Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A moda e o tempo

Arredor do sentido de la durée

Aspecto da mostra About Time. Fashion and Duration que se está a expoñer desde o pasado mes de outubro nas salas do The Met Fifth Avenue, en Nova York.

O Costume Institute, pertencente ao Metropolitan Museum of Art de Nova York, dedica unha mostra -About Time. Fashion and Duration- á relación entre a moda e mais o sentido de la durée, aproximándonos a un discurso de tempo pasado, presente e futuro, afundido polo poder creativo da moda. A exposición traza un fío narrativo dende 1870 deica aos nosos días, coincidindo co 150 aniversario da institución.

O comisario da mostra Andrew Bolton e mais o seu equipo de conservadores, concibiron dúas escenografías que representan uns reloxos ou escenarios pendulares con marcas para as fraccións de tempo de sesentaminutos. En cada unha desas seccións agóchanse dous modelos de épocas diversas que serven para facer fincapé nas semellanzas dun referente estético pertencente a un tempo anterior e unha creación ulterior de silueta ou estilo semellante. Con estes dramáticos escenarios, que inclúen mesmo un péndulo de Foucault, a mirada abraia ante o perenne discurso da moda e a solidez das formas que propón, as cales mantéñense no tempo por lustros, décadas ou séculos.Partindo do concepto das Horas, recreado na película homónima que partía á súa vez da obra da escritora Virginia Wolf, a voz narradora de varias actrices, entre elas Nicole Kidman, serve de baixo continuo para crear un discurso poético que guía os sentidos polas modas. Así a obra da escritora británica afunda cos escritos sobre o tempo e mais a duración do filósofo francés Henri Bergson, de xeito que aportan outras perspectivas para o vestido e a aparencia a identidade e o tempo.

A práctica totalidade das roupas expostas son negras, para subliñar as siluetas ou formas dos traxes e a súa forza estética con gran poder de repetición, recreación, simulación ou reflexo. Entre outras modas, atopamos un vestido de seda negra en liña princesa de 1870 posto en parella cunha saia Bumster de Alexander McQueen do ano 1995. Un vestido de enormes mangas xamón, datado na década de 1890, é posto en parella cun conxunto deconstruído de Comme des Garçons do ano 2004. Noutra parella móstrase un traxe da deseñadora Iris Van Herpen feito en fibra sintética, creando un exoesquelete con colo palabra de honra e saia de estrutura, outono inverno 2012-13, xunto a un traxe de satén creado por Charles James no ano 1951 e tamén un conxunto con lazos creado por Viktor&Rolf no ano 2005.

Xunto a un vestido decorado con lazos de Madeleine Vionnet, do ano 1939, atopamos outro, plisado, de Issey Miyake, do verán de 1994 e que se pon en diálogo cun Delphos creado por Mariano Fortuny e datado no ano 1930. Aínda unha chaqueta bordada, inspirada no terno de cabaleiro do traxe de tres pezas á la française, creada en 1902 por Morin Blossier, entra en contraposto cunha chaqueta feita por Nicolas Ghesquière para Louis Vuitton en 2018. Tamén un traxe con conos e silueta serea de Jean Paul Gaultier de 1984 vén relacionase con outra silueta serea de Charles James do ano 1949.

En fin, hai unha chaqueta (1938-39) de Elsa Schiaparelli, que leva bordados dous espellos fragmentados a ambos lados do peito, en liña con outra (1978-79) de Yves Saint Laurent que leva as costas bordadas cun grande espello asemade fragmentado. As dúas modas representan identidade estéticxa, e sobre todo política, cunha referencia aos espellos quebrados polas guerras e o Tratado de Versalles.

Contexto distópico

Unha das teimas principais da industria da moda nos nosos días é a relacionada coa duración das prendas ou, dito doutro xeito, a cuestión axial do lixo, da produción sostible, as materias recicladas, os materiais tecnolóxicos e os deseños integrais. Como queira que o aumento de poboación no planeta leva implícito un aumento exponencial de consumo, unha das consecuencias desa sobrepoboación é que se emite máis residuo. Tamén a propia fortuna dun mundo intraconectado leva aparellado un aumento das viaxes de mercadorías e persoas, con incremento de emprego de plásticos, combustibles, envoltorios, almacenaxes e obsolescencias do exceso de manufacturas. Cuestións todas elas das que non é allea a industria da moda que, xa que logo, é tan xeradora de liberdade como de escravitude.

Aínda sobre todos estes datos vén abondar o da filosofía da época na que nos atopamos, que non é outro que o capitalismo estético, tal e como explica o filósofo Gilles Lipovestsky. Daquela todo arredor de nos está deseñado e preconcibido para crear un ambiente contemporáneo e cool mentres os antigos templos de relixión e rezos son substituídos por valores efémeros, representados polas peregrinacións aos centros comerciais e mesmo aos museos, transformados arestora en centros da cultura do espectáculo. A mostra do Met faise eco, entón, deste contexto distópico e coloca o final do percorrido nun modelo creado polos modistos Viktor&Rolf, confeccionado nun patchwork ou retazal de mostras ou restos de tipos de encaixes realizado en cor branca é que sigue a liña de fantasía que os modistas están a empregar na década dos 2010. Así, deseñan traxes con forma trapezoidal que serve de encerado para mensaxes escritas de contido político, denuncia social ou reclamación de dereitos. Xa foran populares os traxes coa aseveración “NO” da colección dos modistas holandeses no inverno do 2008. Seguiron coas coleccións polémicas até o traxe de 2020 que remata a mostra e leva mensaxe ecolóxica e materiais reciclados.

Compartir el artículo

stats