Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Co fío de Ariadna

Otero Pedrayo e a cultura de nós

Mulleres redeiras nun peirán do porto de Malpica, nunha fotografía dos anos 30 do século pasado.

Chega aos andeis nas nosas librarías a reedición do Ensayo histórico sobre la cultura gallega, de Ramón Otero Pedrayo. Vén, desta volta, con prefacio de R. Villares e edición de X. A. López Silva, arroupados polo Consello da Cultura Galega e Galaxia. Dada a noticia, chega ao meu maxín este episodio: Vigo, 1930. Os nacionalistas, con Paz Andrade e Gómez Román no leme, organizan o mitin do Día da Patria ás 11 da mañá no Teatro García Barbón. Despois xantarían nos terreos da Barxa, hoxe expropiados da memoria. Desde logo, o país, con conciencia de seu, puxo o óculo sobre deste lugar. Tamén as autoridades militares. A urxencia era reconciliar o galeguismo (tras anos de divorcio) pra participar na alborada republicana e acadar o Estatuto. O cartel anuncia os oradores: Castelao, Otero Pedrayo e Paz Andrade. FARO DE VIGO do 24 adianta que don Ramón “hablará del significado espiritual del Día de Galicia” tras conferenciar antes en Caldas de Reis sob o título “Ideas sobre a cultura galega”, asuntos que tiña ben mallados.

Ramón Otero Pedrayo (1888-1976)

Ramón Otero Pedrayo (1888-1976)

Porque o tótem de Trasalba publica no solpor de 1930 o referido Ensaio. Nel expón a xénese cultural da nación, coma se for igual ca o libro sacro. Pero antes puxo en literatura algunhas ideas semellantes en Arredor de si, saído no mesmo ano coma espello xeracional. E a maquinaria de axit-prop estaba en marcha. As voces nacionalistas convertían as lóbregas salas nunha lumieira pola cal traspasa e chega a luz. Unhas veces eran artigos ou libros, outras charlas e mitins. Don Ramón, un intelectual de escola europea, conxugaba todas as variantes. Así mediron o país dende Ortegal ao Miño. En definitiva, on the road. E esta batería de accións dirixíae a propiciar unha opinión favorable ao dereito de Galiza a ser dona do seu destino. O clima era confuso porque a ditadura alapexaba mentres ía a pique. O músculo popular tensaba as rúas. Os despachos republicanos convocaban actos en liceos e alamedas. Un deles foi en febreiro do 30, co inesquecible discurso de Azaña:

“No; la libertad no hace felices a los hombres; los hace simplemente hombres”.

decoration

Neste contexto, no cal a República axexa, aparece o texto de Otero: unha magna reflexión, sólida coma granito e lúcida coma fontela limpa. Co fonendoscopio escoitou o peito da terra-nai. Análise e diagnose. O resultado é unha interpretación, feita en tinta tradicionalista, da alma do país. Non é un relato de sucesos nin un catálogo publicitario. Porque Don Ramón presenta aí unha tese sobre que é Galiza en termos culturais e, dende eles, xustifica a existencia da nación. Noutras latitudes, a cuestión nacional érguese sobre razóns relixiosas, raciais, económicas… Otero pon o sustento na cultura. E ademais faino sen coxear no chouvinismo. Un pé apóiao na comprensión global de Galiza (política, xeografía, arte…) e o outro pé pono sobre Europa pra demostrar a conexión, existente dende tempos antigos, do vello continente coa fisterra ibérica. A opción lingüística revela a intención. Otero diríxese ao conxunto de aquí e acolá. Guinda un repertorio de fundamentos para quen “non nos entenden, non”, como se laiou Pondal. Pero á vez serviu de alimentación político-ideolóxica aos nacionalistas. Fronte súa tiñan un monumento argumental moi oportuno ante o novo tempo: a República.

Ensaio histórico sobre a cultura galega

Ensaio histórico sobre a cultura galega

O Ensaio de Otero é un fío de Ariadna. A lectura lixeira, contra outros escritos barroquistas do autor, fainos transitar liña a liña por varios escenarios onde o protagonista non é o feito político senón a creación cultural (determinada case sempre pola influencia relixiosa: Prisciliano, Martiño Dume, Santiago Apóstolo, Xelmírez…). O quid é: a nación constitúese dende a arte, non dende a vontade política do pobo. Esta comprensión é hoxe desbotada. Cando menos pra quen ten pés na terra e razón na cabeza. Porque a nación é unha construción intelectual que precisa dunha explícita vontade de adhesión humana. A nación é o plebiscito de todos os días, dixo Renan. Ao día seguinte, a portada a toda páxina d´El Pueblo Gallego significaba: “Vigo foi onten o centro espritoal de Galiza”. O discurso de Otero atravesou os corpos presentes. E Vigo converteuse daquela na rosa dos ventos da Galiza futura. Aínda o segue a ser.

Compartir el artículo

stats