Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A pedra da lúa

Na Pena Molexa, Narón

Vista xeral  da Pedra Molexa

Vista xeral da Pedra Molexa TERE GRADÍN

Entre as moitas pedras da Galicia encantada unha das máis coñecidas, e que alberga máis lendas, é Pedra Molexa, un gran penedo en forma de disco situado na parroquia do Val, no concello de Narón. Trátase do elemento singular do Monte da Lagoa, que convida a pensar en antigos ritos funerarios e en mitos que deron lugar a unha popular celebración.

Din os expertos e mais os estudos que o complexo rochoso, polo seu emprazamento, pola súa relación co territorio e pola articulación dos seus elementos, podería considerarse como unha “barca lunar” megalítica cunha antigüidade de 3.000 ou 4.000 anos dedicada ao culto funerario da deusa nai Lúa. A pedra acumula tal cantidade de lendas que os veciños manteñen viva unha das máis afamadas, a da bela “moura” convertida en rocha que, cada solsticio de verán, se deixa ver en forma de muller, porque é entón cando rompe o feitizo. E acontece tal cousa nesa hora indefinida do amencer de San Xoán, cando aínda se ve a lúa e o sol está a piques de asomar. Entón, nese lapso pode verse a unha fermosa “moura” peitear o seu louro cabelo, rodeada de fabulosos tesouros. Ao mortal que a contemple ofrécelle dúas opcións: quedar con ela ou escoller unha das xoias. A avaricia humana fai que os homes se decanten polas riquezas, por iso nun instante todo desaparece ante os seus ollos e a fermosa fada volve a esconder entre as pedras, á espera de que ao ano seguinte alguén a prefira a ela como a máis prezada das alfaias.

O concello habilitou nos últimos anos unha rede de sendeiros para dar a coñecer A Lagoa, o monte máis alto do municipio naronés, e que ten Pena Molexa como punto de referencia. En realidade non é unha rocha, senón varias de gran tamaño. A de maior envergadura, en forma redondeada, parece estar encaixada entre as outras, apuntando ao lugar polo que sae a lúa cada dezanove anos no solsticio de verán, segundo o ciclo metónico. Sexa capricho da natureza ou colocación artificial humana, o complexo está preto do castro de Vilasuso, tamén cheo de lendas e con localización estratéxica desde o alto. Conserva parte da muralla e o foso, dominando o fértil territorio do Val.

Os roteiros deseñados polo concello permiten coñecer parte desta xeografía de alto valor xeolóxico como é a Costa Ártabra pola variedade e antigüidade das súas rochas. Outro dos puntos destacados no percorrido é Pena Lopesa, un deses lugares cheos de lendas de tesouros e feitizos. Suponse que foi un castro costeiro situado sobre un pequeno istmo na praia do mesmo nome. Na contorna acháronse restos de cerámica que o testemuñan, xunto a outros materiais como antigos cravos. En tempos estaría unido á península aínda que o mar se encargou de erosionar a terra ata convertelo nunha illa. Campo do Avial e O Casal son outras paradas de interese na liña da costa. Pero ademais das pedras encantadas de Pena Molexa, Narón garda numerosos testemuños do pasado en forma de asentamentos prerromanos, como é o caso do castro de Eiravedra, que domina a paisaxe e o territorio, desde o val de Pedroso á ría de Xuvia e ata as terras de San Sadurniño. Outro poboado costeiro é o de Petouzal, do que se conservan os muros e os fosos.

Na parroquia do Val, onde está Pena Molexa, atópase outro monumento con historia, a capela de Santa Margarida, de estilo gótico renacentista, construída por Fernando de Andrade e Inés de Castro e Lanzós, a finais do século XV. A grande afluencia de peregrinos que había entón polo Camiño Inglés a Santiago fixo que dúas das casas coas que contaba a igrexa se destinaran a albergues dos devotos. Ten cruceiro no exterior, fonte de augas milagreiras –din- e moito pasado gravado nas súas pedras.

Pazos e mosteiros

A parroquia do Val garda outros monumentos que falan dun pasado esplendor. É o caso do pazo-convento de Baltar, cuxa construción se debe a Juan Pardo e Andrade a finais do século XVI. Hai numerosa documentación da súa historia, como a cesión da última marquesa de San Sadurniño, María de la Natividad Quindós y Villarroel, aos misioneiros claretianos en 1910. Antes de converterse en edificio relixioso, tivo brillante vida como pazo residencial, pois a última señora da casa de Baltar mantivo estreita relación coa Coroa. Personaxes destacados da corte e da vida política acudían ao nobre edificio naronés, onde chegou tamén o rei Afonso XIII e a raíña Vitoria Uxía de Battenberg. A partir de 1914 inicia a súa actividade como convento claretiano. Nesta mesma parroquia atópase o pazo de Ciobre ou o de Libunca, reformado, como exemplos de arquitectura señorial.

Garda Narón outra xoia conventual, o mosteiro de San Martiño de Xuvia, tamén chamado do Couto, declarado Ben de Interese Cultural. Foi construído no século XII por orde do conde de Traba sobre un templo do século X. É un magnífico exemplo de románico rural, con decoración de gran interese, con motivos vexetais, antropomorfos e alegóricos. Alcanzou o seu máximo esplendor da man dos monxes da orde de Cluny e chegou a ser un dos principais da península.

Para continuar leyendo, suscríbete al acceso de contenidos web

¿Ya eres suscriptor? Inicia sesión aquí

Y para los que quieren más, nuestras otras opciones de suscripción

Compartir el artículo

stats