Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un jazzman de Falces

Na memoria de Pedro Iturralde

O recentemente falecido, grande estrela do jazz ibérico e internacional, Pedro Iturralde (1929-2020), co seu saxo durante unha das súas actuacións.

A pasada Noite de Defuntos falecía na súa vivenda na cidade de Madrid Pedro Iturralde. Quizais nunha chiscadela do destino, a vida deste compositor e saxofonista, pioneiro do jazz ibérico, apagábase aos noventa e un anos nunha data que é a máxima expresión do esparexemento da cultura norteamericana pola sociedade occidental. Probabelmente, en Falces, a pequena vila do Meiriñado de Olite/Eriberri onde Pedro naceu en 1929, aínda puidese ollar na súa infancia algunha desas tradicións propias de moitos lugares de Europa, como a de baleirar cabazas -calacús- para lles pór unha candea dentro e deixalas nos muros dos eidos ou nos cruzamentos de camiños. Eses costumes que cruzaron o Atlántico da man dos emigrantes europeos e viñeron de volta despois, mutados no crisol norteamericano, para marabillar a vella Europa.

Pódese dicir que algo semellante aconteceu co estilo musical ao que Iturralde consagrou a súa vida. O jazz. Esas músicas nadas no Sur dos EEUU, en Nova Orleáns, unha encrucillada cultural onde o as tradicións musicais dos escravos africanos bateron coa cultura occidental a finais do século XIX. Porén, aínda tardaría un tempo estes novos estilos que comezaban a gorecerse baixo a denominación de música jazz en volver cruzar o Atlántico de volta. Non o farían até case mediados do século XX, xa máis adaptados á normalidade musical occidental. Branquexados. Dalgún xeito mutados, como os calacús. E de feito, o mesmo ano en que nacía Iturralde en Navarra a Gran Depresión empurraba moitos jazzmen americanos cara á aventura europea. E cando o “neno prodixio” do saxofón deu o seu primeiro concerto, con apenas dez anos, comezaba a II Guerra Mundial que propiciou o desembarco definitivo da cultura ianki -e con ela, do jazz- no noso continente. Así, analizarmos a andaina vital e musical de Iturralde permítenos atravesar a historia do jazz no Estado Español ao longo do século XX. Porque o novísimo Iturralde que abraiaba vilas e aldeas navarras na década dos 40 cos seu saxofón na banda de Falces, descubría asemade os segredos do jazz -unha música totalmente descoñecida na España da altura- da man do director da banda, criado na Arxentina e posuídor dunha colección de discos de Louis Armstrong, Glenn Miller, Duke Ellington e, sobre todo, do saxofonista Coleman Hawkins, recoñecido polo propio Iturralde como a súa primeira influencia.

Porén, as primeiras gravacións de Iturralde na década dos 60, en solitario ou coa orquestra Manny Kelly, transitan o rock, o twist e mesmo pezas do acervo popular castelán como “La cucaracha” ou “Mi vaca lechera”, tamén pasadas pola peneira do twist e o jazz. Estes primeiros discos, principalmente “alimenticios”, e polo tanto fondamente enraizados na marxinalidade propia dos jazzmen que sobrevivían como músicos de estudio deses novos estilos máis comerciais, teñen servido para que parte do mundo do jazz minusvalorase a figura de Iturralde, sen entender en realidade o que representaban na época. Porque mentres o de Falces traballaba para a discográfica Phillips como músico de estudio, seguía a experimentar e remoía a idea da fusión entre o jazz e o flamenco que lle habería de outorgar un oco na historia do jazz, até o punto de convertelo -xunto ao pianista Tete Montoliú- no único español recollido no Dicionario do Jazz da editorial Larousse.

Ese flamenco-jazz cristalizou nos seus dous discos sobranceiros, Jazz Flamenco vol. 1 e 2 publicados en 1967 e 1968. Gravados en Alemaña, contaron coa colaboración do guitarrista Paco de Antequera, inicialmente, que despois foi reemprazado por un novísimo Paco de Lucía, que asina os créditos como Paco de Algeciras.

A partir destes traballos, e do relativo relaxamento da censura da ditadura franquista -que chegou a multar o baterista Enrique Llácer por tocar un solo de jazz, lascivo de máis para a censura, en TVE-, a figura de Iturralde fíxose referencia imprescindible do jazz español. Despois viñeron as longas noites no Whiskey Jazz, un dos primeiros locais jazzeiros do estado, a Cátedra de Saxofón no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid -para cuxa creación escribiu unha carta ao ministerio de Educación en 1973-, e o recoñecemento das oito décadas sobre os escenarios do auténtico pai do jazz na península.

Coas outras músicas

O vencello de Iturralde co rock comezou con aquelas primeiras gravacións coa discográfica Phillips. Cinco discos, EPs de catro temas cada un, titulados de acordo aos arranxos empregados, Ritmo, Swing, Madison, Bossa Nova e Flamenco-Twist, que mostran en todo o seu explendor un Iturralde na súa trintena executando con mestría e con forza unha escolma variopinta de cancións que van desde a copla ou o bolero de García Morillo ou Luis Araque até o novísimo jazz de Jimmy Forrest ou Ray Bryant.

Dalgún xeito, Iturralde recolleu con posterioridade os froitos dese traballo de pioneiro, a recompensa a décadas de pisar escenarios e o seu nome acabou aparecendo nos créditos de moitísimas bandas e artistas, de diversos estilos, esenciais na historia da musica estatal. Así, Joan Manuel Serrat, Urko, Mari Trini, Aute ou Raphael contaron con Iturralde para algún dos seus traballos pero tamén o fixeron outras formacións que, a priori, encaixaban menos con el. Bulldog, Los Pekenikes, Miguel Ríos ou incluso Burning, que contaron co saxo de Iturralde para o seu disco de estrea, Madrid, gravado en 1978. Segundo ten contado Johnny Cifuentes, atoparon a Iturralde unha noite nun local de Alcorcón. Recoñecérono e pedíronlle a súa colaboración no que ía ser o seu primeiro disco. “Simplemente queremos un saxo que soe como un barco entrando no medio da néboa no porto de Nova York”, dixéronlle. A resposta, dun músico con corenta anos de experiencia, catedrático de conservatorio, compañeiro de escenario de Donna Hightower ou Miles Davis, foi sinxela: “Entendido, sen problema.”

Compartir el artículo

stats