Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Do sagrado e do profano

Con linguaxe sobria

Do sagrado e do profano

A natura exposta, publicada por Rinoceronte en tradución de Moisés Barcia, é da autoría de Erri de Luca (Nápoles, 1950), autor que tivo unha vida bastante axitada e dispar: viviu activamente o movemento do 68, traballou como albanel e camioneiro…, e cando a guerra dos Balcáns foi condutor de vehículos de apoio humanitario, o que o axudou a coñecer moi ben certas estradas, rotas e camiños, así como a conducir con destreza e sixilo en circunstancias hostís, ao que cabe engadir que, como apaixonado alpinista, coñecese a fondo a montaña. Isto, como veremos, será fundamental para a súa creación literaria, e en concreto para a novela que hoxe comentamos.

Comeza nun lugar entre os Alpes italianos -no que non son posibles as fronteiras, pois a montaña, ao igual ca o río, é máis un medio de comunicación ca unha separación-, onde vive o escultor protagonista desta “historia”, que, ao ser un gran coñecedor das rotas que permiten cruzar a raia, dedícase tamén a pasar inmigrantes clandestinos, como moitos outros na vila. Ora ben, el, ao contrario que os demais, non lles cobra, pero ocorre que un deses viaxeiros, escritor, escribe sobre el e, sen querelo, descóbreo, polo que se ve obrigado a trasladarse a outra vila, esta vez á beira do mar. E alí, como escultor, recibe un curioso encargo dun cura: retirar da estatua dun Cristo crucificado o pano que se lle puxo para taparlle o pene, que deberá quedar ao descuberto. Eis a causa do título: a natura exposta.

Nunha linguaxe sobria, mestúranse diversas tramas e reflexións: o drama da inmigración ilegal, a solidariedade, o sentido do sagrado e o profano, o lugar que ocupa a relixión na sociedade… de forma densa, intensa e poderosa, que moito paga a pena realmente ler.

DE LUCA, Errri, A natura exposta (trad. M. Barcia), Rinoceronte, Cangas, 2020, PVP. 16

Compartir el artículo

stats