A nova entrega do profesor Ignacio Vidal Portabales, Lara e Sabela, editada por Xerais e merecedora do XXVI Premio de novela curta Manuel Lueiro Rey, adéntranos na perspectiva do amor lésbico visto por un escritor, trazo moi pouco frecuente na novela galega. Xa que logo, imos atopar no texto a Sabela, unha galerista namorada de Lara, pintora que expón no seu local e representada da primeira, quen nos conta en primeira persoa a relación que vai ter coa artista. Desde o principio ata o final é Sabela a única narradora da novela que, a modo de diario, vai escribindo como a súa non é unha relación correspondida malia que a amiga vaia vivir con ela. Lara acaba de quedar viúva e debe asumir a fin dunha relación que trae sorpresa xa que o marido lle comunica nunha carta póstuma, a existencia de Ariel, de seis meses de idade e que, obviamente, non é froito do matrimonio. As descricións das técnicas de conquista por parte de Sabela, os problemas de cartos de ambas as dúas, a decisión de acoller a Ariel, a relación co avogado que leva os asuntos de Valentín, o defunto marido, etc., son tratados desde un punto de vista humorístico, de maneira que poderiamos dicir que estamos ante unha novela de amor e de humor. Outras veces o humor describe situacións que poderiamos cualificar como pouco éticas, como a do home que trouxo unha pardela da Illa de Man para loitar contra a filla dos veciños que estuda piano e martiriza os veciños, ou todas as situacións discutiblemente lícitas ou manifestamente ilegais que poñen en práctica as principais protagonistas para sortear a súa situación económica.
