Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A paixón de investigar

Deconstruíndo os mitos

A paixón de investigar

María Xosé Queizán, para alén da súa produción como novelista e poeta, tíñanos afeitos a dúas grandes liñas investigadoras: a do ensaio feminista, onde é referente imprescindible en Galicia, e a do estudo literario, centrado fundamentalmente en mulleres literatas. Xa rachara con elas na publicación da súa autobiografía Vivir a galope hai dous anos e agora vaino facer de novo cunha obra diferente que sorprende xa dende o propio título. E non se fíen Vdes. da repugnancia que nos provocan os dous substantivos do título, “Despoxos” e “vísceras”, xa que nos van levar a tres grandes historias, os restos son o elemento aglutinador exótico para coñecer de preto non só as persoas que habitaron eses corpos senón tamén aquelas que os rodearon e que contribuíron á construción do mito. A autora di: “Recoñezo que estas desmitificacións me gratifican”, referíndose ao feito de seren realizados por arquitectos italianos moitos dos templos convertidos en iconas da arte rusa. Esa idea paira tamén ao longo do ensaio onde se mesturan a mitificación e a desmitificación froito da propia actividade investigadora.

A primeira parte, protagonizada pola parella formada polo poeta Percy B. Shelley e Mary Wollstonecraft Shelley, lévanos á Romanticismo. As páxinas dedicadas a Percy e Mary condúcennos á historia do corazón do poeta arrincado das lapas, á relación que os unía, ao verdadeiro papel dela no dúo e ao coñecemento directo das súas cartas.

A segunda parte, dedicada a Lenin, lévanos á historia do político bolxevique, á do seu cerebro seccionado en 31.000 láminas e ao seu posicionamento respecto da cuestión da autodeterminación dos pobos.Canto á terceira, a protagonista é Rosa Luxemburgo, por quen Mª X. Queizán declara grande admiración. Neste caso será o seu corpo todo o que se someta a estudo. Amósanos a intelectual, unha muller racionalista, cun poder mental envexable capaz de se evadir en prisión para crear obras fundamentais e descóbrenos a polifacética muller feliz, a amante apaixonada e libre capaz de “darse de forma natural e deixarse levar pola paixón, sen ser infiel”. Logo detense na narración da tortura, asasinato e posterior tratamento dos seus restos.

A ensaísta vainos dando conta do propio proceso de investigación, como por exemplo non abonda co coñecemento documental e son precisas as viaxes para coñecer fisicamente os lugares, vivir o ambiente, mergullarse ata a medula en todo o que esa persoa experimentou. Máis aló do interese dos estudos levados a cabo no libro, que o teñen e moito, a lectura deste ensaio é moi recomendable porque nos amosa o camiño de pracer que hai na busca do coñecemento que non é outra cousa que a paixón de investigar.

QUEIZÁN, María Xosé, Despoxos e vísceras ilustres, Xerais, Vigo, 2020, PVP. 17,57 €

Compartir el artículo

stats