Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Con alta voltaxe

No poderío das metáforas

Con alta voltaxe

Paso a paso, libro a libro, Carlos Da Aira (Elgoibar, 1972) vai elaborando unha poesía espesa de contidos, cunha depurada mestría para expresar a súa amargura diante dun mundo que é hostil á súa conciencia. Proba disto é a publicación de A guera era contra nós, galardoado co Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey do concello de Fornelos de Montes. Chama a atención o inusitado poderío das súas metáforas, que impactan fortemente o lector, como neste fragmento de fervor dionisíaco: “terrible e impoñente coma calquera outro manicomio, inzado de altorrelevos, cicatrices infectadas, cos seus profusos demos estratexicamente apostados nas cornixas, o seu inventario de pecados baixo o altar, un mosaico de obscenas ameazas chapicando as paredes, as súas xofradas custodias enchidas de amor e tortura”.

Eis outro elemento decisivo da obra: estamos ante unha “prosa poética” de alta voltaxe. O autor retorce a linguaxe para bater na nosa sensibilidade co tema central que galvaniza o volume: a lembranza do conflito bélico, a memoria e a dor dos derrotados, dos desaparecidos, dos sepultados nas beiras das estradas (o esquecemento supón a máis terríbel das sepulturas): “en que outeiro chimpaban os cadáveres, con que contundencia incorporaban ás cantigas do serán a descrición minuciosa do xeito enxebre de matar un home ou un pai”. Cómpre sinalar a presenza constante da ironía, da ironía tráxica, que nos remite á Beat Generation (Ginsberg, Burroughs): “Por riba do seu epitafio escrito en minúsculas/fan o amor os insectos/é tan lindo observalos copulando,/en equilibrio,/sobre os puntos dos is”. Sarcasmo que pode ser deliciosamente lapidario: “Houbo un tempo en que a nostalxia tan só se deixaba acariñar polos herexes”. Ou que pode lembrar o acedume dun Celan: “Eu, que, coma vós, tamén me chamo ninguén”.

Obra inzada de disabor melancólico, de desencanto, dunha angustia explosiva e crepuscular: “Non sería a primeira vez en que o mundo muda por unha causa menor”, onde aínda cabe o fugaz vislumbre da esperanza.

DA AIRA, Carlos, A guerra era contra nós, Xerais, Vigo, 2020, PVP.11, 87 €

Compartir el artículo

stats