Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Versos que conmoven

Poesía desde Euskal Herria

Versos que conmoven

Iniciativas como a emprendida por Chan da Pólvora, de editar poesía nun volume trilingüe (éuscaro, galego e castelán) merecen o noso máis solidario entusiasmo. Así nace Hirietan/Nas cidades/En las ciudades de Beatriz Chivite (Iruñea/Pamplona, 1991), unha antoloxía realizada e traducida ao castelán pola propria autora. O primeiro poemario, Smog de Pequín (2012), sitúanos na capital chinesa. As pezas, que se achegan ao tanka e ao haiku, cartografan emocións, feitos e persoas que poboan a megalópole asiática: “De tanto ler/converteuse/nun personaxe de novela”. O caos espacio-temporal culmina en “Still life”: “Ás 24 horas ela escribe/palabras prohibidas en Pequín./Ás 12 horas en Valparaíso/el pinta a parede de cor verde”.

No libro seguinte, Metro (2014), o suxeito lírico observa os viaxeiros que pululan e ateigan o subterráneo de Londres. Son historias intuídas, presentimentos, que denuncian unha sociedade mercantilizada, vidas rotas pola incomunicación e o malvivir. En “Hipster” alguén entra na casa de noite, achégase á cama, descálzase: “Con coidado de non espertar o marido./E desexando espertalo”. En Biennale (2017) hai dous escenarios: un é mental, o da arte; o outro, físico, Venezia. Artistas numerosos desfilan polas súas páxinas. Por último, en Móbil/Limitación (2019), atopamos un lirismo tan íntimo como comprometido, magnificamente enfiado, sutil e feridor, de paleta cromática: “Tamén é de cor branca/todo o que non se dixo,/o interior dun círculo,/a lembranza da miña avoa/e a cor do té de xasmín”. Sen dúbida, a denuncia contra as desigualdades e as inxustizas sociais alcanza resultados óptimos.

Obras como esta (cun informativo prólogo de Jon Kortázar e Aiora Sampedro e a tradución ao galego de Isaak Xubín) son imprescindíbeis para coñecermos o panorama poético basco e as perspectivas que alberga. Tamén, para desfrutarmos con versos que certamente nos conmoven: “Amarela é a tapia do teu pai/e a picadura da avespa./Os berros dunha nena/de tres anos/que corre pola horta”. Precioso.

CHIVITEm Beatriz, Nas cidades, Chan da Pólvora, Santiago, 2020, PVP. 14,25

Compartir el artículo

stats