Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Petróglifos de noso

Na reedición do Corpus de Sobrino Buhígas

Petróglifos do Labirinto de Mogor.

Petróglifos do Labirinto de Mogor.

Vista do castro de Baroña.

Ramón Sobrino Buhígas.

Petróglifos de Campo Lameiro.

Na editorial Morgante/ Rinoceronte acaba de saír do prelo, en tradución galega de Xosé Souto Blanco, o Corpus dos petróglifos de Galicia, obra seminal no estudo das insculturas rupestres galegas, que fora editada en 1935 polo investigador Ramón Sobrino Buhígas (Pontevedra, 1888-1946). Nesta ocasión, o libro é enriquecido cun limiar do director do Museo de Pontevedra José Manuel Rey García; un sóneto do poeta Miro Villar, dedicado ao autor do Corpus, e un estudo preliminar de Ángel Núñez Sobrino.

O investigador Ramón Sobrino Buhígas foi un importante científico, licenciado en Ciencias na Universidade de Madrid, institución en que se doutorou no ano 1911. Foi profesor na Universidade de Santiago de Compostela e catedrático e director no Instituto de Ensino Secundario de Pontevedra. Alén desa actividade docente, puxo en marcha en 1932 a Estación de Bioloxía Mariña de Marín e foi membro da Real Academia Galega e do Seminario de Estudos Galegos -que foi quen editou o volume-, destacando na investigación sobre os petróglifos galegos, tema sobre o que publicou os volumes Insculturas galaicas prerromanas (1919), Petroglifos o insculturas rupestres de Pontevedra (1931) e, finalmente, o Corpus Petroglyphorun Gallaeciae (1935), título orixinal deste estudo, inicialmente publicado en latín nunha moi coidada edición que contou coa supervisión de Francisco Xavier Sánchez Cantón e coa tradución latina do padre mercedario de Poio Xosé S. Crespo Pozo.

O volume agora reeditado insire un documentado traballo de análise biográfica, bibliográfica e interpretativa de Ángel Nuñez Sobrino, que segue o rigoroso percurso intelectual do autor que xa en 1930 viaxara a Londres e París cunha bolsa da Junta para Ampliación de Estudios coa finalidade de entrar en contacto con investigadores e medios académicos que lle permitan abordar unha análise comparativa dos petróglifos galegos con outros conxuntos relevantes da arte rupestre europea. Sobrino torna ao noso país con importantes contactos persoais e cunha amplísima listaxe de referencias bibliográficas coas que arrequecer o seu labor. Sobre estes fundamentos configura unha estrutura teórica e metodolóxica que permitirá darlle ao Corpus Petroglyphorun Gallaeciae unha perspectiva europea que supere a dimensión estritamente local do seu traballo, en sintonia coa posición intelectual que defendían os sectores da cultura galega que se situaban na órbita do Seminario de Estudos Galegos.

Con estes traballos, nomeadamente co Corpus, Ramón Sobrino Buhígas converteuse nas décadas dos trinta e corenta do pasado século nun auténtico pionieiro e unha autoridade de referencia nesta parcela fundamental da nosa prehistoria, presentada por el como unha realidade coherente na súa diversidade.

Síntese e plasticidade

Os petróglifos preséntansenos como obras de grande plasticidade, carácter sintético e expresivo, algo manifesto en agrupamentos como os labirintos de Mogor (Marín), as combinación circulares de Monte Tetón (Tomiño) ou os ben variados conxuntos de Campo Lameiro, coas magníficas representacións de animais. Un exemplo excepcional é o da Laxe da Rotea de Mendo (Campo Lameiro), co seu cervo de grandes dimensións e impresionate factura representado en pleno frémito. En xeral os motivos poden ser xeométricos ou naturalistas. Os primeiros –círculos concéntricos, espirais...- posúen unha evidente carga simbólica, de difícil interpretación. Os de carácter naturalista, coa caza, a guerra (xinetes, armas...), parecen ligados a relacións sociais vinculadas á xerarquía e o poder da sociedade que os produciu, cada vez máis orientada a marcar as diferenzas na estratificación social, e puideron servir, se callar, tamén de marcadores territoriais para as comunidades humanas. Os gravados en pedra serían instrumentos de consolidación de determinados grupos na sociedade por medio dun prodominio do poder individual e do mundo masculino, aspecto que se vería reflectido na representación de armas e en escenas de caza e equitación en que o home é o protagonista.

A cronoloxía segue a ser obxecto de diferentes hipóteses. Hai quen defende unha longa perduración temporal, en canto outros investigadores os sitúan, maioritariamente, no bronce inicial. As representacións de puñais e bisarmas en insculturas, como as de Castriño de Conxo (Santiago de Compostela) ou as espectaculares de Auga da Laxe (Gondomar), son desta etapa. Tamén sería desta altura a excepcional imaxe dunha nave fenicia, que se pode enxergar no petróglifo de Auga dos Cebros (Oia), que sitúa o bronce galego en relación co mundo cultural mediterráneo, algo que confirman plenamente os achados arqueolóxicos.

Para o estudo desta realidade Ramón Sobrino Buhígas utilizou non só unha moderna bagaxe teórica senón tamén unha riquísima documentación de debuxo arqueolóxico e fotografía realizada por el mesmo, que incorpora ao Corpus e que fai desta obra unha das máis valiosas desa iniciativa intelectual de excepción que foi o Seminario de Estudos Galegos.

Para continuar leyendo, suscríbete al acceso de contenidos web

¿Ya eres suscriptor? Inicia sesión aquí

Y para los que quieren más, nuestras otras opciones de suscripción

Compartir el artículo

stats