Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Susana Seivane | Gaiteira

“O meu novo disco ben puido ser o primeiro da miña traxectoria”

Dende o meu balcón é o novo álbum de Susana Seivane, e abofé que o título reflicte o seu contido: pezas que interpretou dende o balcón da súa casa, durante 55 dos días de confinamento, e que foron retransmitidas polas redes sociais. É, tamén, unha homenaxe aos vellos e novos compositores e gaiteiros que deixaron pegada na súa propia traxectoria.

Susana Seivane no balcón da súa casa.

–Tiña claro dende o principio que desas actuacións nacería un álbum novo ou esa idea veulle despois?

–A verdade é que, dende o principio, non. Todo foi xurdindo dun xeito moi natural, pero a partir dun momento ocorreu que xente que me seguía nesas actuacións comezou a suxerirme pezas para que eu as interpretase dende o balcón, de maneira que, ao cabo, fun intercalando os temas do meu repertorio con esoutras peticións que, por certo, ás veces coincidían coas que eu tiña previsto tocar. A medida que nos iamos desescalando do balcón, após cincuenta e cinco días consecutivos, o que me xurdiron foron moitas peticións de que esas actuacións quedasen reflectidas nalgún sitio. Daquela díxenme: “pois vale, que mellor que nun disco!” E xa agora mesmo o que penso é que, realmente, este álbum puido ter sido o meu primeiro disco porque gran parte deste repertorio eu xa o tiña rexistrado nunha maqueta que gravara hai máis de trinta anos, cando tiña 14 ou 15 anos de idade.

–Que criterio aplicou para escoller as pezas e mais os compositores finalmente incluídos no álbum?

–No disco están todas as que toquei no balcón, o que pasa é que algúns días tocabamos dúas ou tres pezas e, otros, unha soa. Ocorre que, claro, máis de cincuenta e cinco temas, que agrupei en vinte suites, non collen nun só CD, de maneira que tiven que facer unha peneira cun criterio moi sinxelo: agás dous casos (un par de pezas que compuxo o meu avó), decidín non incluír as cancións que eu xa tiña gravadas en anteriores discos.

–O seu avó foi moi importante na súa vocación musical...

–E tanto! En cada disco que fago, procuro que haxa sempre unha pegada del.

–No disco xunta compositores (e intérpretes) históricos con gaiteiros que aínda están en plena actualidade. En todos os casos, procurou ser fiel ás interpretacións orixinais ou quixo darlle ás pezas a súa pegada personal?

–Ambas cousas. Por exemplo, se interpreto unha peza de Ricardo Portela, sempre me gusta incluír algún adorno ou xiro do xeito que tiña el de tocar, pero evidentemente eu non podo renunciar ao meu propio estilo.

–De Ricardo Portela cúmprese este ano o centenario do seu nacemento. Foi Portela, tamén para vostede como para outros gaiteros galegos actuais, unha figura decisiva na súa formación como gaiteira?

–Eu coñecín a Portela cando era moi pequena, porque don Ricardo adoitaba visitar o obradoiro de gaitas do meu avó, e por iso o meu avó foi moi importante para min porque a aquel obradoiro viñan os mellores mestres de gaita de Galicia. Eu sempre pensei que son unha gaiteira moi privilexiada porque,a verdade, non tiven necesidade de facer untraballo de recolleita de músicas tradicionais, xa que tiven a sorte de que esas grandes figuras históricas me visitaban na miña propia casa:_dende Ricardo Portela ou Moxenas ata os gaiteiros de Milladoiro ou Muxicas. Non caso de Portela, foi un dos meus grandes referentes, porque á marxe de coñecelo persoalmente, a min prestábame tanto o seu xeito de tocar como as ideas que tiña sobre a gaita e as nosas tradicións. De feito, sempre tiven moi presente o seu repertorio ao longo de toda a miña traxectoria. Dende logo, a presenza de Portela non podía faltar neste disco.

–Cal coida que foi a principal aportación de Ricardo Portela ao eido da gaita galega?

–O seu estilo de tocar é inconfundible; unha escoita unha peza tocada por Ricardo Portela e sabe axiña que é del, porque tiña unha identidade de seu. Alén diso, Portela foi un home moi preocupado pola transmisión interxeracional da música tradicional: era, nese senso, un mestre que non só ensinaba, senón que repartía os seus coñecementos para que non se perdesen nin ficasen esquecidos. E hai tamén outra cousa s moi importante: foi un gaiteiro que sempre quixo dignificar a nosa profesión. Como anécdota, direiche que, nos carteis que anunciaban as súas actuacións, nomeadamente nos festivais e nas festas, el non quería que o seu nome figurase con letras máis grandes nin mais pequenas que as do resto de artistas cos que ía compartir escenario.

–Chama a atención que incluíu vostede tamén pezas de Moxenas, moi coñecido en Vigo e a súa comarca, pero relativamente pouco no resto de Galicia. Que destacaría dese legado?

–Eu penso que no mundo da gaita, Moxenas si que é coñecido en toda Galicia, pero quizais nos deixou demasiado cedo e non trascendeu noutros sitios tanto como en Vigo. Para min, Moxenas foi un compositor espectacular. Cando eu era pequena, dous dos grupos que máis escoitaba eran Milladoiro e o de Moxenas.E, con el, ao igual que con Portela, ocórreme que en todos os meus discos hai algo da súa obra, Por outra banda, direiche que se trataba dun home sempre alegre e simpatiquísimo; era unha persoa moi divertida e abofé que pasei momentos de moitos risas falando e tocando con el.

–Non a quixese eu meter nun salsepodes, pero voullo preguntar: o legado dos compositores galegos actuais de gaita vén estar á altura do que deixaron os Portela, Moxenas, Perfecto Feijoo, Avelino Cachafeiro, etc…?

–Coido que si. Temos uns gaiteiros hoxendía que compoñen unhas músicas moi fermosas, auténticas xoias. A min gústanme moito Marcos Castro, Pepe Romero, Suso Vaamonde…En verdade que tivemos grandes figuras na nosa historia musical, pero aínda hai moito gaiterirazo e moita gaiteiraza en Galicia.

–Este disco é un punto e aparte na súa traxectoria ou continuará afondando no legado dos grandes compositores da gaita galega en futuros traballos?

–Pois non desboto facer unha especie de segundo volume, pero espero que non faga falta pasar por outro confinamento coma o que sufrimos (risos). O certo é que estou descubrindo que moita xente, nomeadamente profesores de gaita, me din que este disco lles está servindo como apoio na formación dos seus alumnos. Pero, claro, do álbum tamén me quedaron fóra outras pezas de grandes clásicos e xoias do noso patrimonio musical e agora resulta que mos están “reclamando”. E, si,;non sei cando, pero segurode certo que o farei, porque ademais penso que este tipo de traballos que renden homenaxe aos grandes mestres son necesarios, e tanto o público como os propios compañeir@s músicos, agradécennos. E iso é precisamente o que me está a acontecer agora a min mesma con Dende o meu balcón.

–A pandemia do Covid 19 está a limitar moitísimo os concertos en directo. De que modo a está a afectar a vostede esta situación?

–En xeral, todos os artistas estamos a pasalo francamente moi mal.Dende marzo, xa se cancelou toda a xira que tiñamos prevista para este ano, e xa pensabamos que ao longo de 2020 non iamos  facer absolutamente ningún concerto. Pero, ben; a cousa foi reactivándose pouco a pouco, fixemos algunhas cousiñas, pero a maioría delas con redución de músicos e uns cachés, desde logo, que baixaron estrepitosamente.

Compartir el artículo

stats