Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Memoria e desmemoria do Reino

Un necesario estudo

Memoria e desmemoria do Reino

No ano 298 o emperador Diocleciano reorganizou a división administrativa do imperio, creando a provincia de Gallaecia, que se correspondía co noroeste peninsular; descoñecemos os ‘informes’ que levaron a esa decisión, aínda que son doados de comprender: nun momento en que o territorio da Hispania era ben coñecido polos invasores, a Gallaecia correspondíase coa terra habitada polo pobo galaico, claramente diferenciado doutros pobos peninsulares, tanto pola súa lingua como polo seu panteón ou a súa organización socio-política (lembremos os diferentes pactos de hospitalidade asinados co invasor por algún deses pobos). Un feito diferencial que viña de antigo.

Tempo despois, entre os anos 409 e 416, cando o imperio romano xa estaba en plena decadencia, os suevos, un dos pobos xermánicos que traspasaran o ‘limes’, estableceron un reino ‘federado’ na Gallaecia: o reino suevo de Galicia, independente até o ano 585, cando foi anexionado polos visigodos, que continuaron a recoñecer unha ampla autonomía a ese territorio.

Cando as tropas do califato omeia cruzaron o estreito de Xibraltar no ano 711, nun proceso de expansión territorial que só se detivo na batalla de Poitiers no ano 732, todas as estruturas políticas preexistentes desapareceron para sempre. De feito, só por obra das teses visigóticas que alimentaron a historiografía castelano-meseteña dende tempos do reinado de Fernando III, que aínda na actualidade son o fundamento da historiografía españolista, pode sosterse que exista unha continuidade histórica. Efectivamente, entre os anos 711 e 791, estamos ante un período no que se suceden ‘reis’ acosados continuamente por bispos e nobres, até que Afonso II senta as bases dun novo reino: unha teocracia dual que a partir do ano 813 -o ano da ‘inventio’ de Santiago-, xirará arredor do rei -establecido primeiro en Oviedo e logo, a partir do ano 910, en León-, e do bispo de Santiago, que en tempos de Xelmírez dotarase do maior templo da cristiandade. Nese país, identificado por propios e alleos como reino de Galicia, floreceron as artes e as letras durante un tempo que comeza o seu declive cando a partir do ano 1230 o poder político-relixioso compostelán perda peso fronte ao de Toledo. Nese intre iníciase un proceso de ocultación do reino de Galicia que, á marxe dos esforzos de Murguía, Vicetto, López Ferreiro, as xentes da Xeración Nós e algúns historiadores actuais, persiste aínda na actualidade no mundo académico e intelectual, polo que o reino de Galicia sigue a ser descoñecido para a inmensa maioría.

ANDRADE CEERNADAS,X.M/LÓPEZ CARREIRA, A., O reino medieval de Galicia, Xerais, 2020, PVP. 16, 20 €

Compartir el artículo

stats