Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Detallada crónica

Castelao no espello da República

Detallada crónica

O 14 de abril de 1931 a cidadanía española proclamaba euforicamente a II República. O 2 de abril de 1939, o militar que traizoou o xuramento realizado ao goberno lexítimo da República, entrou ‘triunfalmente’ nun Madrid arrasado, frustrando as esperanzas de milleiros de demócratas non só de España, senón de todo o mundo.Esas datas, que limitan o tempo da II República -logo viría o exilio, até 1977-, foron determinantes na vida de Castelao (1886-1950): un home que se converteu nun referente internacional do galeguismo e do republicanismo precisamente no transcurso deses anos.

Durante eses anos, Castelao protagonizou días de grande intensidade política, como o 28 de xuño de 1936, día no que o pobo galego referendou o Estatuto republicano, ou o 1 de febreiro de 1938, día no que se leu o Estatuto de Autonomía nas Cortes republicanas de Montserrat, tomando dese xeito estado parlamentario. Feitos que agochan unha profunda entrega á unha idea: a construción da nación galega; unha nación que podía coexistir nunha república con outras nacións ibéricas, incluída Portugal.Así mesmo, foron anos nos que como deputado galego loitou con teimosía polo ferrocarril, pola reforma agraria, pola situación do campesiñado, por unha fiscalidade xusta para Galicia e para o pobo galego..., loitas, todas, que protagonizou como líder do Partido Galeguista, organización política que contribuíu fundar o 3 de decembro de 1931, apenas uns días antes de que se aprobase a Constitución republicana de 1931, votada e apoiada por Castelao.

Son anos, xa que logo, de intenso activismo a prol da República e dunha Galicia democrática; neste sentido, cando o 18 de xullo de 1936 un grupo de militares traidores, perxuros e desleais, logrou someter a nosa terra baixo as súas botas, dando comezo a unha brutal represión, Castelao comprometeu todo o seu enxeño artístico e político en denunciar eses crimes, velaí están os álbums Galicia mártir (1937), Atila en Galicia (1937) e Milicianos (1938); un enxeño que no ano 1938 e 1939, durante a súa estadía nos EEUU e Cuba -logo de viaxar pola URSS-, empregou para denunciar o racismo que oprimía os ‘negros’. Anos nos que ademais, sobre todo na prensa galeguista e comunista, denunciou a situación do pobo galego, tanto a través de debuxos como de artigos, nos que denunciou as tres pragas que asolan Galicia: militarismo, clericalismo e capitalismo.

Foron os anos de Nós, de rupturas con ‘irmáns’..., de esperanzas e desesperanzas..., anos que o historiador Miguel Anxo Seixas Seoane, quen xa lle prestara atención a Ánxel Casal, o editor de Nós, recolle nunha magna e detallada crónica diaria da vida do rianxeiro no segundo tomo de Castelao: construtor da nación (2020).

SEIXAS SEOANE, M.A., Castelao. Contrutor da nación, t. II, Galaxia, Vigo, 2020, PVP. 42, 75 €

Compartir el artículo

stats