Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Coa ollada do fascinio

Fotogramas de Sean Connery

Sean Connery con Andy García, Kevin Costner e Charles Martin Smith: Os intocables de Eliot Ness.

Fotogramas de Indiana Jones.

Fotogramas de Indiana Jones e a última cruzada e 007 contra oDr. No.

Aseguraba Andrei Tarkovski que ningún director de cine debería impoñeller a un actor un modo particular de expresión porque un estado anímico forma parte real da súa individualidade. Cada persoa vive unha mesma situación dunha forma propia. O máis importante é que un actor, en función da súa estrutura psicofísica, emocional e intelectual, exprese un estado anímico que lle sexa propio, unicamente seu, e dunha forma que sexa tamén exclusivamente súa. Na capacidade de transmitir un estado anímico de forma sincera está ser un grande actor, pero dar nunha grande estrela depende de facelo de forma única e propia. Nesa individualidade atópase Sean Connery; para mostra, unha pregunta e unha anécdota: os actores que, con posterioridade ao actor escocés e con maior ou menor fortuna, encarnaron a James Bond (George Lazenby, Roger Moore, Timothy Dalton, Pierce Brosnan, Daniel Craig) realizarían o mesmo traballo interpretativo de non ter o precedente de Connery? A anécdota: George Lucas e Steven Spielberg pensaron na súa figura para interpretar o pai de Indiana Jones, aínda que so fose doce anos maior que Harrison Ford, porque o personaxe do famoso arqueólogo, en certo modo, estaba inspirado en James Bond.

Ser o pioneiro Axente 007 na gran pantalla con Dr. No (Terence Young, 1962) tratándose, ademais, do seu primeiro traballo de consideración, non aseguraba a evolución favorable dunha carreira. Porén, para Alfred Hitchcock non foi un problema o hipotético encadramento e deulle un papel, xunto con Tippi Hedren, en Marnie (1964), no rol dun enigmático personaxe que deambula entre o namoramento platónico e o voyerismo morboso. Foi este un momento fundamental na carreira de Connery porque, non nos levemos a engano, por aquel tempo, o seu talento carecía dunha estimación favorable por parte da crítica.

Afastado xa do axente secreto, a súa presenza comezou a gañar adeptos. Daquela, principiou a moldear a súa carreira coa mesma pericia coa que moldeaba os personaxes que interpretaba. Despois dun papel secundario en Asasinato no Orient Express (Sidney Lumet, 1974), chega outro dos seus títulos máis celebrados, O home que puido reinar (John Huston, 1975), no que forma dupla interpretativa con Michael Caine. O seu físico cambia cara un porte academicamente menos sedutor, a medida que o rostro acolle acenos dunha sabenza que semella reclamar o silencio dos circundantes cada vez que pretende pronunciar unhas palabras. A súa forma de mirar, que en ocasións acompañaba co lixeiro alzamento dunha soa cella, bastaba para encher de intriga o contraplano posterior, incluso para bendicir o motivo da súa mirada, pois moi interesante ten que ser algo que é obxecto desa forma de fitar.

Non cabe dúbida de que poucos actores souberon esculpir o paso do tempo con tanto acerto. Un exemplo desa capacidade para moldear a súa carreira, atopámolo en Os intocables de Eliot Ness (Brian de Palma, 1987), papel que lle deparou un Oscar de Hollywood e que, ademais, supón unha metáfora da súa evolución como actor. No filme, interpreta a Jim Malone, un rudo policía de orixe irlandesa que forma parte do equipo formado por Ness para atrapar a Al Capone. As súas formas bruscas de comportarse en ocasións son un remedo agreste dese abuso de poder estilizado e suntuoso que practicaba o personaxe de James Bond.

Entre Jim Malone e 007 revélase, pois, unha sorte de conversión e de evolución cara un modo de comportarse —de actuar— máis realista, sincero e propio. Non en van trátase, probablemente, da mellor actuación da súa carreira.

Ao servizo da Súa Maxestade

Sean Connery non foi, nin moito menos, a primeira opción dos produtores para interpretar a James Bond na que sería a primeira película da saga, 007 contra o Dr. No (1962). Daquela, o actor máis anhelado viña ser Cary Grant, unha das estrelas máis recoñecidas e rutilantes do panorama mundial, pero tivo que rexeitar o encargo por estar inmerso na produción doutra película. Xurdiron, entón, varios nomes como Richard Johnson, Patrich McGoohan ou David Niven, incluso chegou a saltar á palestra Roger Moore, descartado por ser aínda demasiado novo para o papel.

Cando Sean Connery se presentou ante os produtores (Albert R. Broccoli e Harry Saltzman) e o director (Terence Young) para postularse ao papel, non pasaba de ser un actor practicamente descoñecido, cuxos traballos non foran para alén da televisión mais algunha que outra interpretación secundaria no cinema. Nun principio, o seu aspecto, algo desaliñado e pouco elegante, non semellaba encaixar no perfil do personaxe, pero cando ao final do casting Broccoli e Saltzman o observaron pola ventá, camiñado cara ao seu coche, determinan que ese tiña de ser ser o actor que finalmente interpretase o axente secreto máis famoso da historia da gran pantalla. Unicamente faltaba acicalar o seu aspecto e vestiario para poñelo ao servizo da súa Maxestade.

Compartir el artículo

stats