ilusión, sempre e cando haxa un interese coma neste caso tivo Aira. Se é así, seguramente habería, máis que unha tradución pura e dura, unha versión, porque eu son moi arriscada, e resulta raro que estea traballando nun texto e de súpeto non me veñan moitas máis ideas por engadir. Xa che digo: todo dependerá de que volvan confiar en min.

–A novela conta, paralelamente, dúas historias. A súa idea foi dende o principio estruturar o texto así ou, en realidade, no inicio tiña xa dúas ideas para dúas novelas distintas?

–Non, o resultado final foi o meu plan dende o principio. Hai que decatarse de que toda a trama xira en torno a Santo Estevo e, se optei por contar a historia a dúas voces, foi porque desexaba que o lector tivese perspectiva de coñecer como, no mesmo sitio, cambiara absolutamente todo durante douscentos anos; todo, agás a igrexa, que alí permanece, malia que en estado ruinoso (disque agora vana restaurar). A idea que quixen transmitir foi a de que, aínda que parezan os mesmos, son moi distintos os ventos dunha época dos ventos da doutra.

–O de Marina é unha personaxe apaixonante, case podemos falar dunha adiantada do feminismo. Inspirouse nalgunha muller real da historia de España para crear este personaxe?

–Marina é unha personaxe inventada, pero fai unha homenaxe moi clara de todas esas mulleres que non saen nos libros de Historia, pero que fixeron posible que avanzásemos e que outras moitas mulleres si apareceran neses libros. Marina é un compendio de todas esas mulleres esquecidas que, como fillas do seu tempo, eran mansas e obedientes, pero as quelles chegou o momento de revelarse contra as normas que as teñen tan constrictas porque,senón, afogan. E este espertar delas, como o de Marina, é como esa pinga que cae na superficie para que as que as seguimos, poidamos tirarnos sen medo de cabeza.

–Jon Bécquer, o outro protagonista, é un chisco enigmático, pero, ao cabo, un home moi interesante. De onde vén?

–Pois neste caso si que estamos a falar dun personaxe real. O meu Bécquer está baseado en Arthur Brand, que é un detective de arte moito máis estrafalario que o propio Bécquer, e que en Holanda é moi coñecido. Teño falado con el e abofé que é un home moi simpático.

–Supoño que o apelido que lle puxo terá que ver con Gustavo Adolfo Bécquer…

–Si, claro, pero máis ben elixino como homenaxe a Rosalía de Castro, que era o vínculo do verdadeiro Bécquer con Galicia.

–A quen semella máis o seu xeito de ser: ao de Bécquer ou ao de Marina?

–Vouche contestar como resposto sempre a este tipo de preguntas: eu son todos os personaxes da novela e, á vez, non son ningún deles. Eu son Marina, eu son Bécquer; eu son o cacique, e o abade, a restauradora, o cura….e non son ninguén deles. O que si hai en todos son riscos de persoas que eu coñezo, pero eu non pertenzo aos personaxes, senón ás historias que conto. Como autora, son das que acredito que o escritor ou escritora debe ser invísibel, que a historia debe ser tan potente que eclipse o propio escritor.O demais é puro egocentrismo.

–O éxito en castelán desta novela (unha das máis vendidas este ano) convértea nunha das escritoras galegas actuais máis lidas en España. Que tal vai levar esta “responsabilidade engadida” de aquí en diante?

–Son consciente de que o meu é un camiño no que pouco a pouco se van acadando metas. Para min é sorprendente, claro, pero neste caso porque o lanzamento deste libro tiña xa dous obstáculos iniciais: non pertence á saga de Puerto Escondido, que é o que agardaban a maioría dos meus lectores, e aínda por riba saímos en época de Covid. Pero xa imos pola cuarta edición, e son tiradas de moitos milleiros de exemplares, e non é que sinta máis responsabilidade, porque eu cando remato unha novela o que sinto é unha especie de alivio de ter dado todo o que puiden de min e, a partir de aí,pois outra vez a empezar, pero sen sentir responsabilidade engadida, senón con moitas ganas e un grande respecto polos lectores. A fin de contas, nunca se sabe a fórmula para saber se un libro vai ir ben ou non. Para min, un bo libro é o que permanece no tempo, non o que acada un éxito momentáneo. O meu reto, asi pois,xa está no próximo libro, pero dígoo con independencia de que teña éxito de vendas ou non.

Compartir el artículo

stats