Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sobre o XV Premio Castelao de BD

Gráficas de Begoña García-Alén e Andrés Magán

Begoña García-Alén (Pontevedra, 1989).

Viñeta de Fragmentos seleccionados (2017), de Andrés Magán (Vigo, 1989).

Begoña García-Alén (Pontevedra, 1989) e Andrés Magán (Vigo, 1989): velaí os dos autores que resultaron gañadores do XV Premio Castelao de Banda Deseñada que a Deputación da Coruña daba coñecer a mañá do pasado 9 de outubro. Adeus amigos, de García-Alén, fíxose co premio na categoría xeral, mentres que As aventuras de Passer P. Malta, de Magán, logrou o galardón na modalidade infantil e xuvenil. Tanto a unha como o outro, ambos son «vellos» coñecidos do panorama alternativo da banda deseñada, con estilos moi persoais pero, tamén en ambos os casos, sempre experimentais e moi conceptuais. O xurado, composto por Gemma Sesar, de El Patito Editorial, José “Pío” Barreiro, de Komic Libraría, e os autores, gañadores de pasadas edicións, Bea Lema (A Coruña, 1985), Martín Romero (A Coruña, 1981) e Alberto Vázquez (A Coruña, 1980), destacou a calidade gráfica e mais a compoñente innovadora das dúas propostas. Ademais da boa noticia que supoñen estas eleccións, cabe destacar como dato relevante que os orixinais concursantes nesta edición cuadriplicaron o número dos presentados na edición anterior.

Begoña García-Alén estudou Belas Artes en Pontevedra e, máis tarde, na Universidade de Kingston, Londres. Comezou (e continúa) a facer historietas en fanzines, tanto persoais como de forma colaborativa. Entre eles, varios publicados pola editorial Fosfatina (La Cueva, Mandingo) e mesmo unha serie, Firecream, na que colabora e que tamén coedita xunto a Andrés Magán. En 2014, da man de Fosfatina, publica a súa primeira historia longa, Perlas del infierno: trinta e dúas páxinas que recollen tres historias ligadas por elementos visuais. O seu proxecto máis longo ata a aparición de Nuevas estructuras (Apa Apa Cómics, 2017).

Canto a Andrés Magán, que naceu no mesmo ano que Begoña, pero en Vigo, tamén estudou Belas Artes. É debuxante, deseñador e músico. Neste último campo aglutina as facetas anteriores, deseñando portadas para discos, carteis para concertos… A súa obra foi exposta en Vigo, Madrid, Barcelona, Nova York e Portland. Coeditou Firecream con outros artistas durante algúns anos. Asemade colaborou co magazine š! da editorial letona kuš! e publicou algunha historia curta con Edicións Valentes. En 2014, apareceu na editorial Fosfatina, Griza Zono e en 2017 publicou a novela Fragmentos seleccionados na editorial Apa Apa Cómics.

García-Alén e Magán son partners in crime en varios proxectos. Entre eles, a editorial Noche Líquida: un pequeno proxecto editorial que naceu como alternativa á autoedición, coa intención e mais a determinación de publicar pequenas obras de artistas de varios ámbitos, non soamente gráficos, que non atopan espazo noutras liñas editoriais. Con iso pretenden crear unha visión máis diversa e que ofreza unha perspectiva real do panorama actual e axudar a dar visibilidade ao traballo de cada un destes artistas. Os dous autores están, desde logo, especialmente interesados no proceso de creación así como nas diferentes formas de expresión creativa que pode ter un artista máis aló do seu «campo habitual». Aínda que se trata dun proxecto cunha magnitude inicial reducida, os seus creadores madúrano sen présa e con mimo.

En caso de emerxencia, cultura

A XIII edición da feira Culturgal mantén as súas datas e celebrarase entre o venres, 27, e o domingo 29 de novembro. Neste ano peculiar, ou precisamente por el, a intención deste evento vai máis aló de ofrecer un lugar de contacto ou un recurso útil para o sector; a súa pretensión é demostrar a importancia da cultura e a precariedade e vulnerabilidade na que se atopa nestes tempos de crise. Por cuestións socio-sanitarias o seu desenvolvemento habitual verase afectado e tomáronse unhas medidas acordes ás circunstancias e restricións actuais, trasladando o formato físico e, por tanto, a presenza de postos e acceso xeral do público, ao virtual.

A pesar diso, Culturgal repetirá no Pazo da Cultura de Pontevedra e contará con cinco escenarios repartidos en todo o edificio, nos que distribuirá a súa programación e presentacións; en previsión e para alcanzar a un maior número de xente, o contido retransmitirase en liña. Como noutras edicións, a programación abarcará varios sectores da cultura, pasando pola literatura, música, teatro e mundo audiovisual, sen esquecerse dos máis pequenos.

A organización da feira, baixo a dirección de Xosé Aldea, continúa traballando intensamente para axustar o formato nun panorama inestable e imprevisible, coñecedores da importancia do evento como instrumento na actividade cultural do país. Aldea destaca que «a actividade cultural no só se manifestou como unha fonte fundamental de recursos para toda a sociedade durante o tempo de confinamento, senón que artella espazos de encontro e experimentación na consecución dunha sociedade máis sostible, xusta e crítica. En Culturgal témolo claro, de aí o noso lema 2020: “En caso de emerxencia, cultura».

Na organización do Culturgal están implicado tamén AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes), AGE (Asociación Galega de Editoras), AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais), Eganet (Empresas Galegas Adicadas a Internet) e organismos públicos como a Xunta de Galicia, o concello de Pontevedra e as deputacións de Pontevedra e da Coruña.

Compartir el artículo

stats