Sen máis nomes ca os xenéricos “papá” e “pequeno” recolle Roberto Aliaga unha experiencia cotiá que, feita conto, presenta Kalandraka Editora na colección “Demademora” para que os primeiros lectores se inicien na identificación de caracteres ou signos da escrita e/ou que disfruten prestando atención ao que escoitan. A intención é achegar/repasar as experiencias -reais e imaxinarias- dunha interacción entre proxenitor e rapaz co texto que resulta moi enriquecedora porque permite voltar a momentos de encontro moi pracenteiros para os dous, como punto de partida para a construción dunha relación afectiva entrañable.
Logo de asegurarse que papá está ao lado, o cativo quere vivir de novo momentos felices e imaxina os animais nos que se converteu: un canguro, unha aguia, un esquío, un oso formigueiro ou mesmo un pingüín e un lobo lle serviron de personaxes a pai e a fillo para explorar a natureza terrestre, aérea e submariña e indagar as posibilidades que tales hábitats ofreceron e nos que tan ben desenvolveron as súas fantasías, porque se trata de imaxinar e de viaxar a lugares afastados, de experimentar e sentir emocións, de prender no sono e saber que alguén acompaña o adormecemento dos sentidos e o soño como actividades que forman parte do proceso de maduración e formación tan importante nos nenos.
ALIAGA, Roberto, O conto do outro día (Ils. Noemí Villamuza), Kalandraka, Pontevedra, 2020, PVP. 13 €