Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Nos eidos de Erregueté

100 números da Revista Galega de Teatro

Un momento na presentación dos 100 números da RGT.

A dramaturga, directora de escena e xornalista Vanesa Sotelo, exdirectora da publicación teatral.

Cunha fermosa portada de Antón Pulido, que nos mete nos ollos un bosque multicolor habitado por un paxaro asisado e atento á contorna, chéganos o número 100 da Revista Galega de Teatro, desde hai pouco chamada Erregueté, denominación que ao mellor contén unha chamada a loitar diante de calquera adversidade, e manter a persistencia nos empeños máis arriscados, como parece facer ese paxaro fermoso que eu quixera pega rebordá, pega marza ou gaio, presenza magnífica nos nosos bosques máis autóctonos, destacada entre moitas pola súa capacidade mimética. Un número especial, excepcional, para celebrar trinta sete anos de información, divulgación e investigación, con transferencias varias, sen esquecer accións importantes en defensa do patrimonio teatral, do que a propia revista forma parte por méritos sobrados.

Naceu en Vigo, en 1983, da man de Antón Lamapereira, promotor da sección viguesa da Escola Dramática Galega, co que tentou desenvolver un proxecto na cidade, para despois ser un dos xermolos de Teatro de Ningures, a compañía de Cangas, que acompañará a revista en todos estes anos. Unha historia, a da Escola Dramática Galega en Vigo, aínda non contada con rigor e precisión. Naqueles primeiros anos, a RGT contou co apoio de persoas coma Guillermo Brea, Caixa Municipal de Vigo, Aníbal Otero, Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, Francisco Santomé, Concelleiro de Cultura en Vigo, ou José Lores, director da Universidade Popular. Apoios que serviron para pagar os custos dunha produción editorial que, coa maqueta de Che Mariño, realizaba Imprenta Vilafer en Cangas ou Gráficas Suevia en Vigo. Unha intrahistoria que permitiría realizar unha interesante investigación sobre os atrancos e dificultades da edición de prensa cultural en Galicia. Sobre iso versan os artigos do propio Lamapereira, ou de Vanesa Sotelo, que mostran claves para enfiar esa historia.

Na revista foron colaborando, co paso do tempo, xentes moi diversas, procedentes de campos ben dispares, o que lle deu sempre un valor engadido, mentres o seu consello editorial se ía renovando con voces novas, entre elas a de Vanesa Sotelo, xornalista, dramaturga e directora de escena, que foi primeiro subdirectora e finalmente directora. Será nesta última xeira, coa colaboración inestimable de Manuel Xestoso na subdirección, cando a Erregueté, malia a perda inexplicable de axudas institucionais, asente o seu proxecto editorial, que se complementa cunha páxina Web que constitúe un dos marcos máis destacados de información teatral que hai no país. Con todo, neste fin de partida que supón o número 100, vaise producir un novo relevo, pois a partir de agora será Afonso Becerra de Becerreá, quen se ocupe da dirección, e agardamos que esta nova andaina traia cen números e outros cen.

Difícil dar conta da variedade e riqueza das achegas que contén este número 100, con máis de duascentas páxinas, que inclúe un texto de Xesús Pisón, Materna, do que habemos falar aquí en breve, unha manchea de entrevistas a mulleres moi activas na nosa escena, e unha sección que recolle saudacións que chegan de medios e institucións, tamén da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega, asinadas por Víctor Freixanes e Rosario Álvarez. A destacar unha breve e moi atinada reflexión de Xabier Deive, presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, sobre a importancia das hemerotecas como espazos de memoria, e sobre o feito de que a RGT manteña viva a do teatro noso. Por aí tamén transita a iluminadora achega de Fran Peleteiro, centrada no patrimonio cultural, na súa preservación e posta en valor.

Tamén habería que salientar unha irónica achega de Camilo Franco sobre a crítica teatral, ou a aceda confesión de Raúl Dans sobre o oficio da escrita dramática, sen perder de vista sobre o que Cristina Domínguez e Roberto Pascual escriben sobre a importancia de ter un plan (para as artes escénicas). Porque aquí neste país aínda queda por contestar unha pregunta central nas políticas teatrais: que facemos cos teatros? Un número magnífico para poñerlle o ramo a unha traxectoria impecable. Parabéns.

O quiasmo de Kennedy

No pasado Congreso do Teatro Galego, Eduardo Alonso preguntáballe a Cristina Domínguez, directora de escena e subdirectora do centro, a razón de que a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia vivise, supostamente, de costas ao que o director de Teatro do Noroeste definía como “a profesión” teatral. Unha pregunta que se podería revirar preguntando polas razóns de que a tal “profesión” ao mellor tamén teña vivido de costas á dita escola. A frase xa célebre do presidente dos EUA, John Fitzgerald Kennedy, na que reformulaba outra anterior de Franklin Delano Roosevelt, permite darlle reviróns e reviravoltas a todo tipo de afirmacións e controversias.

De igual xeito, cabería preguntar o que a Revista Galega de Teatro fixo pola profesión e polo teatro do país, dándolle visibilidade, pero tamén inquirir o que a tal “profesión” fixo pola RGT, ao ser de teatro, e galega, tamén na súa lingua de expresión. Pregunta relevante cando contamos o elevado número de persoas que se declaran profesionais da escena, o das compañías de teatro, ou o dos moitos outros creadores escénicos, sen esquecer xestores de teatros e culturas. E metidos en fariña tamén habería que preguntarlle aos que administran os recursos públicos as razóns de que nestes momentos as axudas públicas á Erregueté teñan desaparecido, con algunha excepción como a do Concello de Vigo. Ao mellor, todas as persoas que teñen nas artes escénicas o seu centro de interese (e son moitas), deberían preguntarse o que poden facer para que esta revista siga o seu curso outras trinta primaveras. De todas e todos depende a súa continuidade, agora en grave perigo. Noite, silencio, frío. SOS.

Compartir el artículo

stats