Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Con visión libertina

Territorios para a polémica

Con visión libertina

A autora franco-canadense Andrée Wilhelmy gañou o premio Sade no 2015 por Os sangues, unha obra que sorprende pola elegancia de estilo, porque se interna nun territorio escuro cunha ollada amoral e porque recrea a historia de Barba Azul cun final que, en pleno auxe do feminismo, non reproduce a rebelión da última esposa do ogro, tal como sucede na versión orixinal recollida por Perrault da tradición oral.

A novela da voz a sete mulleres que escriben en setes diarios íntimos a súa relación con Féléor, un refinado e poderoso aristócrata, que amosa unha paixón desmedida pola carne crúa, a violencia e mais as experiencias extremas, das que serán vítimas as súas esposas. Estas, lonxe de evitaren os excesos do ogro, caen nas súas redes por propia vontade e consenten que a máxima dominación satisfaga os desexos de Féléor. A decisión das mulleres de morrer por dar intenso pracer a un home coloca os lectores nun territorio aberto á polémica. Un mundo de perigos, paixón levada ao límite, erotismo, instinto salvaxe e autodestrucción vencellan esta narración, escrita con clara vontade estética, ao medievalismo, ao romanticismo e ao mundo da psicanálise freudiana.

Estamos ante un libro arriscado que, no contexto actual, pode provocar reaccións moi contrarias. Pero o que está claro é que o perverso Féléor, que reúne os diarios e os anota; Constance, que pretende esquecer o marido; Mércredi, propensa á idealización do monstro; a bailarina Abigaelle, cultivadora da dor; a fría Phélle; a fermosa Lotta; e a curiosa e desprezada Marie forman un retablo difícil de esquecer.

ANDRÉE, Wilhelmy, Os sangues, (trad. Moisés Barcia) Rinoceronte, Cangas, PVP. 18,5

Compartir el artículo

stats