O 30 de outubro de 1920, isto é, hai xusto cen anos, saíu na cidade de Ourense o número un da revista Nós. Boletín mensual da cultura galega, pedra angular no desenvolvemento cultural dun tempo en que no noso país se conforma unha auténtica cultura nacional, que ten na consolidación literaria da lingua galega un dos seus esteos fundamentais.
Desde a creación das Irmandades da Fala en 1916 este proceso fora tomando forma, e desde un principio se foron perfilando iniciativas que atinxían á normalización do idioma, impulsando a utilización do galego na prensa, diversificando o seu uso literario, especialmente na narrativa e o ensaio, promovendo ámbitos e espazos de difusión, etc. Mais o afán galeguizador alcanzou todos os campos da cultura -a arquitectura, a plástica, a música, a filosofía, a investigación científica- para acabar por converterse nun proxecto de dignificación colectiva do país.Neste contexto o boletín Nós foi a cerna do renacemento cultural galego, por empregarmos unha denominación ao uso naquela altura. A revista permítenos enxergar o plural e rico horizonte cultural da preguerra, onde destaca a relación do medio editorial e literario co artístico, un panorama que pon en evidencia a completa simbiose do mundo da escrita e das artes plásticas, que camiñan en paralelo nesa Galiza que renace, como salientar variados testemuños da época, entre eles o de Castelao que situaba neses anos o tempo en que “Galiza s’espreguizaba d’un longo sono”.
En concreto, para as artes plásticas, a nacemento da revista Nós vai ser tamén un feito relevante porque, nesta altura, a estreita conexión entre o literario e o plástico tiña unha importancia salientábel, produto dunha afinidade fonda, dun substrato ideolóxico e cultural que comparte a necesidade de que as distintas expresións estéticas sirvan á causa do país (Galiza) e teñan como finalidade a consolidación de variadas expresións culturais inequivocamente galegas. Así se entenden os constantes apelos á creación dunha escola de pintura galega e os debates sobre a normalización social da lingua e o seu uso literario. Xa que logo, a presenza da inmensa maioría dos pintores galegos que marcan o tránsito da pintura de costumes rexionalista á modernidade de influencia vangardista pódese percibir na ilustración da revista. Como é ben coñecido, o deseño da publicación está marcado pola figura de Castelao, que crea unha identidade plástica e tipográfica, ámbas moi ligadas á tradición medieval, nomeadamente ao Pórtico da Gloria. Figura chave do pensamento, a literatura, a política e a arte galegos, no seu traballo en Nós podemos percibir como a súa obra evoluciona, superando o inicial dominio da anécdota costumista e a influencia modernista, cara a un realismo social de influxo popular e expresionista.
Máis desde moi cedo, Nós tamén acolle a presenza de artistas ben diversos que van desde a xeración do propio Castelao como Felipe Bello Piñeiro, Camilo Díaz Baliño, Xaime Prada ou Luís Pintos Fonseca até o que será o movemento renovador da arte galega, como é o caso de Cándido Fernández Mazas, Manuel Méndez, Luís Huici, Carlos Maside, Manuel Colmeiro ou Luís Seoane.
Deseño e ilustración
O deseño de Nós está marcado pola figura de Castelao, director artístico da publicacion, que crea unha identidade plástica e tipográfica, ámbas moi ligadas á tradición medieval, nomeadamente ao Pórtico da Gloria da catedral de Santiago.
No traballo de Castelao na revista podemos percibir que o simbolismo está ben patente nos presupostos de partida e que o reformula desde presupostos nacionalistas, con temas como o celtismo ou as referencias da tradición popular cun universo mítico-relixioso en que fan acto de presenza as mámoas e as citas do románico -os monstros do Mestre Mateo-, do que é exemplo senlleiro a capa definitiva da revista mais que xa se poden enxergar en variadas ilustracións desde a primeira entrega.
No número inicial da revista todas as ilustracións son de Castelao -mesmo a publicidade de Augas de Mondaríz- e responden a estes presupostos, comezando pola tipografia que deriva da inscrición dos linteis do Pórtico da Gloria do Mestre Mateo do ano 1188. A mesma orixe mateana teñen os cabezallos e direfentes orlas decorativas. E destacan así mesmo as tintas que ilustran os principais artigos, entre elas a dunha caveira, tema caro ao simbolismo e que Castelao chega a utilizar mesmo no seu ex libris. Salientan tamén, polo coidado tratamento gráfico, unha expresionista “Roda de noite” e unha ilustración dolménica. Este último motivo, que o artista rianxeiro comparte con outros artistas desta altura como Camilo Díaz Baliño, sitúase na liña de reformulación en clave nacionalista de temas como o celtismo, o graal ou as referencias da tradición popular cun universo mítico-relixioso ateigado de mámoas, druídas, citas do románico, recreación de arquitecturas senlleiras do país ou carballas centenarias, todo cun celme de misticismo plasmado cunha linguaxe simbolista.