Ayúdanos a ayudar ¡Suscríbete! Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Francisco Xavier Redondo Abal - Historiador

“Ezkaba rompe o mito da Galicia submisa”

O 22 de maio de 1938, durante a Guerra Civil, 795 republicanos presos no Fuerte San Cristóbal (Pamplona) protagonizaron a maior fuxida da historia de Europa do século XX. En Ezkaba. Galegos na Grande Evasión (Toxosoutos) Redondo Abal non só reúne datos sobre os 198 galegos que participaron senón tamén dos 604 que pasaron por aquel presidio

Francisco Xavier Redondo Abal.

–Ata hai poucos anos, e aínda menos en Galicia, a evasión de Fuerte San Cristóbal foi moi pouco coñecida. Por que durou tanto este silencio sobre un feito tan espectacular?

–Pois, fundamentalmente, porque ninguén investigou aquela grande evasión, algo que chama a atención se temos en conta que falamos da maior fuxida de presos na historia da Europa do século XX; en total 795 persoas escaparon daquel inferno. Pero, ademais, porque a cultura da desmemoria triunfou nun país que nin quixo saber nin a deixaron coñecer. A Transición española naceu como una herdanza do réxime franquista e, claro, cantos máis crimes daquel réxime quedaran agochados, mellor. Vivimos nun país onde unha ditadura de corenta anos saíu indemne e foi branqueda. Por fortuna, Galicia conta a día de hoxe cun nutrido grupo de historiadores serios, rigorosos e honestos que, ademais, traballan arreo cunha metodoloxía científica. Iso tamén trae consecuencias negativas, e sobre a xudicialización do traballo histórico saben moito algúns autores,como Dionísio Pereira ou Carlos Babío, por poñer só dous exemplos galegos.

–San Cristóbal estaba cheo de presos republicanos pero, tratábase de presos que eran considerados especialmente perigosos polos franquistas ou calquera republicano, polo mero feito de selo, podía acabar alí?

 –Os presos galegos enviados a Ezkaba defendían a legalidade republicana que, en 1936, foi subvertida pola forza das armas. Ningún deles cometera delito de ningunha especie. Non estaban considerados “especialmente perigosos”: simplemente eran “rojos”, “masones”, “anarquistas”, “republicanos”, “ateos”… O feito do traslado a Pamplona daqueles homes responde ao carácter cruel e vingativo das novas autoridades sublevadas. A dispersión dos presos fóra dos seus lugares de orixe e a separación das súas familias e dos seus entornos sociais –que agravaba máis as duras condicións de encarceramento– foi a base sobre a que funcionou o universo penitenciario franquista. Como ían ser perigosos un labrego de dezaoito anos de Cambados, un mariñeiro de vinte dous de Bueu ou un albanel de vinte de Monforte? Que perigosidade tiña un canteiro de Vilagarcía de Arousa, un panadeiro de Bouzas ou un zapateiro de Leiro que, probablemente, nunca saíran dos seus concellos? O relevante é coñecer que pensaron todos eles cando traspasaron as portas da Prisión-Fortaleza de San Cristóbal e penetraron naquel inferno que nunca debeu existir.

–Podemos consideralo o presidio franquista máis duro de todos cantos houbo durante a Guerra Civil?

Todos os presidios franquistas foron inhumanos, crueis, e, desde logo, Ezkaba non se saíu da norma. Pero non está de máis lembrar aquí a Illa de San Simón, a Prisión Central de Celanova, o Destacamento Penal das minas de Casaio, San Felipe, Camposancos… Autores como Rodríguez Teijeiro estudaron polo miúdo eses centros de infamia en Galicia e Carlos Hernández os campos de concentración que xurdiron en todo o Estado español a raíz da Guerra Civil. Todos foron lugares dunha extrema crueza, dunha barbarie inimaxinable e dunha brutalidade infinita. Sobrevivir neles non debeu ser doado. O medo, a tristura e a desesperanza foron moeda corrente entre aqueles muros. Pero tamén, segundo as memorias escritas por algúns dos sobreviventes, existiu a solidariedade entre os presos e o compromiso ético e ideolóxico dos que arelaban un país democrático e soberano.

–Que podería dicirnos das lamentables, e ata crueis, condicións de vida cotiás dos presos de Ezkaba?

As persoas recluídas en Ezkaba sufriron todo tipo de padecementos e tormentos impropios dunha sociedade civilizada: frío, humidade, enfermidades, fame e sede, malnutrición e a consecuente avitaminose que inchaba os corpos e remataba co pasamento inmediato, carencia de hixiene, malos tratos e inhumanidade. As condicións de reclusión foron pésimas. As pragas de piollos, sarna e outras infeccións parasitarias foron constantes. As mortes por tuberculose pulmonar (moi contaxiosa), anoxias e colapsos cardíacos levaron a moitos presos á morte. Tal era o maltrato das autoridades no presidio que, tras a evasión, foron detidos e xulgados o director de San Cristóbal (Alfonso Rojas), o seu axudante (Manuel Muñoz) e o responsable militar do presidio (Manuel Cabezas). Os tres foron acusados de malversación de fondos públicos; é dicir, do desvío de orzamentos destinados á alimentación e medicinas para os presos. O uso fraudulento do economato e a enfermería condicionou, e moito, a fuxida do 22 de maio de 1938. Por certo, os tres citados foron absoltos tras o xuízo.

–Por que coincidiron tantos galegos presos alí?

Porque o desarraigo familiar foi outro xeito de castigar a aqueles que amosaron posturas que non coincidían coas dos sublevados. Hai que subliñar que moitos dos presos galegos trasladados a Ezkaba militaban en organizacións republicanas, esquerdistas ou estaban encadrados en sindicatos de clase, como a UXT ou, especialmente, a CNT. Resulta pertinente desmitificar a idea dunha Galicia submisa e entregada aos militares amotinados. Aqueles homes non foron fusilados en Galicia nin tampouco ‘paseados’, pero as autoridades franquistas agardaban que non sairían con vida dun penal de condicións tan extremas como foi San Cristóbal. E case o logran.

–De que frontes da guerra procedían maioritariamente os presos galegos?

–En Galiza non houbo frontes de guerra. En dúas semanas todo o territorio quedou baixo control dos militares fascistas. Só existiu represión, unha represión estruturada, planificada e executada sen compaixón. Dende logo, case todos os enviados a Ezkaba foron xulgados no noso país, acusados dun xeito alucinante de “rebelión militar”: os rebeldes xulgando e acusando de rebelión! Aqueles galegos atopábanse en prisións e campos de concentración galegos cando, un día, foron levados en vagóns de mercadorías a un presidio situado a mil quilómetros dos seus fogares. Os traslados duraban dous, tres e ata catro días nunhas condicións lamentables. Moitos presos supervivintes lembrarán o frío aterrador en inverno ou a calor sufocante no verán cando eran trasladados de Galicia a Pamplona. Esa mesma historia percorrerá Europa pouco tempo despois con outros protagonistas.

– Cal era o obxectivo prioritarios dos fugados: pasar a fronteira de Francia ou reincorporarse á fronte de guerra do exército republicano?

– Entre os organizadores da fuxida si que existiu o desexo de achegarse a Francia, distante a uns 50 quilómetros de Ezkaba, para, de seguido, reincorporarse ás ringleiras republicanas e continuar a loita contra o fascismo sublevado. Con todo, eu penso que a maioría dos evadidos fuxían da fame, do frío e das enfermidades. Querían vivir. Pero, como fuxir estando famélicos, mal vestidos e peor calzados? Como facer fronte aos seus perseguidores, estando desarmados case todos eles? Que camiño tomar entre a chuvia e a escuridade, cos militares, falanxistas e requetés tras eles entre potentes reflectores e disparos de metralladoras? Cazáronos no monte como coellos, non tiveron piedade e 206 evadidos foron asasinados non montes cercanos, entre eles cincuenta e cinco galegos. Dos 795 homes fuxidos só tres chegaron a Francia. O resto que non resultou tiroteado, foi devolto á disciplina do penal. Un novo xuízo motivado pola evasión condenou a cada un deles a sete anos de prisión, unha pena que se viña engadir aos trinta anos de cárcere coa que chegaran a San Cristóbal. Por certo, o preso evadido que máis tempo tardaron en localizar e deter era tamén galego: Amador Rodríguez Solla, un zapateiro libertario de Salceda de Caselas. Tardaron case tres meses en apresalo mentres vivía nunha cova coa vista do monte Ezkaba a uns centos de metros. Foi o preso que máis tempo gozou de certa liberdade.

Compartir el artículo

stats