Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Caricatura, humorismo, ilustración

Álvaro Cebreiro e a cultura figurativa galega

Ilustración de Vento Mareiro (1921).

Cartel publicitario (1934-35)

Cartel publicitario (1934-35)

Álvaro Cebreiro nos anos de mocidade.

Álvaro Cebreiro nos anos de mocidade.

A publicación dun volume dedicado ao artista coruñés Álvaro Cebreiro (1903-1956) pon de novo de actualidade a personalidade dun dos protagonistas da cultura figurativa galega da década dos vinte e trinta. O libro Álvaro Cebreiro, 1903-1956. Caricatura, humorismo, ilustración (Deputación da Coruña, 2020), da autoría de Xesús Torres Regueiro, supón unha achega informativa fundamental sobre o artista, o que permite resituarmos máis atinadamente o seu papel no contexto galego anterior á Guerra Civil.

Álvaro Cebreiro iniciou a súa actividade pública como ilustrador con apenas 17 anos ao tempo que se integraba na Irmandade da Fala coruñesa e realizaba, para o seu voceiro A Nosa Terra unha ilustración que serviu de capa da revista a comezos dos anos vinte. No ambiente do nacionalismo desta altura toma contacto co poeta Manuel Antonio co que vai asinar o manifesto Máis Alá e despois vai participar como director artístico na revista luguesa Ronsel que dirixía Evaristo Correa Calderón.

O contexto artístico en que traballa Cebreiro nestes anos xuvenís na Coruña é o dun ámbiente en que se desenvolve un tecido cultural permeábel á modernidade estética internacional, con referentes como o ultraísmo e en xeral o vangardismo cosmopolita, que vai ter unha concreción decisiva coa creación da revista Alfar.

Alfar –nunha primeira etapa chamada Revista de Casa América-Galicia- veu ser unha publicación da vangarda plástica e literaria creada polo poeta uruguaio –e cónsul do seu país- Julio J. Casal e publicada entre 1920-1927. Contou con variadas e brillantes colaboracións, con importante presenza da literatura e da arte da vangarda internacional. O seu contido insírese nun vangardismo cosmopolita que ten como referencia o ultraísmo. Nela aparecen colaboracións de artistas como Rafael Barradas, Pablo Picasso, Juan Gris, Norah Borges, o escultor Alberto, Ángel Ferrant, Francisco Bores, Antonio Tenreiro, Luís Huici, Francisco Miguel, Manuel Méndez e, de maneira ben destacada, Álvaro Cebreiro. Alfar será fundamental para a divulgación da plástica renovadora en Galiza e tamén no contexto español, non só polas obras reproducidas, senón polo espallamento do pensamento artístico modernizador no noso país, sen eludir a polémica co rexionalismo e o nacionalismo.

Desta variedade de nomes e tendencias xorde unha rica rede de conexións e influencias, típica da modernización da cultura plástica europea desta altura. En Alfar encontramos a artistas ben diferentes mais cun espírito inquieto que nos falan dun mundo en plena efervescencia, nun ambiente como o noso onde se produciron importantes transformacións e un proceso de renovación artística que desde mediados dos anos vinte é xa ben evidente.

Inserido de vez neste contexto está a intensa presenza de Álvaro Cebreiro -como tamén aparecen con igual rotundidade os pintores Francisco Miguel e Luís Huici, despois asasinados polos fascistas en 1936-. Cebreiro ilustra con caricaturas e debuxos variadas publicacións, cun sintetismo acusado, en especial nas caricaturas que son, non poucas veces, de enorme calidade. Nas ilustracións paisaxísticas os influxos que delata a súa obra desta altura son os do modernismo e da estampa xaponesa. Cebreiro, como outros artistas destes anos, incorpora a tradición gráfica das artes decorativas e fai uso dun vocabulario ornamental modernista que potencia unha gramática expresiva da liña, tan frecuente na arte europea desta altura. Mesmo certas estilizacións e sutilezas, ben evidentes no seu traballo, fanse, pouco máis tarde, asimilábeis ao espírito sofisticado e elegante da art déco que se abre camiño entre nós avanzados os anos vinte. Bos exemplos deste proceso formal son as ilustracións para a edición de 1921 de Vento Mareiro de Ramón Cabanillas ou as de Luar (1923) de Evaristo Correa Calderón e Do outono (1924) de Gonzalo López Abente.

Ao tempo, o seu traballo achégase, máis ocasionalmente, a un linelalismo sintético, afín á estetica da “arte nova” dos anos vinte, moi presente en revistas como Vida, Alfar ou Ronsel, do que é exemplo a magnífica -e ben coñecida- capa do número 1 desta última (1924).

Deseño publicitario

Avanzados os anos 20, cando aínda é moi novo, a súa obra esmorece, en cantidade e calidade, como se pode ver nas colaboracións da revista viguesa Vida Gallega, moi conservadoras no formal e no temático. Porén, o artista recuperara o seu pulo creativo na época da Republica por medio dun numero limitado, e ben interesante, de deseños para carteis ligados a certames convocados polo Concello da Coruña, con motivos de promoción turística. Neles é perceptíbel a evolución dos motivos paisaxísticos que con anterioridade tratara con formulas modernistas e que agora desenvolve cun esquematismo e sintetismo brillante realizado por medio de témperas de tintas planas.

Esta liña creativa, infelizmente, non tivo continuidade. As circunstancias posteriores ao golpe militar franquista, políticas, de ambiente social e persoais, farán que o seu papel cultural posterior sexa moito máis limitado. Fica, porén, o seu legado gráfico, fundamental para entendermos algún dos camiños seguidos pola ilustración galega dos anos 20 e 30.

Compartir el artículo

stats