Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Letras austrais

Mulleres na vangarda narrativa arxentina

Cartel de Las grietas de Jara (2017), a partir da novela de Claudia Piñeiro.

Probablemente, o feito máis relevante da narrativa arxentina nas dúas primeiras décadas deste novo século sexa a aparición dun importante grupo (digo importante en calidade e cantidade) de narradoras que, sostidas pola prensa –en especial polas numerosas pequenas revistas nas que se cultiva a nova crónica que mistura xornalismo e narración–. polo éxito da súa acollida en varias editoriais españolas e noutros países europeos e, naturalmente, polo indiscutible interese literario están a consolidar unha literatura expresivamente dura e visceral que ten o feminismo militante na súa base e que contempla a vida actual do país baixo o prisma da súa particular sensibilidade e sentimentalidade. Trátase, pois, da muller como eixe dunha narrativa autoficcional ateigada en moitos casos de violencia física e psíquica, de acentos de reivindicación e denuncia contra prexuízos e marxinacións que pesan sobre ela nos ámbitos de relación persoal, familiar e social. Da muller sometida polo machismo, rebaixada pola súa pobre autoestima e reducida a un papel secundario no seo familiar; como adolescente indefensa e desamparada, como figura calada e reprimida aínda no terreo da sexualidade e como protagonista dunha función limitada social e profesionalmente pola súa condición materna.

Este grupo de narradoras, varias delas muy novas, contribúe a continuar e renovar a espléndida tradición contística e novelística do país (contística nos casos de Borges, Cortázar, J.J Saer, Bioy Casares, R.Arlt, Di Benedetto ou o pioneiro Horacio Quiroga). Ademais, lideradas en parte pola forte personalidade de Leila Guerriero, dan pulo ao chamado “xornalismo narrativo” que, na súa mestura, afonda as raíces en figuras norteamericanas como as de Tom Wolfe, Norman Mailer ou Hemingway (representantes, no seu tempo, do chamado “novo xornalismo”).

Semella claramente consolidado nestas narradoras o cambio da focalización da vida do país, que pasa da óptica política (tempos pasados de ditaduras, exilios, terrorismo urbano, confrontación cívico–militar, etc) a outra de natureza socioeconómica. A resultante do cambio é a particular e teimosa atención a problemas como a pobreza extrema, a delincuencia, o crecemento de vilas –miseria suburbanas, a degradación da existencia e das condicións de vida da xente e a exarcebación da violencia contra a muller. Xorden tamén os escenarios arredor das estradas, afastados e solitarios marcados por unha difícil sobrevivencia; porén, Buenos Aires continúa a ser unha moi transitada escenogafía, aínda que despoxada de calquera clase de glamour ou poderío urbano, artístico ou social.

A presenza da muller é total e absoluta en papeis de autora, narradora ou protagonista. Podémolo comprobar en novelas ou libros de relatos como Precoz, de Ariana Harwicz; Viaje al invierno, de Claudia Solans; A los trece, de Fabiana Duarte; Por qué volvías cada verano, de Belén López Peiró; Los mejores días, de Magalí Etchebarne; Las otras, de Carolina Bruck; La luz negra, de María Gaínza; La virgen cabeza, de Gabriela Cabezón Cámara; Chicas muertas, de Selva Almada; La piel intrusa, de Yanina Rosenberg; Desmonte, de Gabriela Massuh; Nudos, de Patricia Ratto ou Cada despedida, de Mariana Dimopoulos entre outras posibles.

Técnica, temática, estética

A esta panorámica, sempre discutible, dos últimos anos, debemos engadir outras observacións xerais de carácter técnico, temático ou estético. Así, a primacía do rexistro oral, acedamente conversacional e aínda xergal da linguaxe narrativa; sinxela, directa e agresiva. Así tamén o desenvolvemento das fragmentarias e inconclusas historias en lugares illados preto de estradas solitarias e terras ermas e míseras. Igualmente, un certo desleixo da técnica compositiva e, contrariamente, unha case continua procura dun efectismo impactante en feitos e escenas xunto coa variada gama de protagonistas femininas case sempre en situación de crise, asfixiadas pola miseria, o maltrato degradante, a perda das relacións sociais e familiares e a agresión e a hostilidade simplemente pola súa condición ou xénero. O feminismo conleva, ademais dun rexeitamento destas situacións, unha ollada defensiva e solidaria sobre as súas víctimas. A dimensión sobre todo orientativa, informativa destas líneas, obríganos a salientar, simplemente a través de mínimas notas esparexidas, algunhas das mellores novelas.

A listaxe debe comezar por Elena sabe, da exitosa novelista Claudia Piñeiro, de ascendencia galega. Trátase dunha devastadora visión da soidade a enfermidade a vellez e a morte. Case cando escribimos isto aparece Las malas, de Camila Sosa, sobre a tráxica e destrutiva problemática do travestismo na muller. Alucinante, delirante é o caso da vidente que comía terra para conectar con mortos ou desaparecidos, como acontece en Cometierra, de Dolores Reyes. O protagonismo da rebelión da muller en situacións de pasadas dictaduras, calla en 38 estrellas, onde se conta unha fuga colectiva de mulleres do cárcere. Notable é o retrato, revestido de humanidade e de culturalismo, do pianista eivado que vence graves limitacións físicas para tocar, en Opus Gelber, de Leila Guerriero. Por fin, unha lembranza sequera para unha mestra do relato como é Samanta Schweblin e unha voz chea de forza e intensidade nos seus relatos e novelas breves: Selva Almada.

Compartir el artículo

stats