Suscríbete BLACK WEEK

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Álex Alonso | Escritor

“O principal atranco para escribir Granito foi o pudor”

“O principal atranco para escribir Granito foi  o pudor”

“O principal atranco para escribir Granito foi o pudor”

–Nunha recente entrevista, dicía Vde. que cando aconteceu o crime de Nigrán, axiña pensou que podía ser o tema dunha novela súa. Que foi o que o atraeu dese suceso para que quixese levalo á literatura?

–Pareceume un caso potencialmente moi literario, porque a historia contiña de seu todos os ingredientes suficientes para alcanzar ese efecto. De feito, cando souben desa traxedia, pensei ao instante na novela de Capote. El tamén, daquela, debeu pensar o mesmo cando aconteceu aquel asasinato da familia Clutter, en Kansas. Agora ben; en Granito non hai unha premeditación por levantar vellos fantasmas nin por investigar ou esclarecer parcelas que puidesen quedar un tanto escuras ou difusas. A miña intención, como digo, foi exclusivamente literaria.

–Hai evidentes similitudes entre este crime e o que narra Truman Capote en A sangue frío. Por que elixiu esta alternativa exclusivamente literaria?

– E que eu -creo- non estaba en disposición de poder facelo. A alternativa que tiña era a da ficción. Iso si: se queres, alongando os recursos literarios da non ficción, xa que o feito de construír a trama a partir das páxinas de FARO DE VIGO (lembremos que a literatura xornalística non deixa de ser no fondo literatura de non ficción) proporciona á novela esa pátina que fai que o marco histórico e o argumento se achegue a unha suposta realidade. Pero, en definitiva, é ficción. Se cadra, unicamente na secuencia do asalto ao chalé e os acontecementos que alí se produciron si que seguiron –no posible– o desenvolvemento hipotético que foi ilustrando por aquel entón o xornal, aínda que procurei –non sei se consciente ou inconscientemente– non recrearme demasiado no asunto e adoptar un certo halo de prudencia. Obviamente, o mundo do xornalismo adquire nesta novela un protagonismo salientable.

–Do que conta da personalidade, das verbas que pon en boca dos personaxes...todo está inventado por Vde. ou hai similitudes entre o xeito de ser dos protagonistas de Granito e o das persoas reais?

–Polo que respecta á familia (incluíndo nela á empregada do fogar) e demais personaxes que aparecen na novela, si é todo inventado. Tan só no caso do personaxe do empresario tomei certos trazos da persoa real, sinalados na prensa, como a súa discreción –mesmo ostentando o cargo de vicepresidente do Celta– ou a boa consideración que tiña entre os seus traballadores. Do resto de persoas non tiña o máis mínimo coñecemento da súa maneira de ser ou de actuar. No relativo á construción dos personaxes dos dous policías, tamén collín algúns trazos achegados por FARO –loxicamente negativos– atinentes ás persoas reais. Entre estes trazos, por referir algúns, un dos policías tiña problemas de ludopatía e o outro seica padecía a chamada síndrome do norte, tras prestar servizos en Euskadi na época de ETA. Tratei, xa que logo, de establecer unha significativa distancia entre os personaxes literarios e as persoas reais e mesmo entre estas últimas e o propio autor.

–Por que decidiu que nin sequera ía contar cos testemuños dos familiares das vítimas nin os que coñecían os asasinos para ter máis información?

–Como dixen antes, non estaba en disposición de poder facelo. Primeiro, non son ningún escritor recoñecido, prestixioso ou influínte como para achegarme a persoas que, directa ou indirectamente, puidesen estar relacionadas con este crime, as cales se mostrarían en todo momento –digo eu– totalmente refractarias a cumprir o meu desexo. Segundo, tampouco sabes con certeza como vai ser o resultado da novela. Nin tan sequera sabía se se iría publicar ou non como para indagar nun asunto –polo demais, sumamente delicado– que, en último termo, acaso quedase en nada.

–Recibiu algún tipo de “aviso” dos familiares das vítimas tras a publicación da súa novela?

–Non, en absoluto. E aproveito desde estas páxinas, como o veño facendo ao longo de distintas entrevistas, para desculparme ante todas aquelas persoas que poidan estar molestas ou incómodas por esta publicación, xa que de todas elas non solicitei permiso ningún. Seino. Agora ben, non houbo en min ningún ánimo de tipo morboso ou oportunista. Tan só, como dixen anteriormente, me moveu un afán estritamente literario. De feito, quizais o atranco principal co que me atopei á hora de escribir esta historia foi o pudor.

–Granito tamén serve para coñecer como era o Vigo dos 90. A novela negra é o xénero máis axeitado para reflectir a sociedade?

–Non sei se é a máis adecuada pero unha das características principais da novela negra é que latexa normalmente debaixo das súas liñas unha crítica máis ou menos implícita ou explícita da sociedade. Supoño que iso de fozar polos sumidoiros fai que agrome unha especie de cheiro que nos envolva a todos e que ese fedor se propague dende o soto ata o último piso do edificio máis alto da cidade.

–Cada vez hai máis escritores galegos que se animan a escribir novela negra. Que é o queo atrae a Vde deste xénero?

–Non me considero ningún autor/creador de novela negra e non sei tampouco -od lectores dirán, en todo caso- se Granito deba ser considerada baixo esta etiqueta. A miña intención non foi escribir unha novela negra. Obviamente, Granito ten aspectos que poidan ser propios desta clase de novela. De feito, todo o argumento orbita arredor dun crime. Iso xa sería un punto ao seu favor. E tamén hai capítulos en que xorde un tipo de ambiente sórdido ou onde a acción transcorre na escuridade ou na sombra. Pero, por outra parte, non existe na miña novela ningún detective ou non aparece esa femme fatale, tan característicos tamén da novela negra. En palabras de Fran Alonso, con Granito “estamos ante unha novela que ten moito de crónica, de crónica social, de novela negra, de relato psicolóxico, de drama..., é dicir, ante moitos ingredientes que a fan profundamente rica”. Quen son eu, pois, para cuestionar as palabras do editor?

Para continuar leyendo, suscríbete al acceso de contenidos web

¿Ya eres suscriptor? Inicia sesión aquí

Y para los que quieren más, nuestras otras opciones de suscripción

Compartir el artículo

stats