Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A fe como principio de autoridade

Historia do pensamento (IX)

Os catro evanxelistas representados na Biblia de Carlos “o Calvo” (mediados do séc.IX).

No ano 415 Hipatia, a astrónoma que mostrara a validez das teorías heliocéntricas fronte ao xeocentrismo postulado por Ptolomeo, foi degolada polos paraboláns, uns fanáticos cristiáns ao servizo do patriarca Cirilo de Alexandría, aínda que non existen probas de que ordenase o asasinato. Ese acontecemento marcou o punto final da primacia da razón sobre as crenzas no mundo grecolatino.

A formación do dogma cristián: Xesús morreu na cruz… Ora ben, quen era Xesús? Cal era a súa mensaxe? Obviamente, Xesús era un xudeu que difundiu unha interpretación do xudaísmo como viñan facendo outros moitos grupos ao longo da historia do xudaísmo (saduceos, hasideos, esenios, zelotes...); non obstante, da man de Paulo de Tarso, un xudeu-romano con formación platónica, ese pensamento renovador transformouse nunha mensaxe de validez universal.

Porén, Xesús non deixou o seu pensamento por escrito á súa morte (ca. 33) e Paulo de Tarso escribiu as súas epístolas antes da súa morte (entre os anos 58 e 67). Daquela, nos anos posteriores, logo do incendio de Roma e das persecucións a que eran sometidas as xentes que seguían a ‘boa nova’, xurdiron moitos textos nos que persoas que mantiveran un contacto directo con Xesús escribiron as súas lembranzas con ánimo de transmitir as ensinanzas de Xesús: velaí están os evanxeos de Marcos, Mateo, Lucas e Xoán (escritos entre os anos 68 e 110) e unha serie de textos, entre os que se atopaban as lembranzas de María Magdalena, Santiago, Pedro... E precisamente como consecuencia desta diversidade de lembranzas, elaboráronse numerosas interpretacións das palabras de Xesús, o que deu lugar ao xurdimento de diferentes ‘seitas’ cristiás, como os gnósticos, inspirados nos evanxeos de Tomás, Filipe e Nicodemo, que recibirían a influencia do filósofo Plotino (205-270). Alén doutras como o donatismo (un movemento social), o arrianismo, o priscilianismo..., nas que a diferenza xiraba arredor da natureza de Xesús, do recoñecemento da ‘trindade’, da natureza do pecado e da graza... Alén do maniqueísmo, unha doutrina relixiosa fundada por Maní que influíu en numerosos grupos cristiáns primitivos.

Fronte a estas ‘seitas’ ou correntes de pensamento cristián, foise configurando un dogma oficial, no que xogaron un papel relevante o Concilio de Nicea (325) e a obra dos pais da Igrexa, Ambrosio de Milán (340-397), quen fixou o canon litúrxico; Xerome, quen fixou o canon bíblico ao traducir a Vulgata no ano 382, da que deixou fóra os evanxeos apócrifos; Agostiño de Hipona (354-430); o papa Gregorio o Magno (590-604), con quen se reformou a Igrexa latina, tanto no temporal -ao sentar as bases do estado pontificio (fundado no 751), fronte ao abandono no que se atopaba Roma por parte do Imperio Bizantino nese momento, como no litúrxico -a el se atribúe o canto gregoriano- e evanxelizador, ao promover a cristianización dos pagáns; ou, Isidoro de Sevilla (556-636), autor das Etimoloxías, obra na que reúne o coñecemento do seu tempo.

O pensamento noutras latitudes: O asasinato de Hipatia, nun contexto de loita polo poder logo de que o edicto de Tesalónica (380) fixese da cristiá a única relixión do imperio, foi a manifestación do novo contexto filosófico no ámbito da cristiandade.Neste sentido, a partir dese momento a razón florecerá na academia de Gundeshapor, na Persia sasánida, onde se reuniu unha importante escola neoplatónica, e se desenvolveron a astronomía e a medicina; na India gupta, principalmente da man dos matemáticos que formalizan o número cero e o sistema decimal na estela de Aryabhata e dos médicos herdeiros de Vagbhata; e na China, onde permanece activa a escola dialéctica fundada polos sete sabios do bosque de bambú entre os anos 220-280.

Agostiño de Hipona


Romano da Numidia, Agostiño dedicouse ao estudo gramático e filosófico salientando como pensador maniqueo, o que lle levou mesmo a manter unha disputa con Ambrosio de Milán, quen lle fixo coñecer a obra de Plotino e as epístolas paulinas.

Coñecedor, ademais da obra de Cicerón e do sistematizador do dereito romano, Gaio, o pensamento filosófico que elaborou o filósofo de Hipona xirou arredor dunha serie de temas que van definir a tradición filosófica cristiá posterior. Velaí están as súas reflexións sobre a cuestión da ‘complementariedade’ da razón e da fe, que está apoiada por Deus polo que sempre prima fronte á razón; do libre albedrío, entendido como capacidade das persoas para vivir de acordo co don da graza divina (as virtudes cristiás), orientada á salvación, superando así o pecado orixinal -vincula o pecado á ignorancia-, co que segundo o seu sistema nacían as persoas, polo que se ben existe a predestinación, non é determinante; da filosofía da historia, que é lineal, progresiva e finalista; da ética, que xira arredor da idea de amor cristián (‘ama ao pecador pero non ao pecado’) e da xustiza (promovendo a liberación de escravos e a solidariedade cos desfavorecidos); do dereito e da política, defendendo un estado teocrático, no que as leis do Estado debían estar inspiradas por leis xustas, isto é, a lei de Deus.

Autor de Confesións e a Cidade de Deus, entre outros textos nos que polemiza cos herexes, a súa obra é a primeira gran síntese entre o pensamento cristián definido no Concilio de Nicea (325), convocado polo emperador Constantino e no que se acordou que o bispo de Roma fose o ‘primeiro’ dos bispos e patriarcas, e o pensamento platónico da tradición grecolatina.


San Isidoro (560-636)

Santo Agostiño (354-430).

Compartir el artículo

stats