Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sucesivas denuncias

Unha voz a ter en conta

Sucesivas denuncias

Escribe Abraham Pérez (Lugo, 1990), en Fragmento creba, un poemario de sucesivas denuncias. Observamos unha progresión no desencanto e na expresión dunha angustia existencial. Para lograr transmitila, o noso autor exclúe un aumento de decibelios ou de prolixos argumentarios. Pola contra, emprega dous recursos centrais na maioría das súas composicións: a brevidade e a ausencia de verbos, o que implica unha esencialización do discurso e unha cousificación do contido poético: “Materia sen aura/mercancía: diñeiro”. Esta acumulación de ocos gramaticais termina provocando a impresión de lermos algo abstracto e fragmentario, como o título nos anuncia. Curiosamente, esa tendencia xeral de referencias filosóficas vai derivando cara a unha alegación política contra o desapiedado capitalismo neoliberal; en concreto contra a vacuidade materialista dos EE.UU. como no longo poema “Davis Danton”, que conclúe coa adoración do becerro de ouro. Ou contra a alienación cibernética en “Google”, onde lemos: “Pantalla e fiestra:/opción de apertura/de mundo/na súa propia clausura”.

Resulta paradoxal que a invención de Internet pretendese ampliar o mundo, interconectalo e informalo cando os efectos que causa no planeta acaban sendo os contrarios: a reclusión, a redución (todo vale por un instante de fama) e o triunfo da desinformación. Este ánimo quebradizo, esta denuncia profusa acha un magnífico resumo no extenso monólogo interior satiricamente verborreico de “Luces de neon”: “comprador dun espazo momentáneo de vacuidade e embrutecemento fractal”. O dito, unha voz a ter en conta.

PÉREZ, Abraham, Fragmento creba, Galaxia, Vigo, 2020, PVP. 19

Compartir el artículo

stats