Imos comentar hoxe outra obra nórdica, Tres fins do mundo, de Erkka Mykkänen (Kuopio -Finlandia-, 1988), traducido por Tuula Ahola e publicado pola Editorial Esplanadi, de Rinoceronte, que se insire na tradición da literatura dura e sórdida da vida difícil, irreal, fantástica e dolorosa dos complexos personaxes desas terras. Trátase dunha serie de vinte e cinco relatos moi breves ou microrrelatos que, moi densos e complexos pola temática, contrariamente ao se podería esperar, persisten na mente do lector tempo despois da lectura dándolle voltas e atopando novas arestas e sensacións. Non é de estrañar, pois non en van o autor é tamén profesor de escritura creativa, e nótase a man da experiencia e a intencionalidade, polo que desde xa recomendamos este libro, tamén, nese sentido, ademais de polo que logo diremos.
