Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Bieito Romero | Líder e fundador do grupo Luar na Lubre

“O noso novo disco rexistra a banda sonora real do Camiño de Santiago”

O músico Bieito Romero.

Vieiras e vieiros, historias de peregrinos (Warner Music) vén ser o título do novo traballo discográfico de Luar Na Lubre, un dos grupos senlleiros da musica folk e tradicional galega. Tráse dun álbum duplo que pon en valor as historias vinculadas ás persoas que percorreron, e hoxe en día seguen a percorrer, os Camiños de Santiago.

–Supoño que,acaso, xa vén de tempo atrás, pero como xurdiu a idea de dedicaren un disco ao Camiño de Santiago?

–Esta era unha especie de asignatura que tiñamos pendente dende hai xa moito tempo. Nós adoitamos traballar sobre a lírica medieval galega, pero cumpre sinalar que este álbum, máis que dedicado ao Camiño de Santiago, está dedicado aos peregrinos, ás vieiras e aos vieiros…Vén ser todo un xogo de palabras. Trátase, daquela, dun traballo discográfico que ten moita historia detrás e, ademais, un traballo duplo: por lado está, nun primeiro volume, o propio disco de seu pero, por outro, tamén incluímos unha recopilación da música que ten relación co Camiño de Santiago e coa lírica da Idade Media, que é a que configura o segundo volume.

–O Camiño de Santiago é vieiro, pero tamén é cruce de rutas e, polo tanto, de culturas. En Vieiras e vieiros, historias de peregrinos reflíctese tamén ese cruce de culturas e, polo tanto, de músicas ou este vén ser un disco estrictamente de música galega?

–Aínda que o álbum está dentro do noso estilo, este é un disco intercultural que está cantado en varios idiomas: galego, francés, inglés e latín. O Camiño, efectivamente, en realidade son camiños que chegan a Compostela, procedentes de moi diferentes puntos de Europa. En cada camiño, como ti dis, hai unha cultura distinta, unha forma propia de entender o mundo, e iso tamén quixemos que quedase reflectido no disco, no que hai aportacións persoais, do grupo, pero tamén aportacións da música tradicional. O noso obxectivo foi facer un disco universal dende unha perspectiva moi galega, moi aberta, pero co peregrino como eixo principal.

–Quixera que me falase do traballo de documentación previo á composición dos temas que finalmente incluíron no álbum. Onde atoparon as fontes das historias que contan a través da súa música e quen lles serviu de guieiro?

–Sobre esta temática, atopamos moitas canles abertas de investigación. A lírica galega, como che dixen, ten moitas referencias ao Camiño de Santiago. Hai, xa que logo, canción ligadas á tradición mais, por outra banda, aquí están pescudas que fixemos a traveso dos estudosos que nos asesoraron, consultas de libros como, nomeadamente, o Códice Calixtino…A verdade é que hai unha cantidade de documentación brutal que daría non só para facer un disco, senón alomenos vinte.

–O disco ten tamén un, chamémoslle apartado didáctico, de recuperación de historias e figuras, en xeral moi pouco coñecidas, e que o grupo converte en pezas musicais. Quen era, por exemplo, Elías Valiña e cal foi o seu principal labor?

–Elías Valiña está considerado o grande recuperador do Camiño de Santiago. no século XX. Era párroco da aldea do Cebreiro, a porta a Galicia. El investigou moito sobre o Camiño e, de feito, foi, en plenos tempos da ditadura de Franco, o inventor das famosas frechas amarelas que indican a ruta a seguir polos peregrinos. No noso traballo reivindicamos a este home porque é unha figura clave do chamado Camiño Francés moderno, que é o máis importante.

–De que vai e de onde vén a lenda de Dugium?

–Dugium é unha cidade sulagada que está presente nunha lenda medieval que aparece escrita no Códice Calixtino e que ten relación co traslado dos restos do Apóstolo a Galicia. Segundo puidemos ler, Dugium está (ou estaba) situada na actual Fisterra, no estuario da Praia da Langosteira. As das cidades sulagadas son lendas moi recorrentes nos países celtas, e mesmo en Galicia hai algunhas delas ademais desta.

–Existiu Mártiros de Arzendjan ou alguén que se lle semellase? De onde procede esa lenda do seu encontro coa besta maligna Vákner?

–Si, si. Aquí é onde combinamos a parte lexendaria e a historia real. A de Mártiros, que chegou a ser bispo, é unha historia real; arribou a Compostela no ano 1491 procedente de Armenia, e continuou logo cara a Fisterra para cumprir a tradición celta da fin do mundo vencellada a Tir Na Nog (a illa da eterna xuventude) que popularizou no seu día nun dos seus discos o músico bretón Alan Stivell. Este Mártiros deixou escrito, no seu diario de viaxe, que se atopou cunha besta arrepiante, á que denominou Vákner, nos montes de Umbría. Sobre este tal Vákner, tan poderoso que disque nin vinte e cinco homes podían con el, hai varias teorías: uns din que puidera ter sido un lobishome, outros que un dragón…Ao cabo, un misterio máis do Camiño e do que, por certo, rara vez se escoita falar.

–Unha curiosidade: todos os membros de Luar na Lubre fixeron algunha vez o Camiño de Santiago?

–Pois a verdade é que non; pero, ben, eu adoito ironizar con isto para respostar que non o fixemos porque nós xa estamos aquí: os galegos non necesitamos facer o Camiño porque xa o temos, xa chegamos, non vimos de fóra (risos). Máis en serio, direiche que, efectivamente, non o fixemos andando, pero si a bordo dun coche e parando nos sitios que considerabamos máis interesantes e emblemáticos, segundo nos asesoraron os investigadores. Porque este disco, que en realidade son dous, ten vinte e nove cortes, catorce de música e o resto de sonoridades, xa que fixemos a ruta dende Vilafranca deica Fisterra, gravando os sons que calquera peregrino pode escoitar cando vai camiñando e que veñen ser a banda sonora real do Camiño de Santiago.

Compartir el artículo

stats