Supón para min un privilexio comentar No texto do poema, de Arcadio López-Casanova (Lugo, 1942), un escritor capital na nosa historia literaria. Desde Mesteres (1976) até Memoria da Casa Grande (2019), o seu corpus poético foi erixindo unha visión fondísima e persoal das vicisitudes, anhelos e desasosegos do home fronte ao mundo. Xunto á súa faceta creativa, despregou un salientábel labor crítico e analítico, tanto no ámbito da literatura en castelán como no da nosa lingua (extraordinarios son, sen dúbida, os seus estudos sobre Pimentel e Cunqueiro).

Con No texto do poema culmina unha dilatada traxectoria crítica e metodolóxica con resultados admirábeis. Dividida en catro epígrafes, o noso crítico examina e clarifica un conxunto de tropos poéticos que obedecen ás estratexias enunciativas (distinguindo entre a actitude lírica e a voz e entre os procesos de desdobramento e de escenificación), seguindo coa actorialización (diferenciando entre o actor lírico e os procesos actoriais), pasando pola imaxe poética e as súas tipoloxías e chegando ao símbolo e ás formas simbólicas. En cada unha destas seccións o investigador desenvolve unha tarefa colosal: extrae versos ou poemas enteiros dunha miríada de creadores de noso. Tan só por esta laboriosa paixón merecería o noso recoñecemento. Mais hai que agregar que os textos citados (desde os Cancioneiros medievais até aos nosos días) son dunha beleza sobrecolledora. Mesmo pedagóxica, pois ilustran e esclarecen cada recurso expresivo.

Como colofón a este traballo, o poeta do Páramo indaga en dúas obras senlleiras: De catro a catro e Viaxe ao país dos ananos. A súa análise bota luz en cada meandro textual, iluminándoo de sentido. Por máis que unha figura lírica poida ser insumisa a unha definición, Arcadio López-Casanova elude este perigo con sensibilidade, con agudeza e lucidez pasmosas. Este libro, en fin, destila un xigantesco amor pola poesía e, tamén, polo enigma da comunicación poética. Por iso constitúe un auténtico gozo a súa lectura.

LÓPEZ-CASANOVA, A., No texto do poema, Espiral Maior, A Coruña, 2020, PVP. 18 €